Cada primavera é habitual atopar enxames de abellas que abandonan a colmea na procura dun novo espazo no que establecerse. Os enxames son a resposta natural das abellas para a reprodución das colmeas, pero supoñen perdas moi significativas para os apicultores que buscan unha rendibilidade económica coa colmea. Por iso, cabe preguntarse se é posible evitar, ou alomenos, reducir os enxames que se producen no apiario.
Os expertos e apicultores coinciden en sinalar que, pese ós esforzos que se fagan, hai diversos factores que provocan a enxamía das abellas, e algúns deles escapan ó control do apicultor. Porén, o manexo que se realiza das colmeas será determinante para reducir o número de enxames que cada tempada saian do apiario. “Aínda que é un proceso natural, vaise acentuar por mor da meteoroloxía e o manexo que fagan os apicultores do apiario”, explica José María Seijo Coello, presidente da Agrupación Apícola de Galicia.
“Aínda que é un proceso natural, pode acentuarse por mor da meteoroloxía e o manexo que fagan os apicultores”: José María Seijo, Agrupación Apícola
“Antigamente, cando a cera tiña unha maior importancia para o seu uso nas igrexas, dicíase que era un bo ano se saían moitos enxames”, detalla Suso Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Agora, o mel é un dos principais produtos que ofrece a colmea, co que os enxames, ó reducir o número de abellas que queda, diminúe a produción desa colmea.
“Se o enxame sae cedo, ó comezo da primavera, aínda pode darlle tempo de facer unha boa colmea e mesmo chegar a producir ese mesmo ano”, apunta Asorey. Porén, se a súa saía é tardía e coa ameaza da velutina que hai, xa é máis difícil que produza para esa campaña, tal e como detallan dende AGA.
Na enxamía as abellas son moi pacíficas, ós riscos para a poboación son mínimos
Cómpre ter moi presente que, pese a que nos enxames se concentra unha gran cantidade de abellas, sobre todo naqueles que saen máis cedo, é un dos momentos nos que menos riscos supoñen para a poboación. “Na enxamía as abellas son moi pacíficas, así é que moitos apicultores non empregamos proteccións para collelos”, detalla Asorey.
“É moi importante que a xente non se asuste e non opte por botarlles auga ou insecticida, porque sería acabar con elas”, aconsella Seijo, ó tempo que recomenda chamar a un apicultor para que se encargue de recollelo.
Por que saen os enxames?
Os enxames son a resposta natural da colmea a moitas das problemáticas que se lle presentan. Así, unha das causas máis habituais para que se produzan os enxames é a falta de espazo na colmea. Se os apicultores tardan en colocar as medias alzas ou as alzas, que lle aportan espazo extra, é probable que as abellas opten por dividirse, e metade da colmea, xunto coa raíña vella, abandona a colmea.
“Moitas veces os enxames débense a descoidos dos abelleiros, por non ter controlado o apiario”: Román Cid, Asociación Abellas Nais
“Moitas veces os enxames débense a descoidos dos abelleiros, por non ter controladas as abellas. A enxamía pódese controlar, en gran medida, con revisións periódicas do apiario”, apunta Román Cid, promotor da Asociación Abellas Nais, unha entidade que agrupa principalmente apicultores da provincia de Ourense.
A raza das abellas é outro dos motivos polo que están a proliferar os enxames. “As razas foráneas de abellas que se foron introducindo en Galicia, moitas delas non adaptadas á climatoloxía, son máis propensas a enxamear”, indica Seijo Coello. Así, o aproveitamento dos enxames naturais contribúe a que se asenten estas razas con tendencia a enxamear. “As vendas de raíñas por internet fixeron que chegaran moitas razas de abellas foráneas que poden funcionar ben o primeiro ano, pero ó cabo de 2 ou 3 anos é cando se verán as aptitudes desa colmea”, concreta Seijo.
As razas foráneas de abellas que se foron introducindo en Galicia son máis propensas a enxamear
“As nosas abellas veñen de pasar toda a sua vida en cortizos, trobos ou covos, e eso quedou na súa xenética. E ese instinto, e outros, como o da agresividade,según os investigadores, transmíteno os zánganos”, detalla Cid. Por ese motivo, o apicultor xustifica que se deba evitar aproveitar esas colmeas con tendencia á enxamía, posto que cada primavera crian de 2.000 a 4.000 zánganos que transmitirán esa xenética.
Unha raíña vella na colmea tamén pode ser a causa para que se produza un enxame. “Hai ocasións, que unha raíña con 3 anos decide enxamear para que así se renove a colmea”, indica Asorey. Nese caso, o apicultor pode atallalo se renova el directamente a raíña cada certo tempo.
Ás veces, aínda que os coidados dos abelleiros sexan os axeitados, prodúcense enxames derivados das condicións climáticas, son debidos a un desequilibrio biolóxico dentro da colmea. Prodúcense cando nunha colmea forte a súa actividade se ve interrompida polas choivas, polo que as abellas do campo quedan sen función, ó non poder saír recolectar, e comeza un malestar na colonia, xa que o funcionamento non é o axeitado. “Cando se dan estas circunstancias as abella prepáranse para enxamear e o primeiro día que estea bo sae o enxame nas horas centrais do día”, explica Asorey. Así, é que os anos húmidos adoitan ser proclives para a enxamía, mentres que nos secos son máis escasos.
Porén, un inicio de primavera chuviosa como a do mes de abril esta pode provocar, ademais, que as colmeas cheguen a morrer de fame ó permanecer moitos días sen poder saír ó campo e consumir as súas reservas de alimento.
A varroa, unha oportunista na enxamía
A presión que fai a varroa sobre a colmea é outra das causas para que se produzan enxame. “As abellas buscan coa enxamía a solución á varroa cando se sinten moi agobiadas por ela”, concreta Suso Asorey. Deste xeito, a enxamía resulta case un remedio natural contra esta enfermidade. “O enxame provoca que se rompa o ciclo natural da colmea, e o mesmo acontece coa varroa, posto que están sincronizados”, detalla Asorey.
O enxame que marcha será o que leve a varroa consigo, mentres a colmea da que saíron queda limpa do ácaro. “Moitos abelleiros cando collen un enxame non lle dan tratamento e iso provoca que haxa moita mortaldade outonal e invernal a causa da varroa que ten”, explica Román Cid. Dende os 3 colectivos de profesionais coinciden en destacar a importancia de aplicar tratamentos para a varroa, se se descoñece a procedencia do enxame.
Recomendan aplicar un tratamento contra a varroa cando se colle un novo enxame cuxa procedencia se descoñece
“Dado que o 80% da varroa parasita a cría, se damos o tratamento cando se colle un enxame conseguimos que sexa moito máis efectivo posto que nese momento esa colmea aínda non terá cría onde se poida esconder a varroa”, concreta Seijo. Ademais, o tratamento poderá aplicarse nos 15 días seguintes xa que nesa marxe aínda non haberá cría na nova colmea.
Claves para reducir a enxamía
Pese a que non sexa posible controlar ó 100% os enxames no apiario, existen prácticas coas que os apicultores conseguen reducilos ou controlalos, realizando eles os seus propios enxames artificiais, co que evitar as perdas de produción de mel. “Sempre é mellor tentar que non nos enxameen e facer nós unha selección das colmeas que queremos dividir, e dividilas. Isto permítenos ter mellores raiñas e xenética se diriximos nós esa división”, explica Esther Ordóñez, veterinaria e presidenta da IXP Mel de Galicia.
Ademais da colocación de novas alzas para ampliar o espazo da colmea, cando as abellas o precisen; é recomendable proporcionarlle cera renovada, tal e como recomendan dende a Asociación Apícola de Galicia. Tamén é aconsellable ter o baldón da colmea aberta. “Ás veces atópanse co baldón pechado, o que lles provoca que se eleve a temperatura da colmea, mentres que a ventilación na primavera resulta máis saudable”, concreta Seijo.
A renovación da cera, a colocación de novas alzas ou a selección xenética poden reducir os enxames no apiario
A selección xenética que poida ir facendo o apicultor tamén é unha ferramenta clave para reducir a enxamía. “Hai que evitar as raíñas que tenden a multiplicarse”, indica Seijo. Esta raza de abellas con tendencia a enxamear provocarán que non só saia da colmea un enxamie na tempada, senón que poidan chegar a producirse ata 2 ou 3 enxames, cada un máis pequeno, posto que en cada enxame saen aproximadamente a metade das abellas. “Hai abelleiros que aproveitan eses pequenos enxames, aínda que é un erro posto que están reproducindo abellas enxameadoras”, indica Román Cid.
Porén, hai quen valora tamén aproveitar estes enxames cando se trata do segundo enxame que sae da colmea, aínda que sexa de menor tamaño meténdoo inicialmente nun portanúcleos. “Se o coidamos un pouco, alimentándoo, non hai porque desprezalo posto que para o segundo ano pode ser unha colmea que produza moito mel, ó ter unha raíña nova, de segundo ano. Se o enxame é moi pequeno, o mellor póde servirnos para renovar algunha colmea que non sexa moi produtiva ou que sexa agresiva”, valora Asorey.
Nestes enxames de pequeno tamaño unha das prácticas máis recomendadas é xuntalo con outra colmea, un proceso que se recomenda facer de xeito paulatino, evitando que unhas abellas acaben matando ás outras, ó consideralas intrusas. Para que se vaian aclimatando aconséllase colocar o enxame dentro da colmea separado dunha folla de papel do resto das abellas. Deste xeito, unhas e outras abellas irán rillando pouco a pouco o papel que as separa, mentres se van acostumando e deixan de considerar ó enxame como un estraño.
A enxamía artificial
Os enxames artificiais, realizados polos propios apicultores, son unha das claves para reducir as perdas. “É preferible que sexan os propios apicultores quen fagan os enxames en boas condicións, aínda que ás veces resulta difícil introducir á xente nestas prácticas. A apicultura precisa de moita formación”, valora Román Cid, da Asociación de Abellas Nais. O apicultor recomenda planificar ben os enxames para que resulten colmeas equilibradas, cunha proporción de cría, e poboación exterior e interior semellante para ter un bo desenvolvemento.
Mentres que os enxames naturais sairán ó longo da primavera, mesmo se poden producir dun xeito máis tardío xa no verán, á hora de facer os enxames na colmea o apicultor deberá adiantarse. “As condicións varían moito dunhas zonas a outras, polo que non se pode establecer un calendario fixo, posto que en zonas de costa xa en febreiro se poden superar os 12 graos de temperatura e poderá comezarse a traballar neles, mentres que nos vales faranse na primeira quincena de marzo e na zona de montaña agárdase ata finais de marzo ou comezos de abril”, concreta Cid.
A selección xenética das abellas tamén resulta fundamental, posto que deben escoller raíñas pouco proclives á enxamía. A cantidade de raíñas que cría unha colmea é un dos indicadores para coñecer se ten esta tendencia. “Se se detectan entre 10 e 12 favos reais nunha colmea que estea sobresaturada, se se lle ofrece máis espazo é probable que non enxamee, mentres que se se contabilizan entre 50 e 60 a tendencia é a facer enxames”, especifica Seijo.