“Pódese vivir da horta apostando pola venda directa e produtos de calidade”

Entrevista a Belén Couñago Fervenza, nova responsable de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego.

Publicidade
“Pódese vivir da horta apostando pola venda directa e produtos de calidade”

Belén Couñago. Autor: SLG

Belén Fervenza Couñago, labrega na parroquia de Reboreda, en Redondela (Pontevedra), ven de ser elixida nova responsábel de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego no congreso deste sector celebrado o pasado domingo en Tabeirós (A Estrada).

Licenciada en Bioloxía, decidiu hai dez anos dedicarse ao cultivo de horta en ecolóxico, apostando pola venda directa a través de canles curtas de comercialización, como cestas individuais ou a grupos de consumo. Unha fórmula que, xunto a diversificación de cultivos, considera como a máis recomendable para o sistema produtivo de Galicia e que garante uns ingresos dignos aos produtores.

Na actualidade cultiva canda o seu compañeiro 3.000 metros cadrados ao aire libre e 200 baixo invernadoiro.

¿Cal é o diagnóstico que se fai dende o SLG da situación do sector de horta en Galicia?
Habería que diferenciar entre o cultivo de horta altamente intensivo e dependente dos insumos químicos, que vemos que está a experimentar un retroceso en Galicia pola falta de rendibilidade fronte ás producións foráneas e con problemas de relevo xeracional.

E por outra parte, tamén vemos como o cultivo de horta de calidade e en ecolóxico, sexa con certificación do CRAEGA ou non, que está emerxendo nos últimos anos, con incorporación de xente nova. Trátase de proxectos que parten da realidade do país, de fincas pequenas, pero que apostan por produtos de calidade e por saltarse intermediarios apostando pola venda directa ao consumidor e nun entorno cercano.

Á vista da proliferación de cursos privados de formación en agricultura ecolóxica..¿Falta formación tanto en agricultura como en comercialización na xente que se incorpora ao sector da horta?
Efectivamente, vemos moita xente que se quere incorporar á produción de horta e que acode ao sindicato en busca de formación, cando é algo que debería proporcionar a propia administración.

Hai que darlle valor á formación para poder cultivar cuns rendementos e asegurando a sustentabilidade do solo e do medio ambiente.

Por outra parte, a Xunta de Galicia debería reoritentar as axudas de incorporación á actividade agraria porque actualmente non están pensadas para o modelo de horta máis axeitado para a nosa terra, un modelo de fincas pequenas e no que o mozo ou moza que se incorpora á actividade debería ir de menos a máis, non arriscándose cunha gran extensión.

SLG_horta_belen_fervenza_nercado_01_standar

Belén nun mercado local. Autor: SLG

Unha das conclusións do congreso do SLG foi a necesidade de seguir apostando polos circuítos curtos de comercialización….
Os mercados locais e das prazas de abastos de Galicia fóronse perdendo e foron sendo ocupados nalgúns casos por persoas que se dedican á revenda de produtos de horta. Por iso, defendemos que eses espazos deben volver a ser gañados polos agricultores e agricultoras locais, especialmente a xente moza, porque a venda directa, sen intermediarios, é a única forma de garantir uns prezos dignos e de volver darlle valor á agricultura poñendo en contacto á cidadanía cos labregos e cos alimentos que producen.

Neste sentido, demandamos aos gobernos municipais que se comprometan e aposten pola produción labrega local.

Outro dos cabalos de batalla é que os centros públicos consuman preferentemente produtos de horta local, como se fai na maioría dos países avanzados…
Hai varias experiencias en marcha e vemos certo interese por parte das administracións públicas, pero non avanza como desexaríamos por diferentes atrancos, entre eles os servizos de cátering que están facendo pechar os servizos de cociña de colexios, residencias …etc. E a eses servizos de cátering xa nos é máis difícil acceder.

É un reto no que seguiremos traballando porque é unha forma de que, no caso dos colexios, os cativos consuman produtos saudables e de que coñezan a orixe dos alimentos e de darlle valor ás producións agrarias locais.

Que consellos lle darías a unha moza ou mozo que quere incorporarse á produción de horta?
Sobre todo recomendaríalle que se informe e que se forme. Aconsellaría que visite explotacións de horta cercanas; que se asesore ben, porque ese é un traballo que non ten rendementos inmediatos, senón máis a longo prazo.

Tamén recomendaría que empece de menos a máis, que vexa se lle gusta e logo que vaia aumentando a superficie e a produción a medida que vai mellorando o seu coñecemento dos cultivos, do medio e das canles de comercialización. Desaconsello facer un grande investimento económico inicial.

Animo á xente moza a que volte á terra porque, malia as dificultades, é unha opción de vida enriquecedora e saudable.

Una idea sobre ““Pódese vivir da horta apostando pola venda directa e produtos de calidade”

  1. jose luis mascato fraga

    Gustariame recivir informacion sobre o cultivo acoloxico,gracias

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información