Poderanse plantar eucaliptos en piñeirais cun 25% de mortandade pola banda marrón

Medio Rural detalla as claves da instrución técnica que publicará nos próximos días para aclarar as excepcións á moratoria do eucalipto

Poderanse plantar eucaliptos en piñeirais cun 25% de mortandade pola banda marrón

A directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro, á dereita, hoxe durante a súa visita a un piñeiral afectado polas bandas en Abadín (Lugo).

A Consellería do Medio Rural anunciou hoxe que nos próximos días publicará a instrucción técnica para aclarar as excepcións á moratoria do eucalipto. En concreto, trátase de facilitar a plantación de eucalipto en parcelas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, segundo detallou hoxe a directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro, durante unha visita a un piñeiral de Abadín (Lugo) afectado polas bandas.

Piñeiro explicou que esta medida ten como principal obxectivo axudar ós propietarios a frear a expansión desta enfermidade e darlles unha alternativa para evitar o abandono e aumentar a produtividade do monte.

A instrución concreta os trámites necesarios en relación ao establecido na Lei de medidas que acompaña os orzamentos deste ano e que introduce dúas flexibilizacións na moratoria do eucalipto ata 2030.

Así, nesta norma permítese, por un lado, o traslado da superficie de eucalipto a outra parcela, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75 % do eucalipto que había na inicial.

Por outro lado, a segunda flexibilización abre a posibilidade de substituír unha masa de piñeiros gravemente afectados pola banda marrón por eucaliptos nunha única quenda de corta. A plantación de eucaliptos quedará limitada a un máximo do 50% da superficie de piñeiro eliminada e o outro 50% deberá repoboarse con calquera outra especie de coníferas ou frondosas.

Documentación precisa polos propietarios
De xeito concreto, a plantación afectada por esta doenza ten que estar en pé, agás que se cortase despois da publicación da Lei de medidas (31 de decembro de 2025) e se teña toda a documentación que o acredite.

Só se poderán beneficiar da excepción á moratoria os piñeirais afectados polas bandas que se cortaran no 2026 ou que se vaian pinchar a partir de agora

A gravidade da afectación sanitaria e a inviabilidade técnica e económica da masa deberán acreditarse mediante un informe técnico. Este documento terá que certificar o axente causal, cun boletín oficial de resultados emitido por un laboratorio de referencia ou acreditado, achegar tamén evidencias gráficas xeorreferenciadas (fotografías) sobre a afectación e verificar a gravidade de afectación e a mortalidade real da masa.

Nesta liña, considerarase que existe unha grave afectación sanitaria da masa cando a mortalidade real (pés mortos e puntisecos por hectárea) supere o 25 % da densidade obxectivo establecida polo modelo silvícola correspondente. Todos os pés que excedan da densidade obxectivo serán tidos en conta para o cálculo da mortalidade real da masa.

É preciso facer unha análise de laboratorio que certifique a causa da mortandade dos piñeiros. Pode facela o propietario ou solicitarlle á Xunta que a faga

Cómpre lembrar que o modelo silvícola de piñeiro radiata para serra establece unha densidade final de 300 – 400 pés por hectárea, tras senllas claras, unha primeira ós 10 – 15 anos, cando hai que deixar un máximo de 600 – 700 árbores por hectárea, e outra final, entre os 15 – 25 anos.

Asemade, a solicitude de repoboación incorporará unha proposta completa de reforestación, que incluirá cartografía coa delimitación das superficies destinadas a eucalipto e a xustificación da viabilidade silvícola da nova configuración. Así mesmo, e como xa quedou establecido a nivel normativo, a repoboación de eucalipto limitarase a un máximo da superficie eliminada de piñeiro (50% da parcela) e a unha única quenda de corta, debendo repoboarse o resto con outras especies permitidas. En todo caso, a Xunta poderá contrastar os datos achegados mediante inspección de campo.

A maiores, os interesados poderán optar pola posibilidade de solicitar que sexa a administración forestal a que realice a toma de mostras e a súa análise en laboratorio previo pago da taxa correspondente.

Tratamentos
Ao mesmo tempo, Piñeiro lembrou que desde a chegada desta doenza aos montes galegos, Medio Rural vén ofrecendo aos particulares a posibilidade de realizar tratamentos gratuítos contra os fungos das bandas, unha medida que continúa para todos aqueles interesados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información