¿Por que as ganderías de leite teñen dificultades para atopar man de obra?

Recompilamos algunhas das causas que están detrás das dificultades que atopan as ganderías lácteas para incorporar man de obra externa. Pór en valor este oficio é un dos aspectos sobre os que incidir para superar esta carencia, segundo apuntan dende o sector

¿Por que as ganderías de leite teñen dificultades para atopar man de obra?

O muxido é unha das tarefas para as que as ganderías procuran incorporar operarios.

A incorporación de man de obra externa é unha realidade que cada vez máis ganderías de leite en Galicia asumen aínda que, moitas veces resulta unha tarefa complicada. As granxas cada vez son de maior tamaño e a estrutura familiar xa non abonda, na maioría dos casos, para cubrir o traballo que implican. O sector acusa, nestes momentos, unha falta de man de obra coa que atender a demanda que se está rexistrando e que, nos últimos anos, foi en aumento.

Na actualidade, as granxas están encontrando tanto dificultades para atopar traballadores que incorporar como para garantir o relevo xeracional. Pero, por que lles está resultando complicado conseguir traballadores para as súas granxas ós gandeiros? Recompilamos algunhas das claves para comprender e atallar esta situación, que xunto co prezo do leite é unha das maiores preocupacións para moitos gandeiros a día de hoxe.

Por que non hai quen queira traballar nas granxas?

A visión negativa que aínda arrastra o traballo nas granxas de leite, ou no campo en xeral, é un dos principais atrancos que coinciden en sinalar dende distintos ámbitos do sector agrario. Os gandeiros constatan, en base ás súas propias experiencias, que en igualdade de condicións laborais ou mesmo superiores, os operarios optan por outros sectores tanto na industria como no ámbito dos servizos, antes que por traballar nunha granxa.

Gonzalo Gómez, técnico de Seragro: “Aínda se continúa a pensar que traballar nestas granxas é como hai anos”

“Hai unha consideración cultural e social negativa cara a estes traballos, pese a que poidan ter un lado positivo e outro negativo. Continúa a prevalecer esa visión máis negativa”, apunta Javier Iglesias, responsable de Gandería de Unións Agrarias. “Segue a haber unha mala visión do campo. Traballar nas granxas é un traballo mal visto porque a sociedade tampouco está a facer esforzo ningún por cambiar iso. Vese que non se valora este traballo cando hai rapaces que pensan que o leite vén do cartón”, comenta a veterinaria experta en benestar animal e xestión de persoal, Yolanda Trillo.

“Culturalmente está mal visto e aínda se continúa a pensar que traballar nestas granxas é como hai anos. A situación cambiou moito pero séguese transmitindo esa idea”, explica Gonzalo Gómez, técnico do Servizo de Xestión Técnica de Seragro. As xornadas sen horarios e tarefas definidas ou a falta de días libres caracterizaron durante anos estes traballos e aínda que cada vez son máis escasas as granxas onde esa é a tónica, continúa a arrástrase esa concepción.

“É certo que no pasado moitos gandeiros non sabían ser xefes porque tiñan esa concepción de implicación co traballo na granxa dende que se levantan ata que se deitan e buscaban iso no traballador. Pero iso xa non pasa, agora son conscientes de que o empreado ten que ter uns horarios definidos e limitacións de tarefas”, comenta Javier Iglesias.

Luis García, director da EFA Fonteboa: “É moi necesario poñer en valor o traballo nas granxas”

“É moi necesario poñer en valor o traballo nas granxas”, incide Luis García, director do Centro de Promoción Rural, EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), no que se imparte formación especializada de capacitación agraria.

“Na reconversión do sector que houbo nos últimos anos a urxencia foi centrarse en facer investimentos nas instalacións para tentar ser ganderías máis competitivas pero non houbo unha visión clara a corto-medio prazo. Todo se centrou nunha proxección a longo prazo e non houbo unha preocupación e planificación da xestión do persoal. A estrutura familiar, que abondaba ata o de agora para atender a granxa, xa non chega e hai un déficit de man de obra e preocupación polo relevo xeracional”, apunta García.

Perfil que se busca nas ganderías

Hoxe por hoxe as ganderías buscan sobre todo para as ganderías traballadores que poidan asumir as labores de muxido e limpeza da granxa. “Falta xente que teña unha certa preparación para asumir o muxido ou o acondicionamento das camas así como outras tarefas puntuais”, comenta Javier Iglesias.

“Non podes facer case ningún tipo de selección, porque hai moi pouca xente que queira traballar nas granxas. Xa non é so ofrecerlle un soldo, e unhas boas condicións de traballo, moitas veces mesmo te ves obrigado a proporcionarlle vivenda”, explica Odón Castro, gandeiro e socio de Agromuralla. “Atopamonos con moitos atrancos tamén por parte da administración para contratar xente, sobre todo emigrante, e con moita xente que prefire seguir cobrando axudas antes que traballar”, comenta o gandeiro.

CAMAS_CAP_CORUÑA

Estratexias para afrontar a falta de man de obra

Á hora de afrontar estas carencias de man de obra nas granxas de vacún de leite, no sector avogan por incidir en varios aspectos, á par da posta en valor da actividade. Unha das ferramentas máis importantes para cubrir esta demanda é a formación tanto de operarios como dos propios gandeiros para afrontar a xestión de persoal.

“No centro estamos a formar cada ano profesionais que saen cunha formación técnica e con experiencia para asumir os traballos que se demandan nas granxas pero hai moita demanda e moitos dos alumnos están a prepararse xa para asumir ese traballo na granxa familiar”, apunta Luis García.

A formación específica é unha das estratexias nas que insisten dende o sector para atallar a falta de man de obra

“Cada vez máis o gandeiro, se pode, quere contar cun profesional que sexa bo en tódalas tarefas que se lle encargan. Agora mesmo hai moi boa formación tanto na EFA de Fonteboa como no centro de formación de Sergude pero aínda así non abonda para cubrir a demanda”, comenta Gonzalo Gómez.

De feito, tanto dende a Consellerías de Medio Rural como a de Educación, responsables dos ciclos de Produción agropecuaria e Gandería e asistencia animal que se imparten no CFA de Sergude (Boqueixón) ratifican a boa acollida que teñen estes ciclos entre os mais novos. Xunto con esta formación, a administración tamén ofrece formación tanto na modalidade de teleformación co Curso de Incorporación á Empresa Agraria como con cursos puntuais a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Tamén outras entidades como os sindicatos detectaron a necesidade de realizar actividades formativas puntuais e especializadas nestas demandas das granxas. Así, nos últimos meses entre outros, Unións Agrarias organizou xunto coa Deputación de Lugo un curso centrado en tarefas como o muxido ou en aspectos fitosanitarios.

Formación dos gandeiros como xefes

Outro dos aspectos nos que incidir é na propia formación dos gandeiros para asumir con éxito a xestión do persoal. “Moitas veces son gandeiros tecnicamente moi bos para a súa granxa pero que atopan certas dificultades para abordar cuestións como a xestión do persoal ou a comunicación cos empregados”, indica Luis García.“É moi necesario formar e motivar ós traballadores para que se sintan implicados e para iso xa non abonda só con ser xefe, hai que aproximarse máis ó perfil dun líder”, apunta Yolanda Trillo.

Á marxe de incidir nestes aspectos, outra das estratexias que apuntan dende o sector para suplir a falta de man de obra céntrase en estender outros modelos de xestión de persoal que levan anos empregándose noutros países. É o caso por exemplo, das agrupacións de traballadores que funcionan dende hai anos en Francia e que ten un funcionamento similar ós servizos de substitución que algunhas cooperativas ofrecen xa.

Namentres, moitas ganderías, sobre todo de tamaño medio, están suplindo esa carencia de man incorporando outras melloras tecnolóxicas que reduzan a carga de traballo na granxa, como é a instalación de robots de muxido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información