Poden as granxas de leite reducir a súa pegada de carbono sen deixar de ser produtivas?

Varios estudos realizados en granxas de vacún de leite en Galicia e Asturias analizan as emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen nas granxas, unha cuestión que pode cobrar importancia no próximo ciclo de axudas da PAC

Poden as granxas de leite reducir a súa pegada de carbono sen deixar de ser produtivas?

A pegada de carbono que xera cada granxa é un aspecto que está comezando a interesar no sector lácteo, pois o próximo ciclo de axudas da PAC podería ter en conta as emisións producidas nas ganderías. Varios estudos realizados en granxas de vacún de leite de Galicia e Asturias analizaron nos últimos meses as emisións de carbono que se producen para localizar aqueles puntos con maiores concentracións e tentar despois reducilas. Algúns destes traballos foron presentados en Lugo no marco do workshop do proxecto Remedia.

“Para mitigar este impacto, é necesario realizar programas de formación cos gandeiros para un uso e utilización eficiente dos recursos da granxa, de xeito que se dirixan os procesos produtivos cara a unha produción de leite sustentable á vez que competitiva”, apunta Mario Fernández, técnico do departamento de Enxeñaría Sustentable de Agaca e involucrado nun estudo sobre a pegada de carbono realizado por esta entidade.

Os estudos fixéronse en granxas con distintos modelos de alimentación, desde ecolóxico até ensilado de millo

Nas investigacións, incluíronse gandarías con distintos modelos de alimentación. Así, hai granxas ecolóxicas, en pastoreo, que realizan ensilado de herba, aquelas que utilizan un ensilado de herba e de millo e as que optan só por ensilado de millo. O tipo de alimentación resultou ser unha das principais causas de emisións, por iso é fundamental contar con estudos dos distintos modelos.

A alimentación, clave para reducir a pegada de carbono

Nos datos analizados por Agaca, a maior parte das emisións de carbono procede directamente da alimentación. A elaboración de pensos e forraxes supón o 48% das emisións de carbono dunha granxa. A alimentación implica por cada vaca unhas 5,56 toneladas anuais de CO2 equivalente, principalmente dióxido de carbono (CO2), metano (CH4) e óxido de nitróxeno (Nox).

AGACA-pegada-carbono-

Cálculo dos focos de emisións nunha granxa, elaborado por Agaca.

Para o cálculo da pegada de carbono da alimentación, Agaca realizou un seguemento que implica todo o proceso da obtención de pensos e forraxes, que inclúe tanto a fabricación como o transporte. “Coñecer estes datos permitiralle ao gandeiro reducir as emisións variando a fórmula da alimentación”, comenta Fernández.

Mario Fernández, Agaca: “Coñecer estes datos permitiralle ao gandeiro reducir as emisións variando a alimentación”

O técnico tamén matiza que a pegada de carbono é só un indicador na Análise do Ciclo de Vida (ACV) do impacto ambiental que a produción gandeira xera. Incidir só na pegada de carbono non é garantía de que a granxa pase a ser sustentable, senón que é necesario fixarse tamén en aspectos como a pegada hídrica, o consumo de recursos enerxéticos ou a eutrofización das augas.

Outro dos focos que produce maior pegada de carbono na explotación é a fermentación entérica, a fermentación que se produce no aparello dixestivo das vacas e que xera metano. Neste caso, segundo os datos de Agaca, representa o 47,73% das emisións xa que cada vaca emite unhas 4,025 toneladas anuais de CO2 equivalente.

Estudo previsto en máis de 100 gandarías

Os datos obtidos por Agaca proceden dun estudo realizado en 10 explotacións gandeiras de distintas zonas de Galicia e con diferentes perfís. Trátase dun traballo realizado dentro do proxecto Eurel, que foi financiado con fondos Feader. Neste estudo, as gandarías teñen unha media de 111 vacas en muxido e unhas 59 hectáreas de superficie, coas que logran unha produción de 1.272.683 litros de leite ao ano.

Nas gandarías participantes, de media, a pegada de carbono sitúase nos 988 gramos de CO2 equivalente por litro de leite. Este cálculo comprende o proceso ata que o leite chega ó tanque de frío da granxa, xa que a partir de que sae da gandaría ese gasto xa non implica ó produtor senón á industria. “As granxas móvense entre uns valores de 837 e 1.319 gramos de CO2 equivalentes por litro de leite, que son semellantes aos obtidos noutros estudos” apunta o técnico.

O estudo de Agaca tamén ratifica que as gandarías en ecolóxico e pastoreo son as que teñen unha menor pegada de carbono por vaca, con valores de entre 7.892 kg. e 8.300 kg. anuais de CO2 equivalente respectivamente. Son unhas cifras por debaixo das que implica a produción con silo de millo, que pode ascender até os 13.571 kg. de CO2 equivalente por vaca.

Datos das emisións das 10 ganderías analizadas por Agaca.

Datos das emisións das 10 ganderías analizadas por Agaca.

Á marxe do estudo que se realizou nestas dez granxas, coa achega de datos nos anos 2017 e 2018, o que permite tamén unha comparativa aínda pendente de completar, Agaca está inmersa agora na realización dun estudo máis amplo. Neste novo proxecto, financiado pola Confederación Empresarial Española de Economía Social (Cepes), con fondos FSE, contempla a participación dun centenar de granxas.

Trátase dun estudo que se está realizando en gandarías da zona de Xallas (A Coruña) e da zona central de Galicia, na comarca de Deza. “Con este proxecto poderemos obter máis datos e sacar conclusións máis certeiras sobre como reducir a pegada de carbono”, apunta Mario Fernández.

Un quilo de CO2 por litro de leite nas gandarías Asturianas

Na mesma liña de análise da pegada de carbono, en Lugo presentáronse tamén as conclusións dun estudo realizado en explotacións de vacún leiteiro en Asturias. A estimación da pegada de carbono levouse a cabo co modelo de simulación “DairyCant”, desenvolvido en Cantabria por Gregorio Salcedo, profesor de Nutrición Animal do CIFP “La Granja” e coordinado polo doutor Fernando Vicente do Serida.

No estudo participaron un total de 15 explotacións leiteiras que, segundo a súa tipoloxía de alimentación, clasificáronse en ecolóxicas, pesebre-pastoreo, ensilado de herba, ensilado de millo e ensilados de herba-millo. A pegada de carbono foi calculada tanto por hectárea como por Unidade de Gando Maior (UGM) e por litro de leite corrixido por graxa (ECM).

Gregorio Salcedo: “Esta información permítelle ao gandeiro localizar a fuga de emisións, ser máis eficiente e abaratar custos de produción”

Os resultados do modelo “DairyCant” amosaron valores medios dun quilo de CO2 equivalente por litro de leite, “uns datos moi bos e en consonancia con outras estimacións realizadas en gandarías doutras zonas”, comenta Salcedo.

“Esta información permítelle ao gandeiro localizar a fuga de emisións, incrementar a eficiencia e abaratar os custos de produción en aspectos clave como a alimentación, a reposición, o abonado ou o manexo de pradarías”, comenta Salcedo.

Claves para reducir a pegada de carbono

Gregorio Salcedo apunta algunhas pautas que se extraen dos cálculos da pegada de carbono para reducir as emisións. Así, ensilar herba cun 14% de proteína permite reducir a concentración de soia no concentrado, diminuíndo significativamente a pegada de carbono. Tamén cultivar forraxe con alta dixestibilidade contribúe a emitir menos metano e aumentar a eficiencia enerxética da dieta.

Ademais, modificar outros aspectos, como o manexo do pastoreo e o uso do xurro contribúen a incrementar o secuestro de carbono no chan, reducindo significativamente a emisión de gases á atmósfera.

Ensilar herba cun 14% de proteína permite reducir a soia no concentrado, diminuíndo a pegada de carbono

Salcedo conclúe que as gandarías con maior carga gandeira emiten máis gases de efecto invernadoiro por hectárea. Desta forma, as granxas cuxa alimentación se basea en ensilados de herba e de millo producen 2,66 veces máis CO2 equivalente cas gandarías en ecolóxico, ou 2,10 veces máis cas que só producen ensilado de herba.

Mentres, as emisións de carbono por litro de leite foron similares entre tipoloxías de alimentación. “A diferenza entre as explotacións máis extensivas respecto das máis intesivas pode ter a súa orixe na maior superficie de cultivos forraxeiros, como consecuencia dunha maior perda de carbono nas operacións de laboreo”, detalla Salcedo.

Huella-carbono-Gregorio-Salcedo-

Pegada de carbono (CO2.eq) dun quilo de leite correxido pola graxa en función do tipo de alimentación.

A pegada de carbono das granxas da cornixa cantábrica

Este traballo está incluído nun proxecto máis amplo coordinado por Dolores Báez, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) e financiado polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (Inia). Entre outros aspectos, este proxecto pretende analizar a pegada de carbono das gandarías leiteiras da cornixa cantábrica, entre elas as de Galicia, Cantabria, País Vasco e Navarra.

O proxecto busca non só solicitar información referente á pegada de carbono, senón avaliar a eficiencia dos distintos modelos produtivos que existen na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información