Poderase plantar eucalipto nitens no interior de Lugo en tanto non se regule a suspensión temporal

Os novos modelos silvícolas, que presentan recomendacións de manexo para 38 especies forestais, sinalan distritos preferentes para cada tipo de árbore, pero eliminan os vetos da anterior orde

Poderase plantar eucalipto nitens no interior de Lugo en tanto non se regule a suspensión temporal

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe os 38 modelos silvícolas elaborados pola Xunta para ofrecerlle ós propietarios forestais pautas claras de manexo do monte en cuestións como marcos de plantación, rozas, desmestas ou podas. A orde dos modelos silvícolas, que actualiza unha anterior, chega ademais coa novidade de eliminar os vetos que había na orde inicial para a plantación do eucalipto nitens nas comarcas do interior de Lugo.

Os novos modelos silvícolas falan de “distritos preferentes”, pero non impiden que calquera especie se plante nun distrito non preferente se así o decide o propietario. Na práctica, iso permitirá que os propietarios das comarcas do interior de Lugo poidan plantar eucalipto nitens, cumprindo coa lexislación vixente, en tanto non se regule a moratoria temporal de novas plantacións de eucalipto que anunciou a Xunta.

O conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe visitou dous serradoiros en Baralla (Lugo), destacou que “non hai ningunha diferenciación de concellos, como poden ser Baralla, A Pastoriza ou Castroverde, respecto de calquera outra parte de Galicia e, polo tanto, as regras son as mesmas para todo o territorio”, concluíu.

Os modelos silvícolas son de obrigatoria adhesión para tódolos propietarios que non conten con plans de ordenación ou de xestión, pero chegará con que o propietario se adhira ó correspondente modelo no momento da corta. O principal obxectivo dos modelos silvícolas sitúase en divulgar referentes de boas prácticas forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información