‘Gnomoniopsis smithogilvyi’ é un fungo que causa a podremia da castaña que se detectou hai uns anos en mostras en rama, e posteriormente apareceu en ourizos. Este patóxeno súmase ás ameazas que sofre a produción de castaña, como pode ser a avespiña ou chancro. Por isto, José Gómez Laranjo, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), vén de impartir unha charla sobre a enfermidade nunha xornada celebrada recentemente en Ourense.
O profesional explica que non ten datos concretos da incidencia deste fungo en Galicia, pero “se ollamos a situación portuguesa, vemos que este ano houbo bastante menos castaña atacada por esta praga, quizais menos do 20 %”, sinala. Engade que esta situación foi similar en Italia e Francia, polo que, “con alta probabilidade”, en Galicia tamén diminuíu. Así mesmo, lembra que no 2023 estimouse que entre o 40 e o 50 % da produción estivo afectada en diversos países europeos.
Estes datos ofreceunos durante o Foro da Castaña que a Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizou en Riós. Esta edición centrouse en analizar a evolución do sector a nivel internacional e as demandas dos operadores comerciais en canto ás variedades e calidades do produto.
A podremia ocorre dentro da castaña, polo que externamente non aparecen síntomas
Sintomatoloxía que provoca
En canto á sintomatoloxía que provoca este fungo, Gómez Laranjo detállao: “trátase dunha podremia que se desenvolve no interior da castaña”. Explica que a contaminación ocorre durante a floración, permanecendo o fungo inactivo unha vez que é endofítico, dentro da castaña, ata a colleita.
Se durante a colleita ocorren temperaturas elevadas para a época e precipitacións, pode derivar a activación do fungo dentro da castaña, comezando a desenvolver a podremia: “Empeza cunha cor acastañada e evoluciona para unha máis negra”. Como a podremia ocorre dentro da castaña, externamente non aparecen síntomas. “Este feito provoca que o rastrexo e a detección sexan moi difíciles nas liñas da agroindustria”.
Actualmente, a situación climatolóxica está a mudar, polo que as situacións de temperatura e de precipitacións en Galicia derivan na alta presenza deste fungo, xa que as temperaturas son máis altas e hai menos choivas.
Loita contra a enfermidade
“A loita debe comezar no souto”, resalta o profesional. No ámbito do EuroCastanea (a Asociación Europea da Castaña) foi creado un grupo de traballo composto por investigadores para estudaren o tratamento desta doenza. A gravidade da situación no 2023 acelerou a toma de decisións, obrigando a este grupo a preparar un protocolo de emerxencia para o tratamento da doenza. Segundo este protocolo, débese aplicar un tratamento cun bioestimulante durante a floración, que é o momento en que ocorre a contaminación. En Portugal empregan un bioestimulante que inclúe un 1% de sulfato magnésio, 0,02% de molibdato de sódio e 1% de sulfato de zinc).
Galiza posúe a maior área de souto de Europa, con preto de 40 000 hectáreas en produción
Segundo Gómez Laranjo recomenda “os produtos usados teñen que ser biolóxicos e a loita debe ser complementada cunha colleita rápida da castaña, para así impedir a activación do fungo polas temperaturas e humidade máis elevadas”. Unha medida importante é manter a castaña gardada a baixas temperaturas (menos de 5ºC) e entregala á agroindustria no menor prazo, no caso de que se vaia vender.
A nivel de prevención de cara a seguinte campaña, aconséllase ademais a retirada dos ourizos afectados do souto, así como da madeira morta.
Situación do castiñeiro a nivel global
Nos últimos 30 anos a produción mundial pasou de cerca de 400 mil toneladas a 2 millóns de toneladas por ano, segundo os datos achegados por este profesional do sector. No entanto, en Europa a produción fixouse entre as 250 000 e as 300 000 toneladas por ano. A pesar dos esforzos de promoción de novas plantacións, a penas se medra. Dous factores teñen contribuído fortemente para esta situación: a doenza da tinta continúa a matar miles de castiñeiros en Europa e o aumento da temperatura e seca no verán.
En canto á situación dos países máis produtores, Gómez Laranjo destaca a Turquía como o líder desa clasificación, xa que alcanza preto das 70 000 toneladas/ano. Dentro da Unión Europea, España é o país con maior área de souto, con cerca de 90 000 hectáreas, que teñen unha produción estimada de cerca de 35 000 toneladas. Portugal e Italia ocupan a segunda posición con cerca de 50 000 hectáreas, para unha produción anual de cerca de 40 000 toneladas.
Considerando o contexto rexional, “Galiza posúe a maior área de souto de Europa”, con preto de 40 000 hectáreas en produción, dos cerca de 70 000 hectáreas de soutos multiseculares existentes. Porén, son áreas de souto con baixa produtividade, pois, “de acordo coa Rede Estatal da Castaña, a produción estimada é dunhas 20 000 toneladas por ano”.
En Galiza están instaladas varias agroindustrias ligadas á transformación da castaña, que contribúen para a súa valorización e crecemento
O profesional subliña que “hoxe ollamos para Galiza e vemos un sector en crecemento, grazas ao importante apoio do Goberno Rexional, nomeadamente para a recuperación das áreas abandonadas de souto para mudalas a zonas produtivas, e á contribución da súa IXP Castaña da Galiza”. Engade que tamén é preciso salientar que en Galiza están instaladas varias agroindustrias ligadas á transformación da castaña, que contribúen para a súa valorización e crecemento, para levar á rexión a ser referencia na fileira europea da castaña.
Segue a rexión de Tras-os-Montes (Portugal) con preto de 45 000 hectáreas en produción, representando unha produción dunhas 45 000 toneladas anualmente. “É unha rexión bastante contrastante coa Galiza, xa que a gran maioría dos soutos ten menos de 50 anos, tendo en conta que das 45 000 hectáreas, cerca de 16 000 hectáreas teñen menos de 15 anos”, describe. A expectativa é de crecemento da produción coa entrada das novas áreas en produción, coa probabilidade de que a medio prazo se poida consolidar a súa posición de maior rexión produtora de castaña da Unión Europea.
Tras os Montes (Portugal) produce máis do dobre da castaña de Galicia, cunha superficie de soutos similar. No caso portugués, destaca o gran volume de plantacións das últimas décadas
Finalmente, Campânia (Italia) ocupa a terceira posición con cerca de 10 000 hectáreas. Aquí, contrariamente ás outras dúas rexións, a área de souto tende a reducirse, pois no inicio do século XXI, a área chegou a abranguer cerca de 15 000 hectáreas. A principal causa desta redución pode estar no forte ataque da praga do Dryocosmus kuriphilus (avispilla), que provocou enorme caída na produción e abandono de áreas, tendo tamén impacto arrasador na agroindustria instalada nesta rexión.
Os prezos en Portugal nesta campaña de 2024 variaron entre os 2,5 euros/quilogramos e os 4 euros/quilogramos
Tendencia de prezos
A formación do prezo da castaña, como de calquera produto, depende dunha conxugación de factores que comezan na calidade do produto e acaban no equilibrio entre oferta e demanda. Normalmente as variedades de calibre maior, máis dirixidas para o consumo en fresco, son máis valorizadas.
A castaña en Europa é un recurso que está lonxe de ser excedente. “As campañas dos últimos dous anos foron bastante abaixo do normal, acentuando aínda máis o carácter deficitario desta produción”, puntualiza. Este contexto crea unha valorización para a castaña moi boa e esta tendencia deberase manter.
Gómez Laranjo pon de exemplo os prezos pagados á produción en Portugal nesta campaña de 2024, “por ser os datos que manexo”. Variaron entre os 2,5 euros/quilogramos e os 4 euros/quilogramos, “notándose un equilibrio de prezos entre os principais países europeos produtores de castaña, posicionados nun mercado cada vez máis global”, conclúe.