O proxecto Viticast é unha iniciativa que procurará solucións innovadoras para a predición das principais enfermidades fúnxicas do viñedo. O proxecto está integrado principalmente por firmas e entidades galegas e ten como obxectivo optimizar a produción e o desenvolvemento sostible do cultivo da vide nas principais provincias viticultoras do noroeste peninsular.
As investigacións centraranse en desenvolver modelos de risco das enfermidades de maior incidencia como son oídio, mildio e botrite. A partir de datos meteorolóxicos que combinarán con modelos de fenoloxía, concentración de esporas e a observación das enfermidades no campo determinarán os niveis de risco para cada patoloxía e o momento idóneo para a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A incorporación dos modelos de fenoloxía ós modelos obtidos a partir de datos meteorolóxicos permitirá ponderar o risco real en función da sensibilidade da vide polo estado fenolóxico en que se atopa. A incorporación da información obtida polos captadores de esporas permitirá axustar o momento óptimo para a aplicación dun tratamento fitosanitario. Así, coa correlación dos tres modelos coas observacións de síntomas de enfermidade apreciadas no campo poderán emitirse avisos de posibles infeccións de fungos en función dos limiares de risco de infección.
O proxecto procura deseñar unha ferramenta de avisos e unha estratexia de xestión dos tratamentos fitosanitarios
A partir dos resultados proporcionados pola ferramenta de avisos deseñarán unha estratexia de xestión de tratamentos fitosanitarios. Para iso, decidirase o momento óptimo de aplicación de cada tratamento fitosanitario nas parcelas estudadas, en función das indicacións proporcionadas pola ferramenta de avisos.
O proxecto busca conseguir unha redución dos tratamentos fitosanitarios, co gaio de lograr unha viticultura máis sostible. Ademais, esta diminución dos tratamentos tamén suporá unha redución dos custos económicos derivados da adquisición dos produtos, persoal e maquinaria. A iniciativa procura deste xeito atopar ferramentas para garantir unha produción de calidade para poder acceder a mercados exclusivos que priman as prácticas sostibles.
Cambio climático
Ademais, o proxecto servirá para estudar o impacto que terá en diversos escenarios o cambio climático sobre o cultivo da vide, que é un excelente indicador dos cambios asociados ó quecemento climático, ó ser moi sensible ás flutuacións climáticas.
O feito de que no noroeste de España conflúan os límites das rexións bioxeográficas Mediterránea e Eurosiberiana fai que estes estudos teñan un valor engadido ó poder apreciarse as evidencias do cambio climático.
Os socios do proxecto
Na iniciativa participan, como socios, a empresa galega Monet Tecnoloxía e Innovación, a adega galega Viña Costeira Sociedad Cooperativa Galega, do Ribeiro, e as adegas de Castela e León Hacienda Monasterio e Matarromera, pertencentes a Ribera del Duero.
Ademais, tamén se inclúe a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Universidade de Vigo co grupo de investigación de Aerobioloxía e Apicultura e como entidade subcontratada a Universidade de Santiago de Compostela, co grupo de Cromatografía y Quimiometría.
Asimesmo, o proxecto conta con entidades colaboradoras como a Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), a Asociación Galega de Vicitulcutura e a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro (ACER).
A iniciativa conta cun orzamento de 600.000 euros, o 80% procedente de fondos europeos Feader e o 20% restante procedente do orzamento nacional no marco das axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas (AEI-Agri). O proxecto terá unha duración de 2 anos.