A IX Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se desenvolveu a pasada fin de semana no CFEA Pedro Murias de Ribadeo baixo o título Pasado, presente e futuro do asesoramento rural, rematou coa imposición de “deberes” para a nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a quen lle piden que recupere o servizo público de asesoramento a agricultores e gandeiros que exercía no seu día o antigo servizo de Extensión Agraria.
“Non é volver ao de antes, por suposto, porque os tempos son outros, pero si manter o espíritu das primeiras axencias de Extensión Agraria, de contacto directo cos produtores, colaboración e asesoramento directo a pé de campo para afrontar os retos de futuro da gandería e a agricultura”, defenden.
É necesario que o publico teña unha función no asesoramento aos produtores, como defende o Plan Estratéxico da PAC
A nova PAC fai fincapé na necesidade de crear un ecosistema de coñecemento e innovación agraria (AKIS, nas súas siglas en inglés) no que convivan tanto o asesoramento público como o privado.
Precisamente nesta IX Reunión de Primavera da SGPF participou Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, cunha exposición centrada no presente do asesoramento privado, admitindo que se ve dificultado na actualidade pola escaseza de técnicos. Como exemplo, aportou o dato de que neste curso tan só hai matriculados 8 alumnos na Escola Politécnica de Lugo en Enxeñería agrónoma.
A Escola Politécnica de Lugo tan só ten matriculados este curso 8 alumnos en Enxeñería agrónoma
Pero para poder retomar as funcións de apoio técnico aos produtores, as oficinas agrarias públicas, ademáis de derivar parte do persoal a asesoramento, é necesario que conten con técnicos especialistas para exercer estas tarefas.
“Para poder asesorar, o primeiro que se necesita é formación específica e o persoal das oficinas agrarias non está formado neste momento para atender as demandas dos agricultores e gandeiros porque hoxe dedícanse a tramitar Plans de Mellora, aplicar correccións da PAC ou facer mostreos en materia de sanidade”, aseguran na Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
67 oficinas espalladas polo territorio e minguadas de persoal
A estrutura periférica da Consellería de Medio Rural está composta por 67 oficinas comarcais repartidas por todo o territorio galego. A provincia de A Coruña conta con 20 oficinas, Lugo dispón de 17, mentres que Pontevedra e Ourense contabilizan 15 cada unha.
A nova conselleira manterá a Subdirección Xeral de Planificación e Extensión Agraria
As Oficinas Agrarias Comarcais (OAC), renomeadas na pasada lexislatura como Oficinas Rurais, dependen organicamente da Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria, que segundo o novo organigrama da Consellería do Medio Rural, publicado este luns no DOG, asumirá tarefas de planificación do traballo das oficinas rurais e a orientación estratéxica do sistema de asesoramento a explotacións agrarias, facendo fincapé na dinamización do sistema de coñecemento e innovación agrícolas, para o que haberá un Servizo de Coordinación e Dinamización de Extensión Agraria.
Desde a SGPF defenden que as oficinas agrarias comarcais espalladas por toda Galicia deben cumprir un papel clave no asesoramento, rexistro público, fomento das iniciativas agrogandeiras e información próxima aos produtores. Pero estas oficinas veñen padecendo, ao igual que os centros públicos de investigación agraria dependentes da Administración autonómica, como o CIAM ou a EVEGA, un recorte de persoal que dificulta a prestación axeitada dos servizos, valoran.
Tributo aos primeiros innovadores do agro galego
A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes quixo recoñecer con estas xornadas celebradas durante a pasada fin de semana en Ribadeo o traballo das persoas que puxeron en marcha as axencias de Extensión Agraria subliñando “o papel transformador do agro que tiveron estes profesionais, que foron capaces de tecer redes, de crear comunidade e de mudar o pensamento da sociedade con ideas modernas”.
“Foron os primeiros pasos para modernizar a agricultura e a gandería galegas e aínda están vixentes moitas desas cousas. Fomentaban a colaboración entre os vecinos; o cooperativismo en Galicia saíu de Extensión Agraria”, aseguran.
Fomentaban a colaboración entre os veciños; o cooperativismo en Galicia saíu de Extensión Agraria
Os actos celebrados en Pedro Murias contaron cunha homenaxe ao persoal que desenvolveu a súa actividade profesional na Axencia de Extensión Agraria nos primeiros anos. “Foi unha homenaxe merecida na que participaron 43 persoas”, explican na SGPF.
Como parte deste tributo proxectouse unha peza audiovisual, Semillas de modernidad, que fai un percorrido pola historia do Servizo de Extensión Agraria. O documental foi presentado por Anxo Vázquez, quen fora director e presentador do programa da TVG A Labranza, ao que seguiu unha ponencia de Antonio Oca Fernández, ex-técnico de Extensión Agraria en Ribadeo, titulada Extensión Agraria como servizo educativo.
Un servizo creado en pleno franquismo
Na década de 1950, en pleno franquismo e como consecuencia dos acordos cos EEUU, chegan fondos para a modernización da agricultura e créase, dependente do Ministerio de Agricultura, o servizo de Extensión Agraria.
Extensión Agraria foi un servizo estatal que despois pasou á Xunta e que funcionou até o ano 2002
En Galicia, a primeira oficina ábrese en Negreira no 1972 e a segunda en Verín para espallarse nos seguintes anos por todo o territorio da comunidade. Coa aprobación do Estatuto de Autonomía e a transferencia das competencias en agricultura ao Goberno galego, esta rede de oficinas pasa a depender da Xunta.
As actuais oficinas agrarias comarcais da Xunta son as herdeiras das antigas axencias de Extensión Agraria, pero as súas funcións actuais son moi distintas: “Limítanse a tramitar papeis e facer controis da PAC”, reprochan os extensionistas xubilados.