Polémica entre alcaldes e madeiristas pola aprobación dunha taxa municipal á saca de madeira

Seis Concellos de Lugo aproban unha ordenanza fiscal que grava con 60 céntimos cada tonelada de madeira cortada alegando que a actividade extractiva nos montes provoca desperfectos nas pistas. As empresas forestais consideran que é un tributo inxusto e ilegal que vai baixar o prezo que cobran os donos dos montes

Estado no que quedou unha pista forestal do concello de Ribeira de Piquín logo dunha cada de madeira

Estado dunha pista forestal tras unha corta de madeira no concello de Ribeira de Piquín

Seis Concellos da provincia de Lugo, os de Meira, Pol, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza, acaban de aprobar o cobro dunha taxa municipal de 60 céntimos por tonelada de madeira cortada nos seus municipios para con eses cartos mellorar o estado e o mantemento da rede viaria municipal. Pero a polémica está servida porque os madeiristas, que serían os que terían que abonar este tributo, rexeitan de plano asumir este custo e din que o acabarán pagando os donos dos montes porque repercutirá negativamente no prezo da madeira que cobran os propietarios forestais deses concellos. De feito, algunhas empresas xa comezarán a descontar, desde hoxe mesmo, o importe da taxa no prezo final dos contratos.

Os alcaldes, de diferentes cores políticas, alegan que a saca de madeira dos montes prexudica o estado das pistas e camiños e que despois, en moitos casos, teñen que ser amañados polas entidades locais, supoñéndolles importantes gastos aos que non poden facer fronte.

Vímonos obrigados a tomar estas medidas pola irresponsabilidade dalgúns, non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo

Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín, di que se viron obrigados a adoptar medidas “pola irresponsabilidade dalgunhas empresas”. “Non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo, pero ás veces atopámonos con vías municipais completamente destrozadas nas que investiu cartos o Concello pouco antes de que se sacara a madeira e vemos como a empresa responsable marchou e despreocupouse de todo, non fai moito mesmo romperon unha traída de auga aos veciños e estiveron unha semana sen subministro”, lamenta.

A nova normativa, que inclúe dúas ordenanzas municipais, unha de carácter fiscal e outra que regula as licenzas de corta e o uso dos camiños, entrou en vigor en Riotorto o día 15 deste mes, na Pontenova o 21 e en Meira, Pol e Ribeira de Piquín farao hoxe, día 25, mentres que na Pastoriza está pendente de publicación.

Somos conscientes de que o forestal é un sector potencial nos nosos concellos e defendemos que se sigan facendo traballos nos montes, pero debemos regular a actividade

Estes seis concellos limítrofes, que xa xestionan conxuntamente o punto limpo para a recollida do lixo, puxéronse dacordo desta volta para a regulación da actividade extractiva de madeira nos seus termos municipais. “É un traballo conxunto de seis Concellos coa mesma problemática. Todos somos Concellos moi forestais dunhas características semellantes, con parcelas pequenas que en moitos casos os compradores subcontratan para a saca a outras empresas que traballan á tonelada e que non teñen coidado ningún á hora de facer os traballos”, asegura.

Ordenar unha actividade que xera riqueza

Ao igual que o resto de rexedores da zona, Roberto é consciente de que “o forestal é un sector potencial no noso concello e defendemos que se sigan facendo traballos forestais, pero temos que esixir un ordenamento da actividade”, defende. O primeiro que pretenden coa nova norma municipal é “localizar todos os puntos nos que se está sacando madeira” porque “ás veces son traballos que son executados en poucos días e as empresas marchan sen ter constancia a nivel municipal de que se fixeron eses traballos nin de quen os fixo”, conta.

“Entendemos que toda a madeira que se saque por vías municipais ten que ter un permiso do Concello e temos moi claro que o desgaste das vías e os estragos deben ser financiados por quen os fai, parécenos lexítimo esixir que quen fai o dano pague a reparación”, defende.

Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía. Parécenos lexítimo esixir que quen provoca o destrozo pague a reparación

Pon como exemplo o seu propio municipio, con 70 km2 de superficie total e 600 km de vías de titularidade municipal, entre pistas alquitranadas e camiños forestais. “Temos máis ou menos 8 quilómetros e medio de vías por km2 e o custo dun quilómetro de alcatrán non sae por menos de 20.000 euros e un de aglomerado en quente vaise a 30.000 euros. Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía”, xustifica.

15 euros por camión de madeira

Pero a parte máis polémica da nova norma, que se aplica tamén ás canteiras cunha cota anual por metro de vía pública utilizada, é sen dúbida a nova taxa por tonelada de madeira extraída. Está fixada en 60 céntimos por tonelada, o que equivalería a uns 15 euros por camión. “Os cálculos que fixemos é que, tendo en conta os prezos medios dos últimos anos, equivalería a un 2% do valor de mercado da madeira cortada”, explica.

O pago da taxa municipal de 60 céntimos por tonelada non exime aos madeiristas de facer as reparacións nos viais

Roberto defende que “é unha taxa asumible” e considera que este sistema é máis xusto que as fianzas que teñen establecidas outros municipios. “Neste caso é progresiva, cantas máis toneladas de madeira se saquen, máis alta é a taxa. Na miña opinión non tería sentido poñer unha fianza fixa porque 2.000 euros non chegan para amañar un desperfecto que custa 30.000 euros arranxar e poñer unha fianza moi elevada penaliza moito as cortas en parcelas pequenas”, argumenta. “A taxa polémica pode ser, pero xusta eu defendo que si. A veciñanza non ten que deixar de dispoñer doutros servizos por desperfectos que ocasionan terceiros”, conclúe o alcalde de Ribeira de Piquín.

Lugo: fianza de 1.000 euros por quilómetro

Outros concellos teñen aprobadas tamén ordenanzas reguladoras semellantes, aínda que sen incluír tributos coma os que estes seis municipios acaban de fixar. Noutros casos, iso si, establécense fianzas previas ao comezo dos traballos que as empresas deben depositar, ben en metálico, ben en forma de aval bancario, como garantía de reparación dos danos provocados nos camiños ou infraestruturas municipais.

Os Concellos que teñen fixados avais en concepto de garantía foron incrementando o seu importe por non cubrir en moitos casos a totalidade dos danos e desperfectos causados

A contía destes depósitos foise incrementando nos últimos anos en moitos Concellos, xa que en moitos casos os importes depositados non eran suficientes para cubrir a totalidade dos danos causados. Un dos últimos Concellos en actualizar a súa normativa neste sentido foi o de Lugo. O pasado luns 18 de xaneiro entrou en vigor unha ordenanza municipal con condicións para traballos de poda e saca de madeira no termo municipal, que conta con 54 parroquias rurais a maiores da cidade.

A contía da fianza é, neste caso, variable, en función de distintos parámetros: 50 céntimos por tonelada de madeira extraída, 500€ por quilómetro de camiño sen asfaltar utilizado e 1.000 por quilómetro de pista asfaltada e 800€ por cada ponte ou infraestrutura semellante que sexa necesario atravesar.

A Fonsagrada: suspender as cortas no inverno

Outro dos Concellos da provincia de Lugo que ten establecida unha fianza para a saca de madeira é o da Fonsagrada, que aprobou a ordenaza no ano 2014. A contía, neste caso, vai dos 500 aos 5.000 euros para volumes de corta superiores aos 3.000 metros cúbicos. No caso de empresas madeireiras que vaian realizar numerosas cortas ao longo do ano dentro do termo municipal teñen a opción de depositar unha única fianza anual por importe de 7.000 euros.

Pero o seu alcalde, Carlos López, propón unha solución diferente para reducir o deterioro dos camiños como consecuencia da saca de madeira dos montes: paralizar ou limitar as cortas durante o inverno ou outros momentos do ano nos que hai unha climatoloxía adversa que intensifica os danos producidos.

Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica por parte dos madeiristas e son tan competitivos coma aquí

“Poderíanse reducir as sacas cando fai mal tempo, igual que os gandeiros non botan o purín nas pradeiras ou non entran a labrar las terras porque as desfán”, compara. “O que non pode ser é que o beneficio dunha actividade repercuta negativamente no Concello e que o amaño das pistas o teñan que pagar logo todos os veciños. Eses gastos son responsabilidade dos madeiristas, entra dentro do negocio”, considera, e rexeita que este tipo de medidas prexudiquen ao sector: “Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica e son tan competitivos coma aquí”, di.

Na Fonsagrada, o concello máis grande de España, con 470 km2, a rede municipal de pistas pasa dos 1.000 km. O gasto no seu mantemento sitúase por enriba dos 300.000 euros anuais. “No Orzamento municipal temos 200.000 euros e non nos chega, sempre temos que andar buscando fondos para rexeneración de firme”, asegura.

Na Fonsagrada, onde dunha esquina a outra do muniucipio pode haber 60 quilómetros, moitas veces non sabes quen está cortando e o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo

Carlos evidencia que “nos últimos 20 anos a maquinaria que se usa nos montes deu un salto tecnolóxico moi grande, agora non son as carrocetas e tractores que se usaban antes”, di, e o seu maior peso déixase notar nos viais polos que pasan, moito máis cando a chuvia ablanda o terreo. “E no momento no que o camiño queda desfeito até que se logra reparar ás veces pasa un ano ou dous e nese tempo son os veciños, que teñen que pasar por eles todos os días, os que sufren os desperfectos e as incomodidades porque o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo”, recoñece.

Barreiros: comisión mixta de madeiristas e Concello

Momento da sinatura do convenio entre LugoMadera e o Concello de Barreiros o pasado mes de setembro

Momento da sinatura do convenio entre LugoMadera e o Concello de Barreiros o pasado mes de setembro

A Mariña é, xunto a Ortegal e Ferrolterra, un dos distritos forestais con máis cortas de madeira de Galicia e os rexedores da comarca optaron por distintas solucións ante o deterioro da pistas. En Barreiros, onde hai unha ordenanza aprobada desde fai anos que non surtiu os efectos desexados, decidiron apostar pola vía do diálogo. O pasado mes de setembro, a alcaldesa do municipio, Ana Ermida, asinaba coa Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que reúne á práctica totalidade de empresas vinculadas ao sector forestal na provincia, un convenio que non leva aparellada fianza nin taxa de ningún tipo pero que recolle os compromisos por ambas partes e o protocolo de actuación para a protección do medio ambiente e a conservación das vías municipais.

O texto establece a obriga de comunicación e sinalización dos traballos forestais realizados polas empresas madeireiras, incluíndo tanto a saca de madeira como das pacas de biomasa e restos de corta dos montes, ao fin de facilitar a labor de seguimento e comprobación por parte do Concello do bo uso das vías municipais, especialmente dos camiños e pistas forestais, e inclúe un compromiso de reparación de desperfectos por parte dos madeiristas.

Hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles

O convenio especifica que o arranxo das vías debe realizarse, de ser preciso, nun prazo acordado entre as empresas e o Concello, non podendo producirse dilacións indebidas e comprometéndose a Asociación a realizar as xestións oportunas para o bo fin do acordo. En base a este convenio, existe unha comisión mixta entre Concello e Asociación ao fin de analizar a situación e a resolución de posibles conflitos que poidan existir e a propia Asociación actúa de garante para o cumprimento do acordado por parte dos seus asociados.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que se trata, mediante esta colaboración, de “facilitar os traballos forestais, que indubidablemente teñen un grande impacto no territorio, e garantir o menor prexuízo dos mesmos nas vías municipais e, de ser o caso, axilizar os mecanismos de reparación”. “Somos conscientes da importancia que ten o aproveitamento do monte coa corta e saca de madeira e a necesidade de adaptar as infraestruturas a tal uso, mais non é menos certo que o impacto xerado por dita actividade non pode resultar negativo para o conxunto da poboación; por iso hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles”, defende.

Malia que pasaron só tres meses desde a sinatura do convenio, desde o Concello fan un balance positivo. “A implementación está sendo paulatina. Supón un cambio de mentalidade porque implica que as empresas se corresponsabilicen do mantemento das vías pero o acordo está funcionando razoablemente ben”, din.

O protocolo a seguir é o seguinte: as empresas comunican onde van cortar e envían fotografías do estado no que se atopan os camiños (se non o fan enténdese que están en perfecto estado) e eles mesmos son os que os amañan despois de sacar a madeira. Un técnico municipal vai facerlles o seguemento. “Estamos moito máis enriba para vixiar”, aseguran no Concello.

As empresas do sector descontarán desde hoxe nos contratos de compra o importe da taxa

aserradeiro Hijos de Ramon Rubal (Alfoz) transporte eucaliptoOs madeiristas mostran o seu rexeitamento frontal a “taxas ou fianzas desorbitadas” que impliquen gravar a actividade extractiva de madeira nos montes galegos. Miguel Vázquez, da empresa Maderista Souto, asegura que estas medidas “levarán a unha baixada no prezo da madeira que reciben os propietarios forestais”. “Ao final a quen vai afectar é aos propietarios máis que a nós. Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas. A realidade é que a madeira de Pol ou de Meira vai valer un euro menos que a dos propietarios do resto de concellos veciños e iso non é xusto. A partir de agora teremos que ter en conta onde sacamos a madeira para fixar o prezo. Non sei por que desde as Administracións locais teñen interese agora en baixar a madeira aos seus veciños”, di.

Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas, a realidade é que a madeira de Pol, de Meira ou da Pontenova vai valer un euro menos ca dos concellos veciños. Non sei por que eses alcaldes teñen interese en baixar o prezo da madeira aos seus veciños

Maderista Souto, que merca madeira nas provincias de Lugo, Ourense e parte da Coruña, está neste momento cortando nun dos Concellos que veñen de aprobar as novas taxas, aínda que neste caso a licenza de corta foi anterior. “Esa madeira foi pagada en novembro, non tiña ese custo, pero a partir de agora no contrato vaise especificar que o prezo non inclúe calquera taxa que impoña o Concello e no momento de pagar a madeira descontarase directamente ao propietario no importe final a taxa municipal abonada”, anuncia. 

Tanto esta coma outras empresas do sector decidiron aplicar esta solución xa a partir deste luns, 25 de xaneiro, ofrecendo á hora de mercar piñeiro, eucalipto, castiñeiro ou outras especies aos donos dos montes o prezo da madeira menos o custo municipal, sexa cal sexa en cada caso. 

É unha medida que está recomendando a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo a todos os seus asociados. “Desde Lugomadera entendemos que o abono de dita taxa corresponde ao titular da parcela e debe trasporse ás operacións de compra-venda de madeira”, indican. Por iso, os contratos que sexan asinados a partir de agora incluirán unha cláusula na que se establece un “desconto por taxa a ingresar ao Concello por aproveitamento especial de dominio público local con motivo das operacións de depósito, arrastre e transporte de madeira” coincidente co importe da taxa municipal establecida.

“Levarán a que as pequenas parcelas queden sen cortar”

As empresas forestais consideran que a aprobación destas taxas á saca de madeira “terán repercusión sobre os veciños destes municipios e fomentarán o abandono entre os propietarios do monte”. “Fincas pequenas, que xa de por si para os maderistas non son rendibles, non as imos comprar e van quedar sen sacar”, alerta Miguel, que indica que “a madeira de eucalipto está pagándose a 38 euros tonelada no monte” logo de que os prezos volveran estabilizarse, o que supón que “unha hectárea de monte cunha selvicultura adecuada poida supoñer entre 16.000 e 18.000 euros e eses cartos son cartos que ían para os propietarios”, argumenta.

A taxa son 60 céntimos máis gastos de xestión, vaise a un euro en total, e no caso de depósito de fiazas hai que descontar un 1% no prezo da madeira para os avais

Miguel estima que a baixada da madeira neses concellos será “como mínimo dun euro”, xa que aos 60 céntimos por tonelada que fixa a taxa municipal hai que engadir “os gastos de xestión e a burocracia que leva aparellada”, polo que “vaise a un euro en total”, di. “Eu vou descontarllo no prezo final ao propietario e vou especificarllo así ao dono do monte”, avanza.

Outro tanto acontece no caso de Concellos que fixan “avais desproporcionados”, di. “Non estou en contra de fianzas razonables para garantir que todos cumprimos e non se produce competencia desleal entre os que reparamos despois as pistas e os que non realizan ese gasto, sempre que o Concello sexa rápido á hora de devolver os cartos. Pero unha cousa é ter que depositar 3.000 ou 5.000 euros e outra ter que pedir un aval por 20.000 euros, como vai pasar a partir de agora no Concello de Lugo, por exemplo. O aval xérache uns gastos e uns intereses, polo que este tipo de fianzas desproporcionadas métennos a todos nun custo financieiro que acaba cos madeiristas pequenos”, asegura, polo que defende os convenios cos Concellos: “en Láncara entre 7 madeiristas que sacaramos madeira dunha zona fixémonos cargo entre todos do amaño dun camiño que usaramos para sacar a madeira, esa é unha solución moito mellor para todos”.

“Os gandeiros non pagan”

Miguel considera que esta taxa que están trasladando algúns Concellos ás empresas forestais “é unha taxa manifestamente inxusta”. Lembra que o sector forestal “xera riqueza no medio rural e crea emprego estable e de calidade”, polo que non entende, di, “por que o atacan nestes Concellos”. As súas empresas, Maderista Souto SL e Landmaschinen SL, por exemplo, fixeron nos últimos dous anos un investimento de máis de dous millóns de euros en maquinaria e teñen en total 11 traballadores, máis os empregos indirectos que xeran por exemplo no transporte da madeira.

Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós

“Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós. Os gandeiros tamén usan as pistas e non teñen taxa. Non estou dicindo que llela poñan a eles tamén, só digo que é un agravio, porque van con maquinaria similar á nosa e con camións igual de pesados á hora de levar os subministros ás granxas ou á hora de ensilar”, argumenta. Desde as entidades locais xustifican que “a taxa vai para o sector da madeira e o das canteiras por utilización das vías municipais porque son os que máis danos provocan nelas”, afirma o alcalde de Ribeira de Piquín. “O que non entendo é porque hai que pagar en Meira e non en Guntín”, rebate Miguel e “por que hai municipios nos que se nos impoñen ás empresas estas taxas inxustas e outros que fixan avais desproporcionados, xa que ao final todas estas cargas reflectiranse no valor da madeira”, insiste.

Extralimitación de competencias

Os maderistas asumen que os Concellos poden obrigalos a reparar os danos, pero non "inventar un novo imposto"

Os maderistas asumen que os Concellos poden obrigalos a reparar os danos, pero non “inventar un novo imposto”, din

As asociacións da cadea de valor da madeira consideran que “estas ordenanzas supoñen un imposto máis á actividade forestal, discriminando ao sector da madeira con respecto a outros sectores primarios que se desenvolven no mesmo territorio e que non sufren esta penalización”. A través dun comunicado, desde Feamarga, que aglutina ás asociacións provinciais de aserradeiros e rematantes de madeira, denuncian “a extralimitación de competencias dos Concellos na aprobación de ordenanzas forestais e a imposición de taxas discriminatorias para a actividade forestal”.

Nuria Rodríguez, secretaria xeral de LugoMadera, a Asociación Provincial de Empresas de Primeira Transformación de Madeira de Lugo, confirma que unha vez foron rexeitadas no eido local as alegacións presentadas pola Asociación, están estudando co seu departamento xurídico levar estas ordenanzas aos tribunais por entender que os Concellos se estarían extralimitando das súas competencias ao aprobar un novo tributo sen base legal en materia fiscal de carácter autonómico ou estatal que o ampare.

Desde Lugomadera, na defensa dos intereses dos nosos asociados, seguiremos recurrindo este tipo de impostos revolucionarios á actividade forestal

LugoMadera rexeita a aprobación unilateral por parte destes seis Concellos destas taxas e defende a colaboración mediante os convenios que teñen asinados con máis de 20 Concellos na provincia de Lugo. “Os convenios funcionan ben e son bos para todos e non prexudican a unha actividade tan importante para o medio rural e os seus habitantes”, di Nuria.

Recoñece que nalgúns casos se produce “algún problema á hora da identificación das empresas que traballan nas vías municipais” e, para mellorar isto, desde a Asociación están desenvolvendo unha ferramenta informática que permita informar en tempo real aos Concellos en que lugares concretos se están realizando traballos forestais ou de saca de madeira “sen que isto supoña unha carga burocrática ou de tempo ás empresas”.

Adaptación das vías a unha maquinaria cada vez máis grande

Desde LugoMadera recomendan ás empresas integradas nela que comuniquen aos Concellos o inicio dos traballos e o estado inicial das vías e pídenlles “limpeza e boa praxe durante a actividade”, identificando mediante carteis a quen pertencen os acopios de madeira e informando da data na que se vai proceder á reparación no caso de ter provocado dano ou deterioro.

A cambio, desde esta e outras organizacións profesionais galegas do ámbito forestal reclaman “a adaptación das vías á evolución da maquinaria forestal, a creación de parques de madeira, puntos de acopio e zonas de viraxe de camións”.

Tampouco ven viable desde Feamarga a paralización da actividade extractiva durante o inverno dado o “impacto que tería esta medida en termos económicos e de emprego, afectando a toda a cadea de subministro e á industria de transformación da madeira”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información