“Por cada 12 explotacións que pechan, só se produce unha incorporación”

A falta de relevo xeracional é un problema constante na gandería galega. O profesor Ibán Vázquez leva anos estudando ese fenómeno e recollendo datos sobre como se está a afrontar noutras zonas de forte actividade gandeira. Aproveitamos a súa presenza na xuntanza de outono da SGPF para coñecer a situación actual e a expectativas inmediatas.

IBAN VAZQUEZ EPS

Ibán Vázquez González, do Departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior de Lugo e doutor na Área de Economía Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela, foi un dos ponentes na X Xuntanza de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF).

Na súa intervención, falou do problema que leva décadas supoñendo a falta de relevo xeracional nas explotacións gandeiras e das posibles solucións á mesma. Vázquez presentou datos comparativos entre Galicia e Cantabria -onde exerceu parte da súa traxectoria profesional- e sinalou as medidas que se están a aplicar noutros países de tradición gandeira.

– Cal é a situación actual da falta de relevo en Galicia en cifras?

Antes de dar cifras, gustaríame definir e caracterizar o problema. O relevo xeracional na agricultura e a falta de novos que queiran e poidan traballar no campo, en substitución de xeracións de maior idade que se están a xubilar. É unha cuestión de equilibrio entre as incorporacións á actividade agraria e as saídas (peche de granxas), cun saldo claramente negativo.

Se comparamos as novas incorporacións en Galicia no período 2016-2023 (2.709), según datos da Consellería de Medio Rural, e as comparamos ca redución de explotacións agrarias nese mesmo período (33.500) (Enquisa de Estruturas de explotacións agrícolas), temos un saldo de explotacións claramente negativo, cunha ratio 12/1 (saídas/entradas).

O abandono de explotacións ten impacto no eido económico, social e ambiental

O principal efecto da falta de relevo xeracional é a perda de explotacións agrarias e de recursos (terra, traballo e capital), con evidentes impactos no eido económico, social e ambiental. Para caracterizar o problema, é de gran utilidade a recente publicación (2025) no Foro Económico de Galicia de Edelmiro López Iglesias e Francisco Ónega López.

En primeiro lugar, observan unha forte redución da man de obra ocupada na agricultura nas últimas 4 décadas (1985-2024) en Galicia do 87%, superior o conxunto do Estado (60%). Un segundo elemento que reflicte a intensidade do problema do axuste é a estrutura por idades dos responsables da explotación. Tomando datos do último Censo Agrario (2020), observaron en Galicia que case a metade (48,3%) dos xefes de explotación teñen unha idade igual ou superior os 65 anos, fronte o 41% de España.

Máis do 48% dos titulares de explotacións gakegas teñen 65 ou máis anos

Máis do 48% dos titulares de explotacións galegas teñen 65 ou máis anos

En terceiro lugar gustaríame comentar que esta estrutura por idades dos xefes de explotación é diferente en función da dimensión económica e da orientación da granxa. Así, o envellecemento é menor nas granxas con maior dimensión (10% de xefes con idade igual ou superior os 65 anos, en producións anuais iguais ou superiores os 50.000€) e nas especializadas en gando ( con menos do 25% de xefes con idade igual ou superior os 65 anos, en bovinos de leite, bovinos de carne, porcinos e avicultura).

– Nas xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes falouse do modelo catalán de cesión das explotacións a persoas alleas ás mesmas. É viable ese modelo en Galicia?

Sería útil afondar no coñecemento do modelo catalán de cesión de explotacións a persoas alleas ás mesmas. Polo que escoitei da intervención de Laia Batalla, dende a escola de pastores están a promover iniciativas moi interesantes que evidentemente serían viables en Galicia.

Unha delas son os test agrarios, nos que o alumnado da escola de pastores interesado en iniciar unha actividade agraria en ovino, poidan traballar un período de tempo (1-2 anos) na propia granxa de ovino da escola; así os futuros gandeiros maduraban a súa decisión de iniciar unha actividade gandeira, collían experiencia e mesmo podían levar parte da recría para iniciar o seu proxecto empresarial.

A outra ferramenta é o servizo de acompañamento a incorporación en granxas próximas ao peche, por parte de alumnos que realizaban o curso na escola de pastores; claramente é viable en Galicia, sen embargo para que isto funcione ten que contar cunha estrutura técnica de intermediación, soporte, apoio, formación e asesoramento, de utilidade tanto para os que se queren incorporar como para os que van abandonar.

– Nos seus traballos vostede incide na relación sucesión-abandono. Podería definir esa relación?

Na miña intervención tratei de relacionar a falta de sucesión co abandono da actividade agraria, en dúas actividades gandeiras (vacún de leite e vacún de carne). Para eso empreguei os resultados de investigación da tese de doutoramento de Elena García Suárez (2021), que co-dirixín “El sector bovino en Cantabria: dinámica, caracterización y análisis de su sostenibilidad”.

O sector de vacún de carne fai en moitos casos de refuxio para quenes abandonan a produción de leite

O sector de vacún de carne fai en moitos casos de refuxio para quenes abandonan a produción de leite

Nesta tese fixéronse dúas series de entrevistas no ano 2015/2016 a titulares de explotacións de vacún de leite e de carne en Cantabria, que mediante unha mostra representativa (mostras complexas) permitiron caracterizar o conxunto do sector.

O abandono e a falta de relevo teñen características diferentes entre o sector leiteiro e o cárnico

No cuestionario había unha pregunta, dirixida a titulares de idade igual ou superior os 55 anos, para identificar aquelas explotacións que non tiñan sucesión nos próximos 10 anos. No caso de vacún de leite, das 1.392 granxas existentes no 2015/16, 550 non tiñan sucesión, o cal no caso de pechar por este motivo situaría a súa cifra no 2025/2026 (actualidade) en 842 explotacións.

O que fixen foi comprobar no último informe do FEGA dispoñible (agosto de 2025) as explotacións de Cantabria con entregas de leite (750), concluíndo polo tanto que a falta de sucesión en vacún de leite conleva principalmente o abandono de actividade. En cambio, en vacún de carne, a cousa foi distinta.

Das 4.113 explotacións existentes no 2016, 1.124 non tiñan sucesión para os próximos 10 anos do cal, no caso de pechar todas, estimamos que en 2026 habería 3.000 granxas de vacún de carne en Cantabria.

Analizáronse tamén os últimos datos dun informe sectorial do Ministerio de Agricultura (2024) “El sector de la carne de vacuno en cifras”, o sorprendente é que o número de explotacións con vacas de carne, lonxe de baixar, se incrementaron ata 5.585 unidades.

Polo tanto, en vacún de carne a falta de sucesión non leva ao abandono, e poden estar influíndo outros factores como que é unha actividade refuxio tras o cese de actividade en vacún de leite. Ou tamén que é unha actividade que se complementa con outras fontes de ingresos (pensións, traballo fóra), ou mesmo máis apetecible para novos entrantes.

– Boa parte do seu labor desenvolveuse en Cantabria. Que similitudes e diferencias hai entre esa comunidade e Galicia?

Entre 2015 e 2018 traballei en Cantabria, como investigador da área de socio-economía no Centro de Investigación e Formación Agraria de Cantabria (CIFA). Nese período tiven a oportunidade de participar en varios proxectos de investigación, de carácter multidisciplinar, relacionados co sector de vacún de leite e de vacún de carne.

Vázquez fixo unha comparativa entre os sectores bovinos de Galicia e Cantabria

Vázquez fixo unha comparativa entre os sectores bovinos de Galicia e Cantabria

As similitudes que teñen ambas comunidades son a relevancia económica e social que o sector, tanto vacún de leite como o vacún de carne, ten no territorio. Ambas rexións comparten problemáticas comúns relativas a perda de explotacións, a intensificación produtiva, a base territorial (minifundio, falta de terra,…), a man de obra, o relevo, a sucesión,…

No caso de Cantabria si que se observan certas diferencias: en vacún de leite para a alimentación do gando hai unha maior dependencia dos pastos, sendo menor a porcentaxe de superficie cultivada para ensilado de millo que en Galicia; en vacún de carne é moi habitual que as ganderías acudan co gando aos portos de montaña (marzo a novembro) e vendan os tenreiros sen cebar como pasteiros os 4-5 meses de vida.

– Contamos con ferramentas como as axudas de incorporación, os plans de mellora ou as subvencións os mozos. Por que non están a funcionar?

O que podo transmitir é a miña opinión persoal. En primeiro lugar non están a funcionar polo que dicía antes de que o problema do relevo xeracional é unha cuestión de equilibrio; se o número de axudas a incorporación é moi inferior ao peche de explotacións, o saldo vai ser negativo.

Lamentablemente segue habendo unha compoñente de categorización social detrás dos abandonos

En segundo lugar, penso que hai unha falta de interese da mocidade por se incorporar a actividade; isto pode vir propiciado pola confluencia de varios factores, tales como a consideración social do traballo vinculado ao rural, como un traballo mais precario, calamitoso, e sacrificado; a falta de servicios no medio rural; a reticencia familiar a que as novas xeracións continúen a actividade, vendo con mellores ollos que estuden e se adiquen a outra cousa,…

En terceiro lugar, bótanse en falta mecanismos de acompañamento para os novos entrantes neste proceso, ben para dar formación, asesoramento ou apoio no apartado burocrático.

– Que papel cre que poden xogar as novas tecnoloxías, incluída a intelixencia artificial, non só para frear a falta de relevo senón para incentivar as incorporacións?

É un feito evidente que a tecnificación do agro, como por exemplo a instalación de robots de muxido, aleitadoras, ou arrimadores de alimentos para as ganderías de vacún de leite, supoñen grandes avances no que as condicións laborais da granxa se refire.

Ante o gran problema da dificultade de atopar man de obra asalariada e a individualización do traballo familiar por parte dos titulares e socios da granxa, as innovacións tecnolóxicas e o uso da intelixencia artificial, permite incrementar os rendementos produtivos e a produtividade laboral.

As novas tecnoloxías serán clave para atraer xente nova á gandería

As novas tecnoloxías serán clave para atraer xente nova á gandería

Todas estas innovacións tecnolóxicas teñen unha enorme potencialidade e versatilidade, sen embargo son un reto para os usuarios pola súa complexidade e sofisticación á hora de ser empregada; neste sentido as mozas e mozos que se incorporan son mais proclives a enfrontarse a estes novos retos tecnolóxicos, xa que eles o ven como algo natural o nacer na era dixital.

– Na meirande parte das explotacións agrícolas e gandeiras -do tipo que sexan- hai tamén un alarmante problema de falta de man de obra. Pode supoñer un freo para o relevo xeracional?

Como dixen antes, hoxe en día un dos maiores retos do agro galego, unido á falta de base territorial, é o de man de obra para traballar nas granxas. Un dos resultados do proceso de axuste agrario das últimas décadas, caracterizado pola forte redución do número de explotacións e de empregados no sector, son o incremento da dimensión produtiva, a intensificación, a individualización do traballo familiar por parte dos titulares/socios e a asalarización do mesmo.

A falta de man de obra pode supoñer un freo á hora de decidir incorporarse ou non

Os traballos que antes se facían co apoio da familia e en réxime colaborativo cos veciños, foron sendo reempregados pola contratación de servizos a empresa, a mecanización e a asalarización. Hai unha necesidade evidente de man de obra para o sector e ademais os actuais prezos de mercado dos produtos, tanto o leite coma a carne, permiten a súa contratación; sen embargo, vemos falta de traballadores e unha gran mobilidade dos dispoñibles en busca dunha mellora das condicións económicas e laborais.

Volvendo a pregunta formulada, si que considero que a falta de man de obra pode ser un condicionante para frear o relevo xeracional.

– Nos últimos dous anos tanto o prezo do leite como o da carne están en índices elevados. E, vistas as baixadas na produción e a crecente demanda, non parece que vaian volver baixar notablemente. Sería ese un factor que incentive o relevo?

Os mercados están nun bo momento para os gandeiros e gandeiras, sen embargo a viabilidade económica das granxas non e a única que asegura a continuidade. Existen outros factores de tipo social que determinan esta continuidade, como o relevo/sucesión, formación, idade, as condicións de traballo (vacacións, traballadores, tecnificación), o grao de satisfacción, a consideración do traballo realizado, a organización do traballo e mesmo o benestar dos animais.

Non creo que este bo momento de mercado incentive o relevo de maneira xeneralizada e solucione o problema asociado; pode que nalgúns casos anime os mozos a se incorporar, pero non creo que o suficiente para contrarrestar a magnitude do problema.

– Considera necesaria unha maior e máis profesionalizada oferta formativa para atraer as persoas mozas á gandería?

Como profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo, lugar onde se imparten o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e tamén o máster en Enxeñaría Agronómica, non considero necesario unha maior e mais profesionalizada oferta formativa para atraer os mozos as granxas.

Hai formación regrada suficiente e de calidade, tanto nos ciclos formativos de formación profesional coma nas ensinanzas universitarias; isto non e un elemento que vaia a cambiar a intención dos xoves por se incorporar as granxas.

Creo que hai que actuar noutros elementos relacionados coa educación, concienciación e respecto pola actividade agraria, dende etapas temperás da mocidade do rural, para que se sintan empoderados das súas orixes e a futura profesión. O exemplo está noutros países veciños coma Francia, cuxa sociedade ten un profundo sentimento, recoñecemento e orgullo polo sector agrario.

O modelo neozelandés de incorporacións pode ser de utilidade en Galicia

O modelo neozelandés de incorporacións pode ser de utilidade en Galicia

– Outra cuestión que se plantexa recurrentemente dende o sector primario é o exceso de burocratización, que ralentiza e limita moitos proxectos. Axilizar esa burocracia sería de utilidade?

A burocracia nalgúns casos pode limitar e condicionar o relevo das granxas. Un exemplo disto, é o que lle aconteceu a un gandeiro de vacún de leite próximo a se retirar, que participou na dinámica grupal sobre relevo xeracional na X reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Por cuestións relativas a patrimonio, non pode ampliar o tamaño da súa granxa (actualmente 60 vacas en ordeño), e isto e un freo para que alguén se anime a continuar ca súa actividade unha vez el se xubile.

É necesario flexibilizar a burocracia e facela máis áxil e accesible para os titulares de explotacións

Mais que axilizar diría que sería necesario flexibilizar e mesmo apoiar os gandeiros na excesiva carga burocrática e trámites administrativos, cada vez máis exixentes. Bótase en falta dende o sector o asesoramento público que prestaban no pasado o desenvolvemento gandeiro e a extensión agraria.

– Levamos décadas oíndo falar da falta de relevo xeracional pero, lonxe de solucionarse, o problema agrávase. Realmente non existe unha solución?

Existen solucións, algunha da cales nos falou Laia Batalla, da Escola de Pastores de Cataluña. Por exemplo a propia Escola de Pastores, favoreceu o relevo xeracional en gandería extensiva; das 225 persoas que finalizaron a formación, 191 seguen vinculados o sector agrario. Outro exemplo, sería ter unha granxa propia, vinculada a este centro formativo pola que pasen os alumnos durante un período de tempo para recibir formación, asesoramento e poder desenvolver os seus coñecementos.

Tamén e de utilidade a figura de intermediación entre os mozos interesados en se incorporar e unha bolsa de granxas interesadas en vender, ceder ou arrendar os seus activos; detrás desta figura hai un proceso de selección, acompañamento, asesoramento e formación.

No meu caso eu falei de dúas ferramentas que poden contribuír a mitigar o problema do relevo xeracional. Por un lado está o Banco de Explotacións da Xunta de Galicia, de recente creación. É un instrumento público de intermediación (contemplado na lei 11/2021 de recuperación de terra agraria de Galicia), que ten como finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares que abandonan a actividade agraria e as persoas interesadas en incorporarse.

Vázquez tamén ve un problema para o futuro das granxas na falta de man de obra

Vázquez tamén ve un problema para o futuro das granxas na falta de man de obra

Outra ferramenta que abordei e o Sharemilking, específico do sector lácteo de Noza Zelanda. O Sharemilking facilita o acceso e aproveitamento compartido dunha granxa, entre o propietario dos recursos (fundamentalmente terra e instalacións de muxido), que os cede, e o que se quere iniciar na actividade (entrante), que os emprega.

Esta fórmula, favorece a continuidade e o relevo xeracional dunha explotación entre dúas partes, que poden ser ou non familia. O Sharemilking lévase a cabo cun contrato entre o propietario da granxa e os entrantes, no que consta a porcentaxe de participación dos ingresos e dos custos. A duración dos contratos habitual é de 3 anos (prorrogables), podendo ser de 5, 10 ou indefinidos.

O Sharemilking está a funcionar en Nova Zelanda e podería ser unha fórmula viable nas granxas galegas

Cada contrato e diferente xa que ambas partes negocian. Existen dúas modalidades de Sharemilking. A inicial sería 75/25, na que o propietario pon a terra, instalacións e gando; o entrante aporta a man de obra e tamén a maquinaria, e recibe unha porcentaxe dos ingresos do leite (p.e do 25%), mentres que os custes se negocian.

Na outra modalidade -50/50- o entrante é propietario do gando e pon tamén o traballo (propio e asalariado) e a maquinaria; a outra parte (propietario) pon a terra e instalacións de ordeño. Neste caso participan a partes iguais nos ingresos do leite e comparten custes coma a produción de forraxes, alimentación e auga.

O entrante cubre os custos de electricidade, saúde do rabaño, limpeza, man de obra e reparación e mantemento de maquinaria; o propietario cubre custos de reparación e mantemento de infraestruturas e terreo. Das aproximadamente 10.000 granxas de vacún de leite que hai en Nova Zelanda, un 30% se xestionan baixo a forma de Sharemilking.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información