Poden as cooperativas mobilizar terra dispoñible para os seus socios?

Coñecemos a estratexia de dúas cooperativas españolas para conseguir facer fronte ao minifundismo da súa zona, ampliar a base territorial e incrementar a rendibilidade dos seus socios produtores

Poden as cooperativas mobilizar terra dispoñible para os seus socios?

O acceso á terra e evitar o abandono de parcelas produtivas é un dos retos actuais de produtores e cooperativas.

Máis aló das estratexias para a comercialización da produción en común ou para a adquisición de maquinaria que poidan utilizar os seus asociados, as cooperativas poden xogar un papel activo fronte a dous dos retos que se presentan ao campo: a falta de substitución xeracional e o abandono da terra.

Algunhas cooperativas sumaron esforzos para conseguir mobilizar a terra e facer fronte ao minifundismo que condiciona en moitos lugares a xestión e aproveitamento desa superficie agraria. A xornada telemática organizada recentemente por Cooperativas Agroalimentarias contou con dúas cooperativas que se decidiron a facer fronte á falta de terra dispoñible para os seus socios.

“O reducido tamaño dos predios fai que, aínda que centrados en sectores completamente diferentes, os produtores agrarios de zonas do norte poidan ver as estratexias desta cooperativa como un exemplo contra o minifundismo”, explican desde Cooperativas Agroalimentarias. Coñecemos como o fixeron e que resultado tiveron nestes primeiros anos desde que se decidiron a dar o paso:

Cooperativa-Benaguasil_--

Cooperativa San Vicent Ferrer de Benaguacil

Situada na Comunidade Valenciana e especializada no cultivo de cítricos, a Cooperativa San Vicent Ferrer de Benaguacil afrontou nos últimos anos un reaxuste do seu modelo de xestión da cooperativa para incidir non só na comercialización senón tamén en apoiar máis a produción. “Dá a sensación de que o modelo cooperativista está a fallar porque miramos a ser comercializadores e non tanto á parte produtiva”, valora Miguel Anxo Martí Herrero, xerente da cooperativa.

Con máis de 800 socios e 300 empregados, a cooperativa produce preto de 25.000 toneladas de cítricos cada ano nunha área minifundista onde a superficie media é de 0,3 hectáreas por parcela. A aposta da cooperativa para facer fronte a este minifundismo pasou por centrar esforzos na produción. “Todo o bo facer comercial das cooperativas non repercute directamente nos socios produtores. Non hai substitución xeracional, non hai cambio no modelo produtivo e por tanto non hai investimento no campo”, identifica o xerente.

“Temos que producir o que imos vender e non vender o que producimos”

Na súa estratexia decidiron recuperar modelos de produción colectivos. “Temos que producir o que imos vender e non vender o que producimos”, matiza Martí Herrero en base á experiencia dos últimos anos. “Atopámonos con pescozos de botella á hora de producir e comercializar debido a que moitos socios optaban polos mesmos cultivos”, detalla.

Cooperativa-Benaguasil-

Instalacións da cooperativa para o envasado de cítricos.

Ao mesmo tempo, tamén se deron conta de que “non xerabamos a rendibilidade necesaria para os nosos socios, debido á estrutura territorial minifundista que temos, pero tamén porque en determinados momentos tiñamos picos de produción en lugar de ter unha produción constante durante todo o ano como nos demanda o cliente”, explica. Ademais diso, atopábanse con socios sen substitución xeracional e mesmo con parcelas cada vez máis pequenas como consecuencia de reparticións de herdanzas e anos de desapego á actividade agraria.

Dobre obxectivo: ser máis eficaces e evitar o abandono da terra

A cooperativa optou pola recuperación de terras porque necesitaban unha produción que cada vez fose máis eficiente. “A recuperación de terras é unha consecuencia non un obxectivo en si. Nós buscabamos ser máis eficientes, ter unha maior produción recuperando o equilibrio entre estrutura e produción”, apunta.

“A recuperación de terras resultou unha consecuencia, non un obxectivo en si. Necesitabamos recuperar o equilibrio entre estrutura e produción”

Comezaron a apostar por medrar coa adquisición de terras e ao mesmo tempo, mediante un proxecto en colaboración coa Universidade de Valencia e Cajamar, atoparon desta forma unha solución fronte ao abandono de terras. Tratouse dun contrato de aluguer das terras por 15 anos no que lograban ambos obxectivos.

A cooperativa encargouse da selección das parcelas en base a criterios como o tamaño ou a posibilidade de agrupar varias leiras. A iniciativa buscaba facer un plan de investimento no que se conseguise recuperar o capital de maneira que resultase rendible tanto para a cooperativa como para o socio que cedía as súas terras.

“Cambiamos a figura do agricultor tradicional á dun propietario que participa activamente das decisións”

Outro dos aspectos claves foi o papel activo dos socios. “Buscamos involucrar aos socios, facéndoos partícipes do proxecto de maneira que fosen os ollos dentro do campo. Cambia a figura do agricultor tradicional á dun propietario que participa activamente das decisións”, apunta o xerente.

Nestes primeiros 4 anos do proxecto observaron unha rápida adhesión de parcelas e unha vez alcanzadas as 500 hectáreas, nestes momentos atópanse valorando a evolución e os pasos a seguir, reformulado as directrices a seguir para adaptarse aos cambios que vaian xurdindo.

Unio-Nuts-cooperativa-

Na cooperativa Unió Nuts abordaron a xestión da terra para facer asumibles as inversións ós agricultores e propietarios.

Cooperativa Unió Nuts

A cooperativa de segundo grao Unió Nuts, situada en Reus (Cataluña), agrupa a 168 cooperativas de Catalunya, Aragón, País Valenciano, Baleares, Murcia e Castela a Mancha e conta con máis de 20.000 socios produtores que manexan unhas 50.000 hectáreas de terra. Nos últimos anos, impulsaron un proxecto para mobilizar terras directamente. Centrada na produción de aceite e froitos secos como a améndoa ou a abelá, a cooperativa decidiu dar o paso hai 5 anos e adquirir leiras propias, unha iniciativa que buscaba colaborar no aproveitamento de terras evitando o abandono.

A iniciativa xurdiu co obxectivo de xestionar unhas 500 hectáreas e na actualidade conta xa con 700 hectáreas alugadas. “Búscase que o agricultor poida seguir no seu pobo, pero sen necesidade de asumir el só investimentos tan importantes como as que leva plantar amendoeiras, dados os gastos que implica tanto a planta como a instalación da rega”, explica Aitor Lama, técnico de campo da cooperativa Unió Nuts.

“Búscase que o agricultor poida seguir no seu pobo, pero sen necesidade de asumir el só investimentos tan importantes coma os que leva plantar amendoeiras”

A súa proposta pasa por un contrato a 25 anos na que interveñen 3 axentes: o propietario, a cooperativa e o agricultor. A cooperativa é quen asume o investimento, de maneira que os beneficios repártense da seguinte forma: o propietario recibe entre un 10 e un 15%, a mesma cantidade é para a cooperativa que recupera desta forma o investimento, mentres que o resto queda para o agricultor, que é quen se encarga tanto da man de obra como de adquirir os fitosanitarios e abonos que precise, aínda que tamén pode optar a financiamento directo para estes gastos a través da cooperativa.

Nun principio as plantacións fixéronse en todas aquelas parcelas que se axustasen ás necesidades do cultivo, independentemente do seu tamaño. “Temos parcelas de 1 ou 5 hectáreas, aínda que fomos vendo que con esta superficie é máis difícil conseguir que sexan rendibles”, apunta o técnico. Nestes momentos, a cooperativa xestiona 40 parcelas e conta con 15 propietarios e 20 agricultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información