“A experiencia demostra que gandería e caza poden convivir co oso”

O coordinador do proxecto Life Oso Courel, Fernando Ballesteros, aborda a presenza do oso nos montes lucenses e as consecuencias directas que ten para a apicultura e a gandería extensiva

“A experiencia demostra que gandería e caza poden convivir co oso”

O coordinador do proxecto LIfe Oso Courel, Fernando Ballesteros, á esquerda, xunto co seu compañeiro Luis Fernández,

Ante a presenza do oso nos montes orientais de Galicia, o proxecto Life Oso Courel, impulsado pola Fundación Oso Pardo, busca informar das oportunidades de coexistencia destes animais coas actividades das poboacións locais. O coordinador da iniciativa, Fernando Ballesteros, achega claves para afrontar este novo escenario.

Cal é a situación actual da poboación de oso nos Ancares e Courel?
En xeral, en toda a Cordilleira Cantábrica, desde mediados dos anos 90 o oso comezou un proceso de recuperación. Ata eses anos, a tendencia era a diminuír e a súa presenza tanto en Ancares como no Courel era case inexistente. Desde entón, cambiaron as circunstancias, en parte pola loita contra o furtivismo, a percepción social, a conservación dos espazos naturais… Os censos anuais de osas con crías -o indicador usado na Cordilleira Cantábrica para avaliar a situación da especie- non parou de crecer, da orde dun 10% anual.

“Os danos a ganderías de vacún son mínimos. Pode haber máis en cabrún e ovino”

Densificouse a poboación nas zonas tradicionais de presenza do oso (montaña de Asturias, zona noroccidental de León) e comezaron a producirse dispersións e expansións cara a zonas nas que o oso desaparecera: a montaña de Lugo. A presenza en Ancares non é recente, mesmo xa se rexistrou algunha osa con cría, pero si o é a aparición de osos na serra do Courel. Nunha primeira fase, a expansión prodúcese por machos novos, son os dispersantes, mentres que as femias é moi difícil que se dispersen.

Cando detectaron os osos no Courel e cantos contabilizaron?
Fai 8 ou 10 anos xa comezou a detectarse a presenza dalgún exemplar. Por agora, non temos cuantificado cantos pode haber, pero este proxecto inclúe un seguemento para poder establecer se hai máis dun exemplar nesta zona. Estamos na fase de recolección de datos para poder extraer o ADN e concretalo, aínda que aparentemente hai máis dun. Parece que houbo osos dispersantes que chegaron a esta zona e que ante as boas condicións dos montes do Courel asentáronse. A presenza está consolidada.

“É lóxico que haxa inquietudes e medos na poboación local, pero nas charlas que damos tamén detectamos que hai xente a favor do oso”

Que impacto ten a presenza do oso na gandaría de Galicia?
Tentamos transmitir a experiencia doutras zonas nas que se leva moitos anos de convivencia co oso. A nosa experiencia dinos que os danos á gandaría de vacún son mínimos. Nalgún caso podería matar un tenreiro ou unha vaca, pero é moi raro. Mesmo en seguementos na distancia vemos que o oso pasa por prados onde hai gando e as vacas nin se inmutan. O oso é moi carroñeiro e é moi probable que vaia comer o animal unha vez morto. Con ovellas e cabras, detectáronse máis problemas, aínda que nestas zonas tampouco hai moita gandaría deste tipo.

Ademais, nos casos de ataque é fácil determinar a presenza do oso polos restos que deixa, a diferenza doutros ataques da fauna salvaxe, e os gandeiros poden cobrar unha indemnización polos danos.

E nos apiarios?
Nas colmeas hai unha maior probabilidade de ataque. Esta primavera houbo varios ataques, de pequena importancia. Ás veces, estes primeiros danos que se producen en zonas nas que non están afeitos á presenza do oso, a xente non sabe a que aterse e non pensa que poida ser o oso. Na apicultura, o que se require é unha axeitada protección.

“A utilización axeitada de pastores eléctricos evita un 95% dos danos a apiarios”

Como se consegue protexelos?
A nosa experiencia dinos que protexéndoos con pastores eléctricos adecuadamente instalados os danos evítanse nun 95% dos casos. Aínda que para que os pastores sexan eficaces deben colocarse ben: con catro ou cinco fíos de cable, coa intensidade adecuada de corrente, asegurarse de que a placa solar funciona ben… Os osos son animais moi listos, polo que como deixemos calquera punto débil, coma unha árbore preto, aproveitarano.

Nós imos repartir pastores para protexer os apiarios e información para que a xente aprenda como previr os ataques. Ademais, O Courel está cheo de alvarizas. Iso é unha boa mostra de que foi terra de oso. De feito, no proxecto contémplase a súa restauración e cesión a apicultores para instalar colmeas e a súa posta en valor como elemento etnográfico. Hai que previr os conflitos que pode xerar o oso para lograr unha boa convivencia e tentar aproveitar todos os aspectos positivos que poida traer. Poden desenvolverse a apicultura, a gandaría e a caza en perfecta convivencia co oso.

“Restauraremos alvarizas do Courel para cederllas a apicultores. É importante previr os conflitos para lograr unha boa convivencia co oso”

Que outras iniciativas contemplan con este proxecto Life?
Tamén faremos pequenas plantacións de árbores de froito carnoso en montes veciñais, con acordos cos propietarios, que servirán como alimento para o oso no verán para evitar ataques a apiarios. Estes traballos serán realizados por cuadrillas da zona. Tamén faremos campañas de educación ambiental. Trátase de dar información para que a xente saiba que non hai problema por vivir nunha zona de osos, onde o risco para as persoas é practicamente inexistente.

Os osos chegaron ó Courel motivados, en parte, pola calidade destes bosques. Tiveron impacto nas poboacións os incendios do outono?
Queimáronse zonas interesantes para os osos, sobre todo en Ancares, onde se rexistraron máis incendios. Non temos evidencias de que houbese mortes de osos. Hai que ter en conta que o oso ten moita capacidade para desprazarse.

Alvarizas abandoadas no Courel.

Alvarizas abandoadas no Courel.

Valora que pode existir relación entre os lumes e o rexeitamento á presenza do oso?
Os lumes teñen unhas peculiaridades e unha socioloxía que os rodea moi diferente en cada zona. A nosa experiencia dinos que non hai ningunha vinculación porque os osos non xeran conflito nas zonas nas que hai unha presenza habitual e convivencia con eles.

“Os cazadores aínda pensan que porque haxa oso se vai prohibir a caza e non ten porque pasar”

A que cre que se debe a oposición á presenza do oso de parte da poboación dos Ancares e do Courel?
É moi lóxico e racional que a poboación local sinta dúbidas, inquietudes e medos ante a presenza do oso nunha zona na que non existía ou se perdeu o costume de convivir con el. Estamos a ver esa inquietude, pero nas sesións informativas que estamos a facer, nas que estamos a disposición dos veciños, comprobamos que tamén hai xente que é favorable á súa presenza. O oso é símbolo de calidade do territorio.

Que restricións habería se os Ancares e O Courel se declarasen zonas de presenza de oso?
A Xunta está aínda revisando o plan de recuperación do oso no que se definen as áreas de presenza do animal, pero isto non ten consecuencias directas na xestión. Os cazadores aínda pensan que porque estea o oso vaise a prohibir a caza e non ten porque pasar. Recoméndase cambiar de zona de caza ou de data se hai osas con cría, pero é unha situación puntual e que aínda tardará en darse no Courel. Se hai osos macho débense extremar as precaucións para non abatelos, xa que suporía un problema para o cazador.

A presenza do oso non implicará que haxa que contar cun axente ambiental nas cazarías?
Non o determinará a presenza do oso, senón as características do terreo cinexético. Nos tecores non é necesario pero si é preciso en reservas de caza.

Será preciso eliminar determinados tipos de peches a base de arames para evitar danos ó oso?
Non hai ningunha normativa que contemple esas medidas. O oso salta sen ningún problema eses peches.

“En Somiedo, a conservación da natureza mesmo favoreceu os investimentos para a gandaría”

No marco do programa Life Oso Courel, fixeron unha viaxe con veciños, gandeiros e apicultores galegos a Somiedo, un parque natural de Asturias que sempre se pon de referencia en Galicia. A que se debe o éxito social deste parque?
Somiedo é un bo exemplo de convivencia de natureza e desenvolvemento rural. Foi o primeiro que se creou na cordilleira cantábrica hai 30 anos. Foi unha iniciativa impulsada polos propios veciños. Era un municipio na cola de desenvolvemento e apostaron pola conservación da natureza e viron que a presenza do oso os beneficiou. Sen case taxa de paro, boa parte da poboación vive da hostalaría pero a outra faino da gandaría. A conservación da natureza non impediu, senón que mesmo favoreceu, os investimentos para a gandaría.

Como resultou a visita?
Nesta visita, os participantes puideron escoitar de man dos veciños de Somiedo, de gandeiros, apicultores, hostaleiros… como é a convivencia real co oso que tiveron durante moitos anos. Foi unha experiencia moi interesante. Cremos que é fundamental informar para disipar as dúbidas que se xeren ó non ter convivido co oso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información