“Por fin a carne de vaca galega estase poñendo de moda”

Frigoríficos Bandeira é un matadoiro situado no concello de Silleda no que se sacrifican preto de 60.000 reses ó ano, o que o converte nunha das empresas líderes no sector. Falamos con Daniel Cochón, terceira xeración ó fronte desta empresa

“Por fin a carne de vaca galega estase poñendo de moda”

Daniel Cochón nas instalacións de Frigoríficos Bandeira.

Frigoríficos Bandeira S.L., situado no lugar da Bandeira, no concello pontevedrés de Silleda, é unha das empresas líderes no sector. Máis de 30 anos de traxectoria e unha aposta pola carne de calidade convertérono nun dos referentes no sacrificio, despece e transporte de gando bovino.

Foi no 1984 cando José e Avelino Cochón fundaron a empresa, e a día de hoxe, xunto coas súas esposas, son os únicos socios partícipes. Comezaron co matadoiro inmersos xa no negocio da carne, coa experiencia no trato do gando adquirida xeración tras xeración. Na actualidade os dous irmáns continúan a formar parte do equipo de profesionais desta empresa que conta con 80 traballadores directos e que alcanzan os 220 empregos indirectos.

“Dende moi neno tiven un contacto directo coa empresa, en lugar de xogar ó fútbol ía cun amigo mercar vacas”

Daniel Cochón, fillo de José, é a terceira xeración inmersa no negocio da carne, xa que seu avó paterno tamén estivera centrado no trato do gando. Daniel é un dos responsables directos da xestión do matadoiro a día de hoxe como director xeral de produción e loxística “aínda que en realidade no día a día, hai que facer de todo”, comenta. “Hai un equipo de profesionais, os primeiros meu pai e meu tío, que levan sobre as súas costas enormes responsabilidades, procurando que todo encaixe, que todo estea en regra e que todo flúa. Eu son quen nestes intres recollo os méritos de todo o equipo”, matiza Cochón.

Hai 14 anos que Daniel forma parte do cadro de persoal da empresa pero dende cativo tivo un contacto directo co matadoiro “en lugar de xogar ó fútbol ía cun amigo mercar vacas”, recorda.

Frigoríficos Bandeira acada unha facturación de máis de 50 millóns de euros. Concretamente no 2017 tiveron unha facturación récord, pasando dos 48 millóns de 2016 a 56 millóns. “O obxectivo para este ano é manternos nesas cifras e creo que imos por bo camiño. Pero as cifras nunca son o máis importante”, concreta Daniel. Ademais, o empresario destaca que “as marxes de beneficios actuais no sector son moi pequenos, polo que hai que facer moitos números e moitos esforzos por manterse”.

Un incremento do 70% da produción en 10 anos

O negocio foi mudando gradualmente nos últimos anos e víronse na obriga de mellorar e ampliar aspectos como a capacidade frigorífica, os controis microbiolóxicos -por encima dos estrictamente legais- así como o control dos procesos produtivos, o benestar animal… Hoxe en día, a empresa conta con algo máis dunha hectárea de terreo na Bandeira e capacidade de almacenamento para dous millóns de quilos. Nestas instalacións sacrifican unhas 1.200 reses á semana o que supón que ó ano aproxímanse ós 60.000 exemplares cando no 2007 sacrificaban en torno ós 17.000 animais.

Nestes últimos anos un dos ámbitos ós que tiveron que dedicar maiores esforzos foi á adaptación aos novos requirimentos normativos en materia de benestar animal, que neste sector consiste en minimizar a dor, angustia ou sufrimento dos animais no sacrificio. “Todo o noso persoal que intervén na condución, estabulación, suxeición, atordamento e sacrificio dos animais posúe a preparación e destreza necesarias para levar a cabo estes labores de forma humanitaria e eficaz”, explica Daniel.

Outro dos puntos onde puxeron especial atención foi no transporte dos animais. “A frota de camións que nos presta este servizo conta cunha estrutura confortable e adecuada. Procuramos diminuír a densidade de carga en traxectos longos e separamos os animais de diferentes características”, concreta.

Sala-sacrificio-Frigorificos-Bandeira-

Automatización da liña de sacrificio.

Á marxe destas modificacións, hai pouco máis dun mes acometeron unha das últimas reformas no matadoiro. Neste caso automatizaron a liña de sacrificio cunha inversión próxima ó millón de euros.

Gando do noroeste da Península Ibérica

Traballan só con gando vacún maior, a súa maioría nado e criado en Galicia, Asturias e o norte de Portugal. “Dende que nos dedicamos ó sacrificio e comercialización do vacún maior a selección do gando sempre foi a nosa fortaleza, en consecuencia o negocio foi medrando e os clientes foron demandando o noso produto”, apunta Daniel.

A meirande parte das reses que chegan á Bandeira foron adquiridas en mercados, feiras e poxas pero tamén contan cunha ampla rede de provedores que traballan no sector como tratantes ou gandeiros.

Vacas-Frigorificos-Bandeira-

Algúns dos exemplares de maior calidade proceden precisamente de criadores de ganderías de moi reducido tamaño que crían os animais case como mascotas, unha crianza típica en Galicia que non se basea en exclusiva no rendemento económico. “Afortunadamente están a aparecer mozos moi preparados que seguen este tipo de crianza tradicional co propósito de conseguir unha vaca extraordinaria”, comenta Daniel.

Martín Berasategui está entre os seus clientes e xa exportan o 35% da carne que procesan

O principal mercado para a carne procedente de Frigoríficos Bandeira é o territorio nacional, que asume o 64% da súa produción. Algúns dos mellores restauradores do país, como Martín Berasategui, o cociñeiro con máis estrelas Michelín de todo o panorama nacional, acostuma a empregar carne procedente da Bandeira. “Para nós é toda unha honra”, confesa Daniel.

Á marxe do mercado nacional, Frigoríficos Bandeira exporta ó resto de Europa o 35% das súas carnes.

Chuletons-Frigorificos-Bandeira-

IXP Vaca e Boi de Galicia

O pasado mes de febreiro as instalacións de Frigoríficos Bandeira acollían un acto para promocionar a recen creada Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia, que aposta pola carne procedente de vacas e bois nacidos, criados e sacrificados en Galicia, e de cuxo Consello Regulador forma parte a firma silledense.

Polo de agora apenas están notando un maior incremento da demanda de carne baixo esta indicación. “Canto máis esixente é o consumidor máis espazo atopará a certificación, xa que, sen lugar a dúbida a carne galega é un produto de calidade, pero hai que darlle máis tempo”, valora Daniel.

“Por fin a carne de vaca galega se está a poñer de moda en Galicia”

Neste senso e á hora de valorar o mercado da carne na comunidade, Cochón apunta que “por fin a carne de vaca galega se está a pór de moda en Galicia. Non se trata dunha moda pasaxeira senón que cada vez máis xente se está a decatar da calidade desta carne e atraídos polo seu sabor e valor nutritivo deciden consumir carne de vaca ou boi, non só de xeito tradicional senón de formas máis modernas”, concreta.

Expansión cara a Madrid e novos retos

Ademais das instalacións galegas, Frigoríficos Bandeira reforzou a súa presenza no Mercado Central da Carne de Mercamadrid. A empresa levaba anos presente pero no 2015 decidiron adquirir un módulo de venta de produtos cárnicos neste mercado consolidado como o maior de Europa en alimentación perecedoira. A firma realizou  un investimento de máis dun millón de euros para dispoñer dunha superficie de 1.000 metros cadrados adaptados para o despezamento e conservación da carne.

Esta ampliación foi outra das apostas por “estar preto do consumidor” unha máxima que pretenden seguir nos próximos anos. Outro dos retos que se lle presentan é o aproveitamento que as vantaxes tecnolóxicas lle poden ofrecer nos procesos produtivos para conseguir “carne galega de alta expresión”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información