
Foto: Sito Novoa
Os viñedos da Adega Finca Míllara, de Pantón, acolleron unha demostración do emprego de drons para trasladar as caixas de uvas dende a viña ata a adega durante as vendimas. O obxectivo é o de simplificar o traballo de transporte naquelas zonas de máis difícil acceso.
Nesta primeira proba empregouse un dron especialmente deseñado para carga, traslado e entrega, cunha autonomía de voo de 20 minutos e unha capacidade de desprazamento de ata 20 quilómetros. O vehículo ten un peso de entre 55 e 65 quilos -en función de se emprega unha ou dúas baterías- e pode trasladar unha carga de ata 40 quilos.
Enrique López, coordinador de operacións en Elecnor, foi o encargado de pilotar o dron na operación de carga e descarga. “Escollemos esta zona pola súa especial complexidade orográfica. En viñedos chairos non tería sentido porque un tractor ou unha furgoneta sempre van cargar máis ca un dron.”, dixo.
Para o emprego desta tecnoloxía é preciso obter o certificado de piloto en réxime de autorización. Un curso complexo que require coordinarse con espazos de uso aéreo e achegar unha importante cantidade de documentación, ademais de estar dispoñibles para ser inspeccionados en calquera momento.
Pola complexidade técnica do seu manexo e polos custos que conleva, López considera que os drons en vendima poderían utilizarse ou ben sendo adquiridos por un grupo grande de adegas ou ben mediante a contratación de empresas de servizos especializados. Sendo a segunda a opción máis factible.

Enrique López, de Elecnor, pilotou o primeiro voo de carga de uva con dron na Ribeira Sacra
E hai que ter en conta que o traballo se concentraría como moito durante un mes, polo que a demanda do servizo sería moi elevada e tería que estar garantido para que o investimento -por compra, alugueiro ou contrato de obra- fose rendible.
Por outra banda, os encoros da Ribeira Sacra son lugar habitual de carga dos hidroavións e helicópteros de extinción de incendios. Cando eso se produce, a actividade dos drons tería que paralizarse para non interferir coa circulación das outras aeronaves.
Ademais, previamente a utilizar este tipo de dron é obrigatorio realizar unha xuntanza entre os responsables da aeronave e o persoal das adegas para informar das pautas de seguridade. E non pode haber ningunha persoa nas zonas de despegue e aterraxe do dron nin tampouco por debaixo durante o seu percorrido.
O Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, afirmou que este tipo de tecnoloxía pode ser útil a futuro nun contexto de escaseza de man de obra e pola dificultade de traballar nalgunhas zonas de moita pendente e difícil acceso.
“Nós colaboramos porque cremos que na tecnoloxía está o futuro. Obviamente hai moito que seguir mellorando para que sexa realmente efectiva, pero non cabe dúbida de que cando estea totalmente desenvolvida pode ser de moita axuda en zonas como esta de Míllara.”, dixo.
Con todo, Lombardía ve máis futuro no uso de drons para a plicación de fitosanitarios nos viñedos, algo que polo momento está prohibido polas normativas da Unión Europea. Nese sentido, o sector xa está a traballar para que esa prohibición poida ser levantada, polo menos parcialmente.
De feito, hai drons que combinan carga e traslado con capacidade de fumigación e fertilización, que serían máis aproveitables para os viñedos da Ribeira Sacra.
O presidente sinalou que dende Ineco xa se están a redactar os protcolos de actuación que permitirían compaxinar o uso de drons coa circulación de avións e helicópteros pola zona, así como co tráfico crecente de embarcacións fluviais.

A primeira experiencia de traslado de uva con dron foi valorada positivamente polos colaboradores do proxecto Foto: Sito Novoa
Iván Olmedo, enólogo de Adega Finca Míllara, considera que todo o que contribúa a reducir as dificultades de traballo que implica a orografía e a rede de estradas e camiños en zonas da Ribeira Sacra coma esta sempre é benvido.
Olmedo ve outros usos de carga á marxe da vendima. “Poderíase empregar o dron para levar ata as viñas menos accesibles insumos como sacos de fertilizante, arame, estacas ou cepas de plantío. Sería de gran axuda para sacar mellor rendemento desas viñas.”, afirmou.
O enólogo cre que sería de utilidade deseñar un traballo concreto do dron para cada parcela na que se vaia actuar e que habería que intervir de forma que a aeronave poida facer o maior número de viaxes posible tendo en conta a súa autonomía.

O uso do dron require dun plan previo de seguridade
A iniciativa de proba de carga aérea está impulsada polo proxecto Espazo para Servizos Aéreos Comerciais Innovadores (ESCAI) financiada e promovida por Ineco e que conta co apoio da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), ENAIRE, a Dirección Xeral de Aviación Civil (DGAC) e a Agrupación industrial Española para a Mobilidade Aérea Innovadora (SIAM).
Galego









Control OJD