Os gandeiros reuniranse o próximo 5 de xaneiro en Ordes para dúas cuestións fundamentais: decidir os próximos pasos a dar na busca da revalorización do leite no campo e reformular a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Sobre o futuro da Plataforma, falamos con dous gandeiros que se significaron activamente nas mobilizacións de setembro e de decembro, Alberto Lamazares, de Rodeiro (Pontevedra); e Diego Moreno, de Friol (Lugo); así como con Óscar Blanco, presidente de Gandeiros de Mazaricos (A Coruña), asociación que se fixo moi visible nas protestas de setembro.
“O reto é unir ó sector respetando a sindicatos e políticos”
Alberto Lamazares, gandeiro de Rodeiro (Pontevedra), tivo un papel destacado na tractorada de Santiago en setembro, cando participou na coordinación de varias asembleas, e posteriormente nos bloqueos ás industrias; Lamazares, que tamén se mobilizou en decembro no bloqueo ó Lidl e ó Eroski de Lalín, é un firme defensor das organizacións, dos sindicatos e da política. El mesmo está afiliado a dous sindicatos, Unións Agrarias e Sindicato Labrego, e formou parte das listas do Bloque (Nós) ó Congreso. Participa na Plataforma desde setembro, cando entrou como representante de Rodeiro.
– Que papel cres que debe ter a Plataforma nas protestas?
– A Plataforma é un apeiro útil para coordinarnos. Penso que a temos que reactivar tendo claras dúas cuestións: para que a queremos, fundamentalmente para lograr un prezo mellor para o leite, e como imos traballar internamente. No funcionamento da Plataforma houbo fallos no pasado e haberá que ilos correxindo.
– Que cuestións habería que mellorar na organización?
– Hai dúas cuestións principais. Primeiro, garantir a representatividade na Plataforma de todos os gandeiros que estamos na loita. Cónstame que a Plataforma ten aprobada a participación de dous representantes da Coruña, de dous de Lugo e dun de Pontevedra, todos con voz e voto, é dicir, cos mesmos dereitos que as organizacións agrarias que fan parte da Plataforma. Esa representatividade é fundamental, que os gandeiros se xunten e leven a súa voz á Plataforma a través dun representante, que pode ser rotatorio; e viceversa, que a voz da Plataforma chegue de volta á xente.
“A Plataforma aprobou a participación de 2 representantes da Coruña, 2 de Lugo e 1 de Pontevedra, todos con voz e voto”
En segundo lugar, hai que mellorar a comunicación, tanto a interna, como a externa. A comunicación entre os nosos non pode fallar. Non pode pasar o que sucedeu en setembro, que gandeiros que estaban nos bloqueos ás industrias se enteraron do fin da protesta porque lles comezaron a saír as cisternas para recoller leite. Tamén é moi importante a comunicación da Plataforma cara a sociedade.
– Pensas que as organizacións agrarias se adaptarán a cederlle protagonismo e liderado á Plataforma?
“Os sindicatos non lle teñen que ter medo á Plataforma. O mellor que lle pode pasar ó sindicalismo é que a xente queira participar”
– Os sindicatos non lle teñen que ter medo á Plataforma. O mellor que lle pode pasar ó sindicalismo agrario é que a xente queira participar. Se os sindicatos cambian e se amoldan ós tempos, penso que teñen un bo futuro. O que deben ter claro é que o de decidir desde un sillón rematouse.
– Con Agromuralla, ves posibilidades de coordinación desde a Plataforma?
– Toda postura é lexítima, pero eu creo que o reto está en unir ó sector respetando a sindicatos e políticos. Escarallar todo, dicindo fóra políticos e fóra sindicatos, é o máis fácil, pero non creo que aguante no tempo. En democracia, as solucións son políticas. O único sistema no que non hai nin políticos nin sindicatos é a dictadura.
“Escarallar todo, dicindo fóra sindicatos, fóra políticos, é o máis fácil, pero non aguantará no tempo”
A min dáme a impresión de que Agromuralla non lle quere facer demasiado mal nin á distribución nin ás industrias e, desde logo, ningún a quen goberna. Non quere molestar a quen goberna e sen molestar, non se consegue nada. Penso que tanto Agromuralla como a Plataforma estamos polo mesmo, pola mellora dos prezos do leite; tampouco creo que Roberto López –o voceiro máis coñecido de Agromuralla- sexa unha persoa co carné do PP, pero eu se fose Feijoo, o primeiro que faría sería crear Agromuralla para dividir ó sector.
“As decisións tomámolas os gandeiros que estamos na rúa”
Diego Moreno, gandeiro de Friol (Lugo), participou activamente nos bloqueos ás industrias en setembro e no bloqueo ó Carrefour de Lugo este mes, coordinado pola Plataforma. Non forma parte de ningunha organización na actualidade, se ben no seu día estivo na Organización de Productores de Leche (OPL). Participou tamén na tractorada de Lugo en setembro, a que daría lugar a Agromuralla, e foi representante de Friol no comité que coordinou aquela tractorada os primeiros días, “ata que me botaron por levarlles a contraria”, lembra.
– Como valoras o funcionamento da Plataforma?
– Creo que está facendo ben o seu traballo. Nós aquí en Lugo apoiamos o bloqueo dos centros comerciais iniciado na Coruña porque pensamos que había que facer presión ante as cadeas que incumpriron o asinado. Agora toca estar pendente de que a gran distribución cumpra o pactado e iniciar negociacións coas industrias. Ese é o camiño correcto porque aparcados na Ronda da Muralla, creo que non se fai nada, só poñer na nosa contra á cidadanía e ó pequeno comercio, que son xente coma nós, que está en dificultades.
“Os tractores aparcados na Ronda da Muralla poñen en contra nosa ó pequeno comercio, que son xente coma nós, en dificultades”
– Cres que a Plataforma debe ter unha representatividade directa dos gandeiros, ben por provincias ou por comarcas?
– Non nos preocupa en especial ese tema. O importante é que a Plataforma funcione. Se se decide que haxa un par de persoas por provincia si que estaría ben, sempre que sexa xente que estivo involucrada nos bloqueos. Tampouco debe haber un exceso de representantes. En calquera caso, o importante é que temos constituido unha fronte común que puido comezar traballando ben, mal ou como fose, pero agora as decisións tomámolas os gandeiros que estamos na rúa, nas asembleas. Foi o que eu vivín en Lugo, no Carrefour, e en Santiago, ante Dia.
“Os sindicatos déronse de conta de que teñen que contar con todo o sector, non só cos seus militantes”
– Entre os gandeiros sen afiliación, como o teu caso, hai boa sintonía no traballo común cos sindicatos?
– Hai que dicir que os sindicatos están agora funcionando ben. Penso que Unións Agrarias, que tivo un papel clave nos bloqueos ante a distribución, deuse de conta de que non só debe contar cos seus militantes, senón que ten que contar coa maioría do sector, sexan afiliados ou non. Os sindicatos están representando a todo o sector, non só os seus afiliados, e agora operan en base ó que opina toda a xente que nos estamos axudando mutuamente. Se algún sindicato pensa que só lle ten que dar conta ós seus afiliados, que non pida o apoio do resto de gandeiros.
– Pensas que Agromuralla debería integrarse na Plataforma?
– Non creo que sexa posible porque en Agromuralla hai unha serie de persoas ás que non lles interesa, probablemente por individualismos e por afán de protagonismo persoal. Dito isto, si creo que o lóxico sería que Agromuralla se integrase na Plataforma, que é un órgano que engloba a todo o mundo, dereita, esquerda, sindicatos, asociacións e Concellos. Que Agromuralla se quede fóra da defensa en conxunto do sector non ten lóxica.
“Non son de recibo as presións e as pintadas que houbo en granxas de persoas que non quixeron ir á tractorada da muralla”
Tampouco son de recibo as presións e ameazas que houbo sobre gandeiros que non quixeron ir á tractorada da muralla. En Friol, na miña zona, houbo pintadas sobre granxas que se negaron a ir á tractorada. Tamén se ven outras cousas raras en Agromuralla. Eu podo dicir que cando comezaron as mobilizacións de setembro non tiña vinculación con ningún sindicato nin partido político, que é algo que na directiva de Agromuralla non poden dicir, xa que polo menos, nalgún caso, tiñan vínculos con Xóvenes Agricultores (Asaja Galicia).
“O importante é defender o valor do noso leite en conxunto”
Óscar Blanco é un produtor de Mazaricos (A Coruña) que preside Gandeiros de Mazaricos, unha asociación que tivo especial protagonismo nas protestas do verán, onde popularizou o lema ‘A vaquiña polo que vale’. Desde Gandeiros de Mazaricos, Blanco foi dos primeiros en reivindicar a participación directa dos produtores na Plataforma, unha cuestión que considera clave. En decembro, a asociación optou por non mobilizarse ante a distribución.
– Que papel cres que teñen que ter os gandeiros na Plataforma?
– Eu cando comecei a ir ás reunións da Plataforma, o que vin foi que había moito sindicato e moito político, pero que faltaban os gandeiros. Entón propuxen que se incorporasen gandeiros tamén e ó principio estaban case todos en contra, aínda que fomos falando e ó final si foron entrando. Os gandeiros están collendo peso na Plataforma e hai que ver ata onde lles deixan chegar. A participación dos produtores é clave porque se non estivésemos, podería chegar a haber unha negociación na que non houbese ningún gandeiro na mesa.
“Cando comecei a ir ás reunións da Plataforma, vin que faltaban os gandeiros; agora están collendo peso”
– Pensas que Agromuralla pode ter sitio na Plataforma?
– A Agromuralla véxoos un pouco independentes. Aínda que non queiran ós sindicatos, penso que temos que ir todos xuntos da man. O importante é defender o valor do noso leite, dá igual se un é dun sindicato, doutro ou dunha asociación.