Pódese substituír o penso por unha ración máis sostible, de proximidade e coa que reducir custos?

A gandería avícola en ecolóxico Galo Celta, de Vila de Cruces, cambiou o penso ecolóxico dos seus galos e galiñas por unha ración a base de cereais de proximidade e coa que conseguiu mellorar o aporte nutricional ós animais e reducir á metade os gastos. Coñecemos como o lograron

Pódese substituír o penso por unha ración máis sostible, de proximidade e coa que reducir custos?

Galos da gandería Sueiro e Lorenzo Avicultura Artesanal, situada en Vila de Cruces (Pontevedra).

“Buscabamos un xeito de alimentar ós nosos animais que fose acorde coa filosofía do noso proxecto. Nós ofrecemos unha carne e ovos como os de antes, cunha textura conseguida a base dun manexo tradicional, con cría en liberdade e quendas de sacrificio máis longas que as das granxas en intensivo. Temos un manexo semellante ó que se facía nas casas galegas e precisabamos unha alimentación que se axustase a iso”, explica David Sueiro, promotor xunto con Patricia Lorenzo da gandería avícola en ecolóxico Sueiro e Lorenzo Avicultura Artesanal, situada en Vila de Cruces (Pontevedra) e que comercializa os seus produtos baixo a marca Galo Celta

Ese foi o punto de partida dun proxecto de investigación co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Tres anos despois contan cunha fórmula personalizada para alimentar tanto ós galos como ás galiñas poñedeiras ou ás pulardas que crían na súa gandería. A nova fórmula trouxo, entre outras vantaxes, unha drástica redución dos custos, unha mellora significativa tendo en conta que a alimentación dos animais é o principal gasto nas granxas. En concreto, substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación. “Conseguimos unha fórmula coa que reducimos á máis da metade o gasto que viñamos tendo en penso e gañamos outras prestacións”, explica Sueiro.

Substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación

Unha das prioridades do proxecto era procurar unha fórmula elaborada a base de cereais de proximidade, para ser máis sostible e reducir a pegada de carbono da propia gandería. Así, case tódolos ingredientes que conforman a ración actual son galegos. “Buscabamos que os ingredientes da ración procederan dun radio máximo de 200 quilómetros de distancia á gandería”, concreta Sueiro. Recoñecen que nestes últimos meses, nos que os pensos e os cereais importados experimentaron importantes subas ante a escaseza, ó optar por produtos de proximidade case non sufriron subas.

Contar cunha fórmula propia permitiulle dispoñer dunha ración adaptada ós tempos de crianza que teñen na gandería e que se afastan das quendas propias das granxas cun manexo intensivo. “Os nosos galos sacrificámolos cando teñen un ano, cando os pitos doutras ganderías intensivas saen ós 50 días. As nosas galiñas chegan a ter 5 ou 6 anos, o que permite conseguir uns ovos especiais, aínda que teñamos unha produción máis baixa. Todos estes factores son diferentes das esixencias que teñen que cumprir os pensos pensados para unha granxa en intensivo, por iso buscabamos unha fórmula personalizada e certificada en ecolóxico”, indica o produtor.

alimentacion Galo Celta

Reduciron o uso do plástico na gandería, xa que os cereais chéganlle a granel.

Os ingredientes da ración

Sueiro e Lorenzo tiñan claro que nesta nova fórmula querían suprimir a soia, polo impacto que supón incluíla na ración tanto a nivel ambiental, xa que a maior parte dela impórtase; así como polo prezo que ten habitualmente esta legume. A solución que atoparon para proporcionar a proteína necesaria para os seus animais foi incluír outra leguminosa na ración: o chícharo. “Os chícharos son os únicos ingredientes que traemos de fóra de Galicia, proceden de Castela”, comenta.

Coa nova ración tamén procuraban mellorar o aporte nutricional dos ovos e carne ó incrementar a achega de ácidos graxos saudables

Xunto cos chícharos, a ración, que lle prepara a cooperativa asturiana Campoastur, está baseada en trigo e millo, ambos chegados de Ourense. Ademais, no proxecto traballaron con outros ingredientes coa intención de mellorar o aporte nutricional e conseguir así mellores cualidades para a súa carne e ovos.

Cun aporte do 5% de bagazo de cervexa, outro tanto de bagazo de aceite e a mesma cantidade de liñaza, conseguiron que os seus produtos teñan un maior contido tanto en Omega 3 coma Omega 6. “Deseguida puidemos etiquetar os nosos ovos como produtos con contido destes ácidos graxos saudables e logo tamén a carne das nosas aves, xa que en ambos casos superan amplamente a cantidade requirida para poder indicalo na etiquetaxe”, especifica o produtor.

mestura de cereais alimentacion Galo Celta

Mestura de cereais ecolóxicos empregada pola gandería.

Logo da experiencia de incorporar estes ingredientes (bagazo de cervexa e aceite e liñaza) durante o proxecto de investigación van continuar co aporte tanto do bagazo de cervexa como coa liñaza, non só polos bos resultados senón tamén pola súa dispoñibilidade e facilidade para incorporalo á ración. O bagazo de cervexa procede de Chantada (Lugo), da fábrica que a firma Estrella Galicia ten na localidade. “Aproveitar o bagazo para a alimentación das aves é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo para alimentación dos nosos animais e cun gran aporte nutricional”, engaden. O bagazo proporciónanllo en bidóns de xeito que poden conservalo sen dificultade.

“Aproveitar o bagazo é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo cun gran aporte nutricional”

A liñaza procede de Ourense, ó igual que o bagazo de aceite, que decidiron non continuar administrando ós seus animais pese á súa achega nutricional. “Resultábanos moi difícil o manexo do bagazo de aceite e garantir a súa conservación en boas condicións, polo que debido a estas dificultades decidimos suprimilo e só seguiremos aportando un 5% de liñaza e de bagazo de cervexa”, concretan.

A fórmula compleméntase cun corrector certificado en ecolóxico e libre de químicos.

Producir cereais e horta en ecolóxico

Polo momento, os cereais e a leguminosa que conforman a ración mércanos, pero están xa a xestionar a disposición de terreos para producir de xeito ecolóxico parte dos seus cereais. “A intención é producir tanto o trigo, como o millo e o chícharo en ecolóxico. Xa dispoñemos de terras e este ano comezaremos coas primeiras sementeiras a modo de proba”, detalla o produtor. Os prazos para acreditar que a parcela e a produción son ecolóxicos por parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) tamén adiaron o proceso de producir o seu propio gran.

Ademais dos cereais, as aves da gandería Galo Celta aliméntanse a base de verduras como a verza de col ou os grelos. Este foi un aspecto no que tamén estiveron a traballar dende a gandería para conseguir unha certificación para as súas leiras de verzas. Hoxe teñen xa acreditada a súa horta como verza galega certificada en ecolóxico para produción avícola. “Cando quixemos certificala atopámonos con que non había sementeira nin planta certificada, co que tivemos que conseguir tamén esa certificación”, detalla. Da man da empresa Horta da Lousa e o traballo realizado no CTC e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), lograron a primeira semente e planta galega de verza certificada en ecolóxico.

Verza galega ecoloxica _GAlo Celta

Horta de verza galega ecolóxica.

Na actualidade teñen xa unha parcela de 4.000 metros cadrados de verzas de col para alimentar ás súas aves. Este ano tamén sementaron unha leira de Grelo de Santiago, que xa contaba coa certificación, e que ademais de aporte para complementar a dieta dos seus animais, empregáronos como abono verde. “O aporte vexetal diario dos animais proporciona a pigmentación amarela característica tanto da carne como do ovo criados baixo este tipo de alimentación e manexo, que é tan apreciado”, detalla.

A curto prazo tamén queren instalar un muíño na gandería que lle permita moer o gran que lle proporcionan ós animais e seguir traballando nunha produción sostible. Polo momento, con esta nova fórmula tamén desterraron os plásticos, xa que o gran chégalles a granel e teñen huchas nas que gardalo.

Dez anos recuperando a crianza tradicional do galo e a galiña

Cando Sueiro comezou hai 10 anos con Galo Celta fixouse na crianza tradicional que se facía das galiñas e galos no rural galego. A súa granxa baséase en tres piares: a cría das aves en liberdade, manter as quendas de sacrificio tradicional e recuperar os sabores da carne e do ovo producido baixo estes criterios, afastados dos ritmos dunha avicultura intensiva.

Galo Celta_Vila de Cruces

Con estas premisas, as súas aves viven máis que as que permanecen en granxas intensivas. No caso dos galos, as quendas de sacrificio chegan ós 12 meses, os polos sacrifícanos ós 6 meses e as galiñas de carne ós 24 meses.

Ademais da produción, Sueiro e Lorenzo comercializan directamente os seus produtos. Así, é habitual que os dous socios da gandería participen en feiras e encontros gastronómicos especializados e tamén dispoñen dun posto de venda directa dos seus produtos no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información