Ponse en marcha de forma transitoria a Indicación Xeográfica Protexida para os viños das Terras do Navia

Publicidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia. Utilízase así un mecanismo que está previsto na normativa comunitaria e que permite a utilización e a protección desta IXP no territorio español mentres a Comisión Europea non adopte a decisión definitiva da súa inscrición no rexistro europeo. Deste xeito, trátase dunha solución transitoria que estará vixente ata que a Comisión Europea tome unha decisión definitiva sobre a súa inscrición e protección en toda a Unión.

Esta orde continúa o proceso iniciado o 28 de maio de 2021, cando a Consellería do Medio Rural aprobou o recoñecemento desta indicación xeográfica protexida, sendo publicada o 11 de xuño do mesmo ano. Tras isto, transmitiuse por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a solicitude para inscribila ante a Comisión Europea, que a recibiu o 23 de xullo, habilitando este trámite a posibilidade da concesión da protección transitoria.

Co recoñecemento desta IXP preténdese protexer e potenciar os viños do territorio delimitado que comprende o concello lucense de Negueira de Muñiz e diversas parroquias dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada. Os viños deben cumprir diversos requisitos relativos tanto ás variedades de uva utilizadas como ás técnicas de produción vitícola e ás prácticas enolóxicas empregadas. Establécense ademais requisitos relacionados coas características físico-químicas e organolépticas dos viños, a súa etiquetaxe e comercialización.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria encargarase de asegurar o cumprimento das condicións esixidas mediante os diferentes tipos de controis, tanto sistemáticos como aleatorios. Están suxeitos a estas probas tanto o propio produto como aqueles operadores que se encargan da súa elaboración e/ou comercialización.

A protección nacional transitoria estará operativa ata que a Comisión Europea resolva este expediente e tome a decisión de conceder ou denegar a indicación xeográfica protexida ao viño Terras do Navia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información