A maioría das ganderías galegas veñen de renovar os contratos do leite nos últimos días con repetición de prezos. É un escenario derivado principalmente dos aumentos de entregas de leite en toda Europa no último ano. Só no periodo xaneiro – maio, a produción aumentou un 3,7 % na UE. En paralelo, os prezos do leite en orixe proseguiron o retroceso, chegando en xuño a unha media europea de 42,3 céntimos / kg. Cales son as perspectivas para os próximos meses?
As previsións apuntan a unha desaceleración das entregas de leite no segundo semestre, ata chegar a un último trimestre do ano no que a produción pode ser incluso menor que a do último trimestre do 2025.
O motivo, o estreitamento das marxes das ganderías, que están atravesando un mal verán a nivel de produción de forraxes e terán que encarar no outono – inverno un previsible aumento dos custos de alimentación, con maiores gastos en compras externas.
Europa prevé unha caída media da produción de millo dun 6 – 7%, o que repercutirá en maiores custos para as granxas
A iso hai que sumarlle o encarecemento de gasóleo e dos fertilizantes que se vén arrastrando desde a primavera, sen que se despexe a incertidume sobre o conflicto en Irán.
Así as cousas, Rabobank, o banco holandés que é referencia internacional en análise dos mercados agrarios, valora que é posible un aumento dos prezos do leite en Europa no outono – inverno 26/27, unha vez se reduza a presión do aumento de entregas de leite. A parte negativa é que eses ingresos extra probablemente sirvan só para tapar parte do aumento de custos que xa están tendo as ganderías.
A actual previsión en Europa apunta a unha colleita de millo un 6 – 7 % inferior á media por mor da seca que afecta a parte das áreas forraxeiras. É unha situación que obrigará a maiores gastos en alimentación animal, sobre todo nas áreas máis afectadas, como pode ser o caso de Galicia.
Rabobank considera posible unha recuperación de prezos do leite no outono – inverno, pero cre que quedará contrarrestada polo aumento de custos das ganderías
Dado que o aumento das entregas de leite en Europa no último ano se baseou nas boas producións de forraxe, tanto en cantidade como en calidade, é previsible que a situación contraria, cunhas producións inferiores á media na maioría das áreas leiteiras da UE, desencadee unha merma das entregas de leite.
Cómpre ter en conta que nun contexto de diminución continua do número de vacas leiteiras, a expansión da produción débese nos últimos anos ao aumento de rendementos por vaca, que é unha tendencia complicada de manter con marxes máis estreitas de beneficio.
Prezos do leite en orixe
Con este escenario, os prezos do leite tenden a estabilizarse a nivel europeo, tras a caída xeralizada experimentada no outono – inverno, que en Galicia se retrasou á primavera. Coa media europea en xuño en 42,3 céntimos / Kg., España mantíñase nese mes en valores comparativamente mellores, con 46 céntimos de media, se ben con importantes diferencias entre comunidades, pois mentres Asturias supera os 49 céntimos, Galicia quédase en 44,9 céntimos.
Lactogal baixou para agosto o prezo en Portugal en 1,5 céntimos
Un elemento negativo a ter en conta é a decisión das industrias portuguesas, principalmente Lactogal, de baixar o prezo do leite en agosto un mínimo de 1,5 céntimos. Ese movemento, que organizacións agrarias lusas como Aprolep piden que se revirta xa en setembro, deixará o prezo portugués medio no entorno dos 43 céntimos, mantendo a competitividade das exportacións de leite a Galicia, que se intensificaron no primeiro semestre do ano.
Consumo sostido de lácteos na UE e bo comportamento das exportacións
O ascenso das entregas de leite levou nos últimos meses a aumentos da produción de lácteos na industria europea, principalmente queixos, manteiga e leite en po. Foron aumentos que, en todo caso, está a absorber o mercado, tanto por un bo comportamento do consumo interno como das exportacións.
O mercado de lácteos mantense forte, tanto en consumo interno como en exportacións, malia problemas cos mercados de Oriente Medio
As exportacións medraron un 8% en leite equivalente nos primeiros cinco meses do ano, en comparación coas de xaneiro – maio do ano pasado. Se a comparación se fai en valor, sen embargo, as vendas ao exterior na primeira parte do ano obtiveron un 2% menos que as feitas no mesmo periodo do pasado exercicio.
E é que os prezos dos lácteos manteñen este ano unha tendencia á baixa xeralizada, coa excepción do leite en po desnatado e do soro en po. A única boa noticia é que no último mes confirmouse unha leve recuperación nas principais categorías.
De cara ós próximos meses, tanto a Comisión Europea como Rabobank prevén unha certa inflación da alimentación nos supermercados, pois espérase que as industrias tenten trasladar ao consumidor parte do aumento de custos que están experimentando polo encarecemento do transporte.
Galego









Control OJD