A suba das materias primas e doutros custos de produción, como o gasóleo ou a electricidade, está a poñer contra as cordas aos produtores de leite galegos. Analizamos como están a vivir os gandeiros doutras zonas de Europa a situación actual e por que a súa maneira de producir é máis resiliente.
Resiliencia foi unha desas palabras que trouxo a pandemia. Aplicado ao sector lácteo referiríase á súa capacidade de resistir os vaivéns dun mercado desregulado desde o ano 2015 en Europa no que xogan de xeito determinante factores como a demanda internacional e o prezo do leite ou as cotizacións das materias primas para a alimentación do gando.
A autosuficiencia das granxas e a súa diversificación produtiva ou a fortaleza da industria láctea e o nivel de participación nela dos gandeiros son algunhas das claves de por que, no contexto europeo, a situación actual non está a afectar por igual a todos os países.
Comida de importación
Cos prezos actuais de materias primas como o millo (que no último ano pasou de custar 180€ a tonelada a estar hoxe a 327€), a colza (que pasou de 320€ a 460€) e a soia (que de 380€ púxose a 523€), seguir suministrándolles ás vacas unha ración elaborada en base a produtos importados é un luxo que cada vez menos ganderías se van poder permitir sen notalo nas súas marxes de beneficio.
A PAC avanza cara a unha vinculación entre superficie, número de cabezas e importe das axudas a percibir
Neste contexto de insumos polas nubes, o aumento da base territorial é fundamental para reducir custos de alimentación do gando. Tamén para implementar unha agricultura máis sustentable, con superficie dabonda onde botar o purín e aproveitar todo o seu potencial como fertilizante e na que levar a cabo cultivos forraxeiros, de cereal e proteicos substitutivos da soia que permitan reducir a dependencia das importacións, (un obxectivo de Bruxelas), así como prácticas de cultivo respectuosas co medio ambiente que poidan supoñer un importe extra nas axudas da PAC en aplicación dos ecoesquemas.
Duplicar a base territorial
As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa base territorial, principalmente pola vía do arrendamento de terras, se nos comparamos con outros grandes produtores de leite europeos.
Un bo redimensionamento da superficie das explotacións permitiría que as granxas mesmo se introducisen na produción de materias primas para concentrados. Está comprobado que cultivos como o trigo ou a couza poden producirse en Galicia con bos rendementos e habería superfice abandonada apta para acollelos en amplas zonas da comunidade.
O 55% da enerxía da ración das vacas de leite galegas vén de concentrados e só o 45% das forraxes producidas na explotación
En Galicia o 55% da enerxía da ración das vacas vén de concentrados e só un 45% das forraxes producidas na explotación. En Dinamarca, por exemplo, as porcentaxes son inversas: o 40-45% da enerxía procede de concentrados e o resto da explotación.
Xunto ao factor terra, dispoñer dun asesoramento técnico cualificado e independente preséntase como un elemento imprescindible para a mellora da calidade dos silos de herba, co que aproveitar todo o potencial produtivo de Galicia neste ámbito.
A responsabilidade da Administración
A Xunta de Galicia leva máis de 30 anos asistindo impasiva á desaparición de explotacións e ao abandono da terra en amplas zonas de Galicia, onde as praderías e as terras de cultivo deixaron paso aos eucaliptos (na metade norte de Galicia) e ás matogueiras (na provincia de Ourense).
Malia que a lexislación xa impedía a forestación de terras agrarias, na realidade non houbo ningún tipo de vixiancia ou control oficial sobre este fenómeno, que se foi extendendo a medida que a idade de xubilación obrigaba ao peche de explotacións sen relevo.
O Goberno galego tomou medo cando os lumes forestais do outono do 2017 cercaron a cidade de Vigo. Até entón semellaba non ser consciente da dimensión real do problema malia as miles e miles de hectáreas que levan ardendo, ano si e ano tamén, por toda a xeografía galega.
A moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos
Pero as medidas adoptadas desde entón (limpeza de faixas de protección, por exemplo) están sobre todo encamiñadas a protexer as vivendas dos lumes, máis que a facilitar terras ás explotacións en activo e a moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos.
En maio do ano pasado entraba en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, con escasos resultados prácticos até o momento, máis alá dun sinfín de anuncios oficiais de proxectos de aldeas modelo e polígonos agroforestais sementados por múltiples concellos galegos, na maior parte dos casos ubicados en lugares que caeron xa no abandono máis extremo e onde non existe demanda real de superficie agraria nin produtores para traballala.
A Xunta avanzou a súa intención de mobilizar 150.000 hectáreas de terras en desuso, pero de momento só ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman unhas 600 hectáreas repartidas en 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños.
A Consellería atópase cun dilema difícil de solventar: onde hai terra baleira non hai explotacións e onde están as explotacións non abunda a terra
Pero pouco ou nada se está a facer para que as granxas ubicadas nas principais comarcas produtoras (como O Xallas ou A Terra Chá) poidan ampliar a súa base territorial, máis que agardar que peche o veciño e arrende as fincas.
A Lei de Recuperación da Terra Agraria finánciase con fondos europeos, ao igual que os Plans de Mellora e a incorporación de mozos á actividade agraria. Sen embargo, dos novos instrumentos de mobilidade de terra (creación de aldeas modelo e polígonos agroforestais) non se van encargar as Oficinas Agrarias Comarcais, que tramitan os Plans de Mellora e son as que están en contacto coas explotacións e coñecen as súas necesidades, senón a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) encargada da xestión do Plan Leader e as subvencións para desenvolvemento rural con cargo aos fondos do PDR.
Os Plans de Mellora financiaron nos últimos anos a construción de naves e a compra de maquinaria pero non a adquisición de terras
A ampliación de superficie agraria, vía compra de terras ou alugueiro, non forma parte das prioridades dos Plans de Mellora. De feito, só é subvencionable destinar como máximo o 10% da axuda solicitada a mercar superficie, unha medida pensada sobre todo para poder facerse coa parcela onde construír a nova nave, máis que para gañar terras de labor ou superficie de produción.
É posible obter un Plan de Mellora para dobrar o número de cabezas sen aumentar a superficie, pero non dobrar a superficie sen aumentar o número de cabezas para gañar en autosuficiencia. É dicir, a axudas da Administración estiveron até agora destinadas a incrementar a produción sen ter en conta o modo de incrementala.
“É posible producir leite con menos concentrado”
César Resch é enxeñeiro agrónomo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e participa en distintos proxectos europeos vinculados co sector lácteo, como Dairy4Future, nos que mantén contacto con distintos centros de investigación de Francia, Irlanda ou Portugal, polo que é bo coñecedor da realidade actual e o modelo de produción leiteira destes países.
César considera arriscado o sistema de produción polo que apostou Galicia e reclama un cambio de paradigma que blinde ás explotacións leiteiras fronte a futuras crises. “Non é posible facer unha restruturación dun día para outro nin estou propoñendo quimeras, pero deberíamos aproveitar o potencial que temos para producir leite en base a forraxe, tendo oportunidade de facer unha gandería diferente”, argumenta.
Afrontar os hándicaps que temos leva tempo pero nalgún momento hai que empezar. Un deles é o consumo excesivo de penso
“Ao mellor non podemos ter vacas de 12.000 litros pero si de 9.000 litros con 200 gramos de concentrado e dando máis graxa e proteína”, exemplifica. E propón comezar a andar ese camiño porque “os grandes cambios estruturais da agricultura e gandería, como calquera cambio da vida, levan tempo, pero hai que facer planificación e cumprila; un exemplo diso é Irlanda”, compara.
“Modelo intensivo sen cabeza”
César califica o sistema que se foi impoñendo de xeito maioritario nas explotacións leiteiras galegas de “modelo intensivo sen cabeza”. “Facer unha ración a base de soia ten un risco altísimo. É un modelo que ten os pés de lama e que se tambalea cada vez que vén un problema de prezos nas materias primas”, asegura.
O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén en canto á utilización do terreo; aquí sen embargo centrouse na vaca
“O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén. Por exemplo, o sistema irlandés é moi intensivo na utilización do terreo, con parcelas nas que obteñen de 14 a 15 toneladas de materia seca de herba por hectárea. Aquí a produción centrouse na vaca, alí centrouse na terra”, diferencia.
Producir leite a base de penso é “cómodo”
César afirma que o sistema galego “é un modelo moi cómodo e mentres a relación custo do concentrado-prezo do leite sexa favorable todo vai ben, pero unha granxa que usa 400 gramos de concentrado por litro de leite ten un problema se sube o concentrado”, asegura.
“En Galicia chegou a instalarse hai anos o modelo de Castela, implantado por Nanta, de producir leite a base de alimentar as vacas con concentrado a discreción e palla. Ese modelo funciona só cando a relación de prezo leite e penso é favorable”, di.
O modelo imperante en Galicia funciona só cando a relación de prezo entre leite e penso é favorable pero se non o mudamos volveremos caer na seguinte crise
“Espero que as cousas se reconduzan, porque o feito de que o millo estea a 400 euros a tonelada é pura especulación e esa tensión o mercado non a aguanta”, di, polo que reclama a intervención pública en materia de enerxía e alimentos. “O mercado de materias primas debería estar máis intervido para evitar estes movementos especulativos no mercado”, defende.
O problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade; se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor
Pero insiste en que “o problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade de concentrado. Se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor. Esa, a de basear as racións no penso, é unha debilidade estrutural das explotacións galegas”, afirma. “O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como referente, é excesivo”, asegura César.
En Francia úsase un terzo menos de concentrado para alimentar as vacas e unha parte das ganderías sementan tamén cereal
“Cando sometes o sistema a unha situación de estrés é onde se ven as debilidades. Hai unha debilidade clara e estrutural da dependencia de insumos externos, sobre todo pensos e nomeadamente cereal e proteoxinosas. E aínda que o problema actual de prezos se solucione, volveremos caer na seguinte crise se non cambiamos o modelo”, di.
Alimentación de precisión e forraxes de calidade
“O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito”, argumenta.
O reto está en producir 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado
“O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite”, aclara.
Para lograr o obxectivo de producir 40 litros de leite con só 8 quilos de penso é necesario apostar por unha alimentación de precisión, máis personalizada, que diference as vacas en función da súa produción e a súa fase de lactación, e tamén ordenar os partos mediante unha planificación das xestacións para un maior aproveitamento da produción forraxeira.
O modelo que están levando en Holanda baséase na eficiencia dos recursos e en producir leite con só 200 gramos de concentrado por litro
“É o que están facendo en Holanda, levan ese modelo, con moito pasto fresco e moita eficiencia dos recursos. Non teñen resultados espectaculares pero son moi resilientes e aguantan nos momentos malos”, afirma.
Producir cereal en Galicia
“Galicia importa 3.000 millóns de quilos de materia prima para facer pensó ao ano. Producimos cero; impórtase todo. É imposible que para o ano que vén podamos procudir o 50% diso, pero por algo hai que empezar”, propón César.
“Temos terreo e terreo bo para facelo, temos hectáreas abandonadas que son aptas para cereal na provincia de Ourense. É desexable que produzamos para reducir a dependencia excesiva de insumos externos que temos”, di.
A produción de cereal é anecdótica en Galicia; é un dos grandes hándicaps que temos
“Unha parte granxas francesas procucen os seus propios cereais e iso fai que teñan menos peso dos imputs de concentrado”, relata César. A maioría das explotacións galegas móvense en valores entre os 350 e os 430 quilos de penso por cada 1.000 litros de leite, cando en Francia están por debaixo dos 300 quilos. “É certo que teñen menos produción por vaca”, recoñece.
Diversificación para reducir riscos e ter ingresos complementarios
Outra das características das ganderías francesas é o seu carácter diversificado. En Galicia a economía das explotacións leiteiras depende exclusivamente da venda de leite, mentras noutros países europeos compleméntase con outros ingresos.
“No caso galego a especialización en leite é moi grande, sen actividades salientables nas explotacións fóra diso. O produtor francés é máis agricultor. Na Bretaña, ademais de producir leite, as granxas teñen tamén horta extensiva de brásicas (repolo e coles), que son producións complementarias que non compiten coa produción de forraxe e en Normandía é moi habitual que o gandeiro de leite plante tamén cereal e leguminosa”, explica César.
Nun mercado liberalizado como é o do leite trala fin das cotas, e polo tanto máis volátil, contar con outras fontes de ingreso paralelas é un xeito de asegurar a rendibilidade
Ese modelo de gandeiro-agricultor, con policultivo e actividades diversificadas, permite ás explotacións non depender tanto dun único produto. “A especialización leva a que sexas máis eficiente no que fas, pero tamén ten os seus riscos. É importante non poñer todos os ovos na mesma cesta. As explotacións galegas deberían diversificar con iniciativas que non compitan coa produción de forraxe”, razoa.
Extensificación: gañar base territorial
César defende a necesidade de levar a cabo “un cambio de paradigma para aproveitar máis os recursos que temos”. “Non é producir menos senón que é producir diferente. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite”, di.
Por iso é partidario de executar políticas públicas para favorecer o uso por parte das explotacións da terra que está desaproveitada. “Perdeuse moita superficie nas explotacións, sabémolo por datos da PAC, aínda que desde o ano 2011 non haxa datos oficiais da Xunta”, explica.
Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible
Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos 30 anos. “Reverter esta situación é unha prioridade máxima. A dependencia da importación de materias primas crea unha debilidade estrutural. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU”, argumenta.
O modelo actual de produción de leite en Galicia é tamén consecuencia das políticas públicas implementadas nas últimas décadas. “Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible”, compara.
En Francia para comprar cota había que comprar terra tamén
“En Francia para comprar cota había que comprar terra, mentres en España o mercado de cota foi totalmente libre. A tendencia do modelo galego susténtase en que as granxas medraron en animais e en leite pero o ritmo de crecemento en hectáreas non avanzou en paralelo”, indica.
“A base superficial das explotacións en Francia ou en Irlanda é moi superior á nosa. Nós estamos nunha ratio de 2,5 vacas por hectárea, e eles están bastante por debaixo das 2 UGM e iso é o que lles da por flexibilidade”, di.
A granxa máis grande que hai en Francia non chega ás 800 vacas
A día de hoxe a produción media en Galicia é de máis de 400.000 litros por explotación, case a mesma que en Francia, onde “a granxa máis grande que hai non chega ás 800 vacas”, explica César.
Outros Estados membros da UE, como os Países Baixos, tamén estableceron na práctica límites ao crecemento da súa cabana gandeira, por medio neste caso das limitacións aos fosfatos instauradas a partir do ano 2017.
Perda de efectivos
En Galicia a perda de efectivos agrarios e gandeiros é unha constante nas últimas décadas, unha merma acentuada tamén no sector leiteiro. “Tiñamos 90.000 unidades produtivas nos anos 80 e agora son pouco máis de 6.000”, lembra César.
Esta tónica xeral en España, compartida por outros países europeos, rómpese en Irlanda. “Foi o único país da UE que desde os anos 80 incrementou o número de ganderías de leite”, destaca. Hoxe son 18.500 as explotacións lácteas no país.
Desde os anos 80 Irlanda tivo máis altas de productores no sector lácteo ca baixas e na actualidade conta con 18.500 explotacións leiteiras
Esta tendencia continúa na actualidade e, de feito, Irlanda é, xunto con Polonia, o país da UE que máis está a incrementar a súa produción de leite desde o final das cotas lácteas no ano 2015, pero fíxoo sen variar o seu modelo produtivo tradicional, baseado no pasto.
Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas, pero fíxoo sen variar substancialmente o seu modelo produtivo baseado no pasto
“Algunhas explotacións intensificáronse algo e algunhas explotacións de vacún de carne pasáronse ao leite pero o seu crecemento está baseado na planificación e o asesoramento público”, explica César.
Os prezos: un factor determinante
Deste xeito os gandeiros irlandeses pasaron dunha produción equivalente á española no 2015 a superala amplamente a día de hoxe. Irlanda produce xa máis leite ca España, 8,5 millóns de toneladas ao ano fronte ás 7,5 españolas, cun ritmo de crecemento do 10% anual.
É ademais, neste momento, o país da UE co prezo do leite máis alto en orixe, por enriba dos 45 céntimos, cando a media europea se sitúa nos 42 céntimos e a española en 37. A produción irlandesa está enfocada á transformación industrial e á exportación, polo que tamén notan en maior medida a baixada de prezos cando as cotizacións internacionais dos produtos lácteos se resinten.
Italia, que tamén ten un sistema intensivo de produción, resiste mellor nestes momentos por uns prezos do leite en orixe máis elevados
Tamén ten unha maior orientación ao mercado Italia, que ten tamén un sistema intensivo de produción, pero que neste momento se defende mellor por uns prezos do leite en orixe máis elevados.
No conxunto da UE, Irlanda é o país no que os gandeiros están a gañar máis diñeiro, xa non só polos bos prezos, senón tamén polos baixos custos de produción, o que permite unha mellor marxe aos seus produtores de leite.