Pode a caza controlar o xabarín en Galicia, ante a ameaza da peste porcina?

A Consellería de Medio Ambiente propuxo unha serie de medidas cinexéticas para facer fronte a unha posible chegada da peste porcina, co xabaril como vector. Nos vindeiros días vainas trasladar aos colectivos implicados na loita contra a enfermidade. Falamos cos diferentes actores para coñecer as súas impresións sobre as propias medidas e a actual situación.

XABARIL

Asociacións de cazadores, especialistas na sanidade da cabana porcina, organizacións agrarias, biólogos e colectivos que levan décadas padecendo danos causados polas mandas de xabarís analizan o recurso á caza como medida para frear os contaxios de peste porcina a través do xabaril.

No que todos coinciden é na necesidade de ir cara a unha regulación que acade solucións aos moitos problemas e choques de intereses que provoca a poboación desproporcionada de xabaril en Galicia. Unha poboación sobre a que, ademais, sinalan que falta información, se ben calcúlase que as densidades do porco bravo en Galicia non son moi distintas das que se dan en puntos que foron afectados pola peste porcina, como Cataluña e Bélxica, que rondan os 6 – 7 xabaríns por quilómetro cadrado.

A opinión dos cazadores

Os cazadores amósanse dispostos a colaborar pero queren ter claro que é o que se lles vai pedir, cales serán as súas responsabilidades e con que ferramentas van contar. Antonio Mota, da Unión de Tecores de Galicia (Unitega) sinala que a caza é unha actividade social recreativa pola que hai que pagar e, por iso, non se lles pode impoñer aos seus practicantes unha obriga se non vén moi xustificada dende o punto de vista legal.

“Cando se está decindo que os cazadores estamos obrigados a frear o avance da peste porcina, o colectivo non reacciona positivamente. Semella que se nos fai responsables dunha cuestión de sanidade animal sobre a que non temos competencias. Non é un bo inicio, pero escoitaremos e amosaremos a nosa disposición a axudar.”, di Mota.

Que se cargue ós cazadores coa responsabilidade de atallar un problema de saúde animal é algo que non está a sentar ben (Antonio Mota, Unitega)

Ademais, dende Unitega detectan unha contradición: “Na zona afectada pola peste porcina en Cataluña está prohibido cazar. Para que os xabarís estean tranquilos e non se alonxen desa zona. E, en cambio, aquí quérennos mobilizar para que esteamos preparados para saír cazar en calquera momento. Ou unha cousa ou a outra”.

Desde Unitega lembran que cazar o xabaril en Galicia é algo moi complexo pola orografía, os enormes espazos dos que dispón o animal e a diferente organización de cada manda. “Vemos que a cantidade de capturas durante os períodos de emerxencia cinexética non é moi diferente da que se acada cando non hai emerxencia.”

A unión de Tecores teme que o alarmismo leve a unha actuación desmedida e que, ao mesmo tempo, tampouco sirva para atallar o avance da enfermidade. “Tampouco cremos que os cazadores acepten saír en pequenos grupos ou mesmo de forma individual en lugar de facer batidas, como se está propoñendo. É unha cuestión de seguridade persoal”.

Moitos grupos reducidos de cazadores sempre van ser menos efectivos que un único grupo grande

Por outro lado, Mota entende que aumentar a presión sobre o xabaril podería traer outros problemas. “Saír máis veces cazar non aumenta as capturas. Ao contrario. Moitos pequenos grupos sempre capturarán menos xabarís que unha batida grande. Sen esquecer que aumentar as accións de caza altera os hábitos do xabaril e multiplica a súa presenza nas estradas, co conseguinte risco para os vehículos”.

Luis Eusebio Fidalgo, profesor de Veterinaria e presidente da Federación Galega de Caza (FGC), lembra que os cazadores como colectivo sempre actuaron para levar adiante aquelo que a administración lles pediu. E cre que tamén o van facer nesta ocasión.

Os porcos criados en sistemas extensivos serán obxecto de medidas especiais de bioseguridade

Os cazadores terían que actuar especialmente nas áreas de concentración de gando porcino intensivo e extensivo

Pero coincide con Mota en que haberá que ver o que se lles pide esta vez e como terán que executalo. “Esperamos que se nos presente un programa de actuación moi ben elaborado dende o punto de vista técnico. Incluíndo tempos, modos de execución, protocolos…porque o tema da peste porcina é moi moi serio”.

Independentemente das medidas concretas, é necesaria a actuación coordinada baixo un programa moi elaborado (Luis E. Fidalgo, presidente da Federación Galega de Caza)

Fidalgo cre que hai que calibrar rigorosamente a capacidade do colectivo de cazadores galegos para servir como ferramenta eficaz fronte a posibles espallamentos da peste porcina a través do xabaril. “O número de licencias baixa cada ano e a idade media dos cazadores é cada vez máis alta. Iso tamén vai influír no control das poboacións que realizamos coa nosa actividade lúdica.”

Como veterinario, Fidalgo reclama unha actuación conxunta e coordinada de administración pública, sector porcino, cazadores e demais actores que interveñen para frear a peste porcina. “Se non hai unha sincronización absoluta, non sairá ben. Xa analizaremos as medidas concretas, pero a unidade de acción ten que estar clara.”

Asociación de perxudicados pola fauna salvaxe

“A caza tradicional é insuficiente para solucionar o problema”

A Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (APERFASA) lamenta que tivera que ser a peste porcina a que alerte á sociedade sobre o perigo que supón unha poboación de xabaril “totalmente desproporcionada”. E pide que se conte con eles para buscar solucións, xa que levan anos loitando contra os efectos desa desproporción.

O seu presidente, José Antonio Muíño, indica que estiveron anos advertindo de que o porco bravo podería causar problemas sanitarios, ao estar espallado por todo o territorio e en contacto con todo tipo de animais, terreos, residuos e alimentos. “Pero nunca se decidiu actuar de xeito firme.”, lamenta.

É moi triste que teña que ser unha situación de emerxencia sanitaria a que faga tomar conciencia do enorme problema que supón o xabaril (José Antonio Muíño, APERFASA)

“Non queremos restarlle nin un gramo de gravidade ao problema da peste porcina. Iso debe quedar claro. Pero dá a sensación de que os 10 accidentes diarios e os millóns de euros en perdas de colleitas son algo secundario e sen importancia. En fin, agardemos que sirva para algo.”

APERFASA cre que sería necesario contar coa súa experiencia e que a administración debera contar con eles para afrontar esta crise. “Levamos anos aplicando métodos de loita para defendernos do xabaril. E moitas veces en solitario, só co noso esforzo e imaxinación. Así que algo saberemos sobre como frealo. Ese coñecemento non se debera desaproveitar. Veremos.”

APERFASA leva anos empregando peches e outras medidas para tentar frear o xabaril

APERFASA leva anos empregando peches e outras medidas para tentar frear o xabaril

Muíño sinala que estes anos propuxeron medidas alternativas á caza tradicional -como o uso de xaulas-trampa- nas zonas onde quedou acreditado que a caza non é efectiva. Sen que se lles fixera moito caso polo de agora, cuestionan.

Sería un erro non contar coa nosa experiencia na loita contra a sobrepoboación de xabaril neste momento de crise

“Medidas como a emerxencia cinexética que se declarou entre setembro e febreiro nos dous últimos exercicios demostraron ser inútiles para controlar a poboación. A caza tradicional non serve como ferramenta única, hai que buscar alternativas. Agora vemos como está a UME en Cataluña…pois iso xa o solicitamos nós hai anos para Galicia.”

Para APERFASA, a peste porcina ten que servir para que, definitivamente, se adopten normativas, medidas e protocolos que leven a unha regulación da poboación de xabarís. “Agora reúnense todas as condicións para que a administración escoite a agricultores, gandeiros, persoas que sufriron accidentes e todos aqueles que vimos advertindo do perigo no que estamos e que dea os pasos para poñer unha solución firme”.

Alta bioseguridade nas granxas intensivas de porcino

Antía Martínez, da Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) de porcino de Silleda, di que polo de agora non se recibiu ningunha indicación específica relativa á peste porcina. “Nós temos uns protocolos e unhas medidas moi rigorosas de bioseguridade nas granxas para evitar a entrada de calquera enfermidade. Se cadra podemos intensificalos, pero ata o de agora os resultados foron excelentes.”

Por exemplo, todos os anos se fan chequeos nunha serie de granxas designadas pola Consellería do Medio Rural en cumprimento do programa de vixilancia fronte a peste porcina. “Como levabamos décadas libres da doenza, eran poucas explotacións. Se cadra agora aumenta o número de granxas chequeadas, pero aínda non se nos comunicou nada.”

Polo de agora a única ferramenta que temos é estremar as medidas de bioseguridade, que xa están a funcionar con plenas garantías (Antía Martínez, ADS de porcino de Silleda)

As ADS de porcino teñen encomendada a defensa sanitaria tanto das explotacións intensivas como das extensivas, que serían as que poderían ter máis risco de contacto con xabarís infectados. En todo caso, os protocolos de bioseguridade e os peches das leiras están garantidos.

O traballlo das ADSG nas granxas de porcino en materia de bioseguridade leva décadas dando os mellores resultados

O traballo das ADSG nas granxas de porcino en materia de bioseguridade leva décadas dando os mellores resultados

Martínez lembra que, no que vai de século, as granxas de porcino non tiveron ningunha epidemia ou praga relevante. Ese feito viría demostrar que as medidas que se levan aplicado están a funcionar polo que non sería lóxico caer agora nun alarmismo inxustificado e que pode causar aínda máis dano.

Jacobo Feijoo. Unións Agrarias

“Pode haber peste porcina nos xabaríns e que non chegue ás granxas de porcino, como demostra a experiencia de Bélxica ou Suecia”

Jacobo Feijóo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias (UUAA), sinala o problema da sobrepoboación. “Non hai un censo fiable, pero dende logo hai unha poboación moito maior da asumible. Se cada día se producen 10 accidentes de tráfico causados por xabarís e as perdas en cultivos son de 15 millóns de euros todos os anos, é evidente que o xabaril supón un problema. Non é que o sexa agora polos posibles contaxios de peste porcina”.

Feijóo constata que os animais están cada vez máis presentes en areas urbanas e peri-urbanas. E non só poden transmitir a peste porcina, tamén son hospedadores das carrachas que transmiten a enfermidade de Lyme a persoas e mascotas. Ou son reservorios de enfermidades como a tuberculose.

A caza por si soa non vai ser unha medida eficaz contra a peste. Hai que ir a estratexias moito máis globais (Jacobo Feijóo, UUAA)

“Semella moi difícil que os cazadores poidan ser a solución a este problema. Non é a súa función. Máis ben terá que ser a administración a que desenvolva medidas para frear a peste -ben sexa con capturas, ben con outras opcións- e que os Tecores se encarguen de xestionar as poboacións unha vez resolto o problema. Sobre todo nas zonas de concentración de explotacións porcinas.”

En Galicia o xabaril ten un hábitat perfecto polo despoboamento e os amplos montes, explica o membro de UUAA. “O que está a facer a UME en Cataluña é eficaz en zonas moi reducidas e con moita tecnoloxía. Aquí non sería moi viable. Habería que ir a medidas como o uso de xaulas, trampas profesionais ou a extracción de grandes mandas completas. E, aínda así, non estaría garantido o éxito.”

En territorio galego captúranse 18.000 xabarís anuais nunha superficie de 3 millóns de hectáreas. En Cataluña chegan a 70.000 ao ano no dobre de superficie. É unha cuestión de adaptación. O xabaril pode crear grandes concentracións en hábitats moi diferentes.

A chegada da peste porcina a Galicia suporía un duro golpe ao mercado da carne de porco

A chegada da peste porcina a Galicia suporía un duro golpe ao mercado da carne de porco

“A experiencia nos últimos 30 anos en países como Suecia ou Bélxica demostra que pode haber peste nos xabarís pero conseguir que non chegue a entrar nas explotacións. Eso lévanos a pensar que, se se actúa correctamente en todas as fases, podemos evitar que afecte. A detección rápida e a acotación inmediata das zonas onde aparece un animal morto son pasos clave”.

A peste porcina afecta a toda a sociedade. Altera os mercados e a alimentación das familias

Dende UUAA aseguran que se a peste afecta ás explotacións galegas, o golpe vai ser tremendo para o sector. “Por iso convén aplicar todos os protocolos de prevención posibles. E tamén podemos aproveitar esta crise para abordar a fondo o problema estrutural que supón o xabaril. Sería necesario un pacto social. Porque non esquezamos que a voracidade do xabaril está a perxudicar seriamente os ecosistemas e á biodiversidade”.

“Este non é só un problema dos gandeiros. Afecta a toda a sociedade xa que se pechasen explotacións de porcino privaríase a boa parte das familias da súa principal fonte de proteína xunto co polo. Porque pode haber escaseza e prezos desorbitados.”, conclúe Feijóo.

O bulo sobre unha suposta falta de lobos como causa das altas poboacións de xabarín

Nos últimos días saíron novas na prensa protagonizadas por colectivos e persoas que vinculan o aumento das poboacións de xabarín a que a presenza de lobos é supostamente moi reducida. Desde o ámbito científico, os biólogos que estudan o lobo coinciden en que esa idea carece de base e non está demostrada. De feito, os sucesivos censos de lobos demostran que a especie leva décadas de certa recuperación e dunha certa expansión, desde as súas zonas tradicionais no norte peninsular cara novas zonas.

Pedro Alonso é un biólogo galego que leva décadas estudando o comportamento das mandas lobeiras. “Analizando as dietas e a presenza en áreas de fototrampeo de Lugo e Ourense, está comprobado que o xabaril forma parte da dieta do lobo nalgunhas zonas. E logo está o caso da montaña da dorsal galega e do norte da provincia de Lugo, onde hai unha grande presenza de lobo e de xabaril, pero a dieta do cánido componse de exemplares de poldros e xatos que pastan ceibes no monte.”, di Alonso.

Alonso afirma que non hai datos, nin estudos nin evidencias que indiquen que unha menor presenza de lobos implique unha maior presenza de xabarís. E viceversa. “E hai que ter en conta que os xabarís teñen unha grande mobilidade. Non se apegan a un territorio. E non son doados de censar”.

Non hai estudos que avalen que unha alta presenza de xabarís nunha zona se deba á escaseza de lobos na mesma (Pedro Alonso, biólogo)

Malia esa inexistencia de estudos avalados, Alonso cre que a lóxica indica que, nas áreas onde hai unha intervención humana intensa para reducir a presenza do xabaril, o lobo tende a marchar. “Porque perde un dos seus recursos alimenticios. Estamos vendo que nas zonas que arderon este verán está habendo ataques de lobos ao gando cando antes non os había”.

Non hai ningún estudo que avale que a poboación de xabaril aumenta pola escaseza de lobos

Non hai ningún estudo que avale que a poboación de xabaril aumenta pola escaseza de lobos

O biólogo sinala que os exemplares de xabaril que caza o lobo son habitualmente de entre 6 e 18 meses e cuns 30-40 quilos de peso, e que apenas comezan a moverse con independencia da manda. E tamén individuos enfermos ou eivados e de idade avanzada. “Iso pode resultar en mandas máis pequenas pero con maior saúde.”

Desde o ámbito da caza, Antonio Mota considera que precisamente a “abundancia de lobos” é a que empuxa ós xabarís cara as zonas urbanas e semi-urbanas, onde teñen recursos alimenticios, lugares onde acubillarse e non están ameazadas polo depredador.

Luis Fidalgo ironiza coa idea, espallada nas redes sociais, de ligar ó xabaril cunha suposta escasez de lobos. “Tamén hai terraplanistas e persoas antivacinas. Cada un pode crer o que quera. Nin sequera merece moito a pena comentar isto. En fin…eu prefiro guiarme pola evidencia científica”.

Propostas da Xunta

A Consellería de Medio Ambiente emitiu un comunicado no que anunciaba posibles medidas de carácter cinexético para facer fronte á crise da peste porcina e que pensa trasladar nos vindeiros días aos colectivos afectados e vencellados tanto coa doenza como coa caza.

Algunhas das opcións que baralla a administración autonómica son o aumento das batidas, a instalación de xaulas trampa ou bonificar as taxas a aqueles Tecores que realicen capturas por riba do cupo establecido.

Tamén se proporá levar a cabo a coñecida como caza ao salto, que realiza unha persoa, con ou sen auxilio de cans; caza a rececho, tamén individual pero sen cans; e caza ao contado, con cuadrillas máis reducidas que nas batidas, de ata seis persoas, cun máximo de tres cans por participante.

As Direccións Territoriais da Consellería realizan unha valoración dos Tecores que cumpren íntegramente o cupo de capturas asignado -máis de cen-. Vaise instar os titulares de Tecores das zonas con maior número de granxas porcinas que non cubriran o seu límite de capturas a que o fagan, caso por exemplo das comarcas do Limia e do Deza.

A Xunta insiste en que “tratándose dun problema de índole nacional, as accións e o esforzo económico non poden proceder unicamente das comunidades autónomas”. Por iso, solicitou a convocatoria inmediata dunha Conferencia Sectorial específica e conxunta, cos ministerios de Agricultura e de Transición Ecolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información