O impacto do fungo das bandas xeneralizouse nas masas galegas de piñeiro radiata, con especial impacto en Lugo e na costa norte da Coruña. “O que visitei é terrible”, recoñece Santiago Rodal, director comercial de Viveros Mañente.
“O propietario forestal busca solucións de forma desesperada. Hai moito interese no piñeiro taeda, pero non sabemos aínda se será a solución definitiva. Cremos que si, polo que este outono poremos no mercado un volume suficiente de planta para atender a alta demanda que xa temos desa especie”, explica Rodal.
– Que impacto están a ter as bandas na plantación de piñeiro radiata?
– Ata o 2024, mantivéronse altos niveis de plantación tanto de piñeiro radiata como do ‘Pinaster’ (piñeiro do país), pero este 2025 comprobamos que a planta de radiata experimentou unha caída total en vendas. O propietario forestal está á espera dunha solución para as bandas. É pronto para ter datos, pero probablemente esta campaña se peche en Galicia cunha caída da plantación de radiata de máis dun 50%.
Este 2025, a plantación de piñeiro radiata probablemente experimente unha caída superior ó 50%

Piñeiral afectado polas bandas na comarca da Fonsagrada. / Arquivo.
– Como alternativa ao piñeiro radiata, os viveiros estades a comezar a apostar polo piñeiro taeda, con maior resistencia ás bandas. Notades xa unha demanda do propietario para esta especie?
– Comeza a haber moito interese, temos consultas de propietarios practicamente continuas. Os propietarios están a buscar desesperadamente unha solución e queren informarse. Hai demanda para o piñeiro taeda, pero non sabemos aínda se será a solución definitiva. As plantacións que se realizaron nos últimos 2 – 3 anos van ben, pero é pronto para ter conclusións. Cremos que pode ser a solución?, si, pero hai que esperar.
Esta campaña non houbo suficiente semente de piñeiro taeda no mercado, pero a partir do outono, teremos planta suficiente para atender a demanda
Por outra banda, o piñeiro taeda era unha especie que en Galicia producíase en baixa cantidade ata o de agora, polo que esta campaña non houbo suficiente semente no mercado. Ante esa situación, hai propietarios que querían plantar taeda, pero que teñen as parcelas paradas, á espera de dispoñibilidade de planta.
Os viveiros estamos a adaptarnos a ese aumento de demanda e no noso caso, poremos suficiente volume de planta de taeda no mercado a partir deste outono.
– Outra alternativa que se propón para os piñeirais afectados por bandas é a do eucalipto, á espera de ver se a moratoria a novas plantacións de eucalipto conclúe a final deste ano ou se prorroga…
– Si, a situación é esa. Hai propietarios que teñen parcelas paradas, á espera de ver que sucede coa moratoria do eucalipto a final de ano, outros que xa plantaron ‘Pinus pinaster’ e outros que teñen en mente plantar taeda.
– Pode afirmarse con total seguridade que o piñeiro taeda será resistente ás bandas?
– En teoría, das coníferas que se plantan en Galicia, o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) é a especie máis tolerante a bandas. A que menos, o radiata, e nunha posición intermedia está o taeda.
A expectativa é que o piñeiro do país e o piñeiro taeda sexan resistentes ó fungo das bandas, sempre que teñan unha xestión forestal detrás
Do ‘Pinus pinaster’ hai que dicir tamén que vin algunha plantación con afección forte a bandas. É unha especie resistente, pero se se atopa en densidades altas, sen rozas e sen abonado, é sensible os primeiros anos.
A expectativa é que as plantacións de ‘Pinus pinaster’ e de taeda resistan ás bandas, sempre que teñan unha xestión forestal detrás.
O resultado que estamos a ver nas plantacións de taeda é positivo. As marras no primeiro ano son moi baixas e o arranque da planta é bo. Plantacións que vin con 4 – 5 anos teñen bos crecementos. Tamén hai que dicir que detectei algunha planta de taeda con lixeira afección de bandas, pero no que vin, o fungo non pode con elas.
Os resultados do piñeiro taeda son bos estes primeiros anos, pero en canto non haxa árbores en quenda de corta, non pode haber conclusións finais. Son os tempos do mundo forestal
– E de ‘Pinus pinaster’, que ata o 2024 tiña unha cifra de plantación similar á de radiata, como é a evolución de plantacións?
– Estamos a ver que se mantén, quizais mesmo cunha lixeira tendencia á alza. Ante o colapso do piñeiro radiata, hai propietarios que están a optar por plantar ‘Pinus pinaster’.
A cuestión é que o ‘Pinus pinaster’ ten unha quenda de curta de 30 – 35 anos, polos 25 que tiña o radiata. O piñeiro taeda é o que máis se achega a esa quenda, estimamos que pode estar nuns 28 anos.
– No caso do ‘Pinus pinaster’, comercializades tanto planta galega con mellora xenética como planta das Landas francesas, de terceira xeración de mellora. Que resultado estades a ver da planta francesa en Galicia?
– As Landas teñen detrás décadas de innovación na mellora xenética do ‘Pinus pinaster’. É unha planta que quizais en Galicia non destaca tanto por maiores crecementos, pero si por rectitude e dispersión de ramas. En definitiva, son plantas que van producir madeira de calidade.
Tamén escoitei opinións de propietarios que valoran que a planta francesa presenta maior resistencia ás bandas que o ‘Pinus pinaster’ galego, pero son experiencias particulares. Serían necesarios ensaios, dunha forma científica, para comprobar se iso é así ou non.
A planta de ‘Pinus pinaster’ das Landas destaca pola súa rectitude e dispersión de ramas. Teñen décadas de innovación detrás
– Galicia mantén importantes masas de piñeiro radiata, sobre todo na provincia de Lugo. Crees que están sentenciadas ao cambio de especie?
– Non se trata de substituír ao radiata por completo por outras especies. Co taeda, trátase de introducir unha terceira especie que meta maior diversidade no monte, o que axudará a frear a expansión das bandas.
– O sector marcouse tamén en Galicia o desafío de lograr un piñeiro radiata resistente ás bandas. Velo viable?
– Non se pode descartar, pero será complicado. O radiata é unha especie que de orixe, ten escasa variabilidade xenética. Terán que probarse cruces e estudar resistencias. Se se consegue, levará tempo.
Non se trata de eliminar o piñeiro radiata en monte, senón de introducir unha terceira especie que introduza diversidade de coníferas
– Volvendo ao piñeiro taeda, pensades que se adapta ben ás distintas zonas de Galicia?
– Está a funcionar ben en toda Galicia. A única limitación que ten a especie dáse en zonas altas e frías, de montaña. A cuestión é que agora mesmo, a nivel comercial, en Galicia está a traballarse cunha única procedencia de taeda, a chamada ‘Costa Atlántica’, de hortos sementeiros franceses.
É unha procedencia que non vai mal, pero en Galicia temos unha latitude e un clima lixeiramente distintos, polo que o futuro pasa por facer unha selección das procedencias de taeda que mellor encaixen para os distintos climas de Galicia, de costa e interior.
A procedencia francesa de taeda non vai mal en Galicia, pero o futuro pasa por seleccionar distintas procedencias que vaian ben en costa e interior. Estamos xa facendo eses ensaios
En Viveros Mañente estamos a facer xa ensaios co obxectivo de facer esa selección. Nuns 4 ou 5 anos poderemos ter unha primeira selección de procedencias para iniciar a súa comercialización, aínda que tamén hai que dicir que ata que haxa plantacións en quenda de curta, non se poderá ter un balance definitivo sobre o piñeiro taeda en Galicia. Son os tempos do mundo forestal.
– En Asturias, a maiores do piñeiro taeda, incluíron no seu Plan forestal outras especies de coníferas como alternativas ao radiata, caso dos cedros, a criptomeria ou a sequoia. Veslles posibilidades en Galicia?.
– Con carácter xeral, o piñeiro taeda é a especie que, en principio, xera máis consenso como alternativa, tanto a nivel forestal como industrial. En situacións concretas, poden valorarse outras opcións.
O cedro, por exemplo, é unha especie que vai ben en zonas altas e secas. A criptomeria plantouse tamén no País Vasco como alternativa ao radiata, aínda que alí a maioría dos propietarios están a decantarse por ‘Pinus pinaster’ das Landas francesas. En Galicia tamén vendemos planta de criptomeria, pero hai que advertir de que é unha especie cunha madeira que ten peor aceptación pola industria.
Outra especie da que se fala como alternativa é o piñeiro de Oregón (‘Pseudotsuga’), pero hai que ter coidado, xa que se trata dunha especie moi esixente en canto a calidade de solo e é necesario seleccionar ben a procedencia, pois cunha procedencia mal adaptada a Galicia, os crecementos non son bos.
“O cambio climático obrigará a adaptar a silvicultura do eucalipto en Galicia”
Galego










Control OJD