“As podas de inverno e primavera serán decisivas para a recuperación dos viñedos afectados polos incendios”

Os lumes de agosto causaron danos de diferente tipo en viñedos de Valdeorras. Para comezar a recuperar as videiras, os traballos de poda de inverno van ser claves. Como tamén o serán os das podas de primavera. O especialista Julián Palacios impartiu un curso sobre esta técnica agronómica a adegueiros e viticultores das zonas afectadas co fin de retomar canto antes a actividade produtiva.

Publicidade

PALACIOS PODA VALDEORRAS

A Denominación de Orixe (DO) Valdeorras organizou, en colaboración con CaixaBank, o “Curso de poda de inverno para recuperar viñedos afectados polos lumes”. A acción formativa tiña por obxecto apoiar aos viticultores tras os lumes que asolaron a comarca.

A actividade foi dirixida por Julián Palacios Muruzábal, recoñecido experto con máis de 25 anos de experiencia entre videiras e director de Viticultura Viva. Especializado en asesoría e formación en viticultura. Palacios é viticultor e enxeñeiro agrónomo e posúe unha viña en de San Martín de Unx (Navarra). Falamos con el sobre os aspectos técnicos e sobre a situación en que están os viñedos.

Con que criterios se desenvolveu esta actividade formativa?

O que fixemos neste curso foi establecer cinco categorías de afectación por lume nos viñedos: moi baixa, baixa, mediana, alta e moi alta. E establecemos unhas técnicas de actuación para cada caso. A boa noticia foi que apenas houbo cepas irrecuperables que haxa que arrincar e repoñer. A meirande parte van rebrotar.

Neste curso estivemos analizando as estratexias de poda a seguir en función do nivel de afectación por lume en cada parcela e deseñamos tres liñas de actuación para a poda de inverno con técnicas diferentes.

En condicións normais, a poda é o labor máis importante de cantos se desenvolven no viñedo ao longo do ano. Porque conleva causar unha serie de feridas que teñen que cicatrizar e que afectan á circulación de savia pola planta. Esto xa se sabía dende que a humanidade comezou a practicar a viticultura.

Sendo a poda un labor moi esixente, cando hai incendios aínda hai que facela con máis paciencia e observación planta por planta

Coas altas temperaturas e estrés que provocan os incendios, a poda aínda adquire máis relevancia. O primeiro paso é ter paciencia. Ralentizar a poda para non causar feridas en plantas que xa sufriron polos lumes e que poderían quedar máis danadas.

Cales son as técnicas de poda -xerais e particulares- que hai que aplicar nos viñedos afectados polos incendios?

Como principio xeral, a poda ten que ser o máis respectuosa posible coa videira. Hai que observar planta por planta e póla por póla. Tamén é importante reducir o diámetro para eliminar as partes que poidan estar máis danadas. E sendo sempre pouco agresivos.

En procesos traumáticos para a planta como son os incendios ou as xeadas, o viticultor pode deixarse levar pola idea de reconstruír a videira e aplicar o serrucho ou ata a motoserra de forma radical e sen un criterio claro. Eso non se debe facer.

Na zona de A Rúa levaron a peor parte dos incendios que afectaron en Valdeorras

Na zona de A Rúa levaron a peor parte dos incendios que afectaron en Valdeorras

Se a observamos atentamente, a planta vainos falar e vainos explicar ata que punto está danada. Por eso non hai que ser moi agresivos na poda de inverno e é mellor agardar ata a primavera para saber o que realmente sobra. Mutilar un ser vivo que acaba de ser danado é algo perigoso.

Xa máis polo miúdo, pódese raspar a cortiza: se o tecido é verde, é que está vivo; se é marrón ou negro, está morto. E observar a base dos sarmentos e a coroa de raíces. En cepas con dano leve podemos eliminar só madeira afectada ou manter o esqueleto principal da cepa se non hai necrose.

Cando sucede algo así, é fácil deixarse levar e coller a motoserra para reconstruír a planta. Eso é perigoso e contraproducente

Para viñedos con dano moderado serve unha poda de renovación cortando partes afectadas ata chegar á madeira sá e deixar chupóns vigorosos preto da base para formar novos brazos. Tamén evitar cortes grandes en época húmida para reducir risco de infeccións.

Se hai dano grave con moi alta carbonización, o mellor é cortar a cepa a rentes do chan ou por baixo do punto de enxerto e permitir o rebrote dende o portaenxerto ou a base. E ata reenxertar ou replantar se a cepa non brota.

Con todo, o traballo de poda non acaba aí. Dentro duns meses haberá que acometer a poda en verde ou poda de primavera. E nese momento aínda será maior o nivel de esixencia. Porque, ao estar as plantas en fase de recuperación, hai que ser moi meticuloso para non frearlle os procesos vexetativos cunha poda mal executada.

Como calificaría a situación dos viñedos de Valdeorras logo dos incendios? Que pasos se deben dar para recuperalos plenamente?

Ante todo debo decir que para min foi un curso difícil porque os efectos dos lumes aínda se perciben, os viticultores están emocionalmente afectados e a min mesmo me fixo lembrar o que aconteceu na miña zona hai tres anos. Pero hai solucións e temos que levantar o ánimo para seguir facendo o que sempre fixemos.

O tipo de poda que se faga dependerá do nivel de afectación polos incendios

O tipo de poda que se faga dependerá do nivel de afectación polos incendios

No ano 2022 en Unx houbo un lume de alta intensidade que afectou as videiras daquela zona. Por eso, decidín afondar na investigación e o traballo nas viñas e especializarme na recuperación das plantas queimadas.

O lume deste ano nunca antes se vivira e, aínda así, os viñedos aguantaron mellor do esperado. A disposición das viñas, en vales e medias ladeiras, axudou a que non chegara un lume intenso. Das 1.200 hectáreas rexistradas na DO Valdeorras, tan só 30 estiveron afectadas en diferente grao.

As emocións aínda están a flor de pel e a xente segue doída. Pero temos ferramentas e coñecementos para solucionar esta situación

Máis aínda, os viñedos evitaron que arderan núcleos de poboación. Porque a videira é a planta máis resistente ao lume de todas as que cultivamos no norte de España. Por eso se di que as viñas apagan lumes ou que evitan que se propaguen.

A madeira xa ten unhas características que evitan que arda con facilidade. Ademais, cando se produciron os lumes de agosto, as plantas estaban en pleno proceso vexetativo e cun alto contido de humidade especialmente nas follas, a parte máis externa.

Que outros traballos agronómicos, ademais da poda, se poden desenvolver para a recuperación das videiras e das plantacións en Valdeorras?

Aínda que non ardan, as videiras si que se ven afectadas polas altas temperaturas dos lumes lindeiros con elas. A planta non arde e non morre facilmente mais é preciso traballar para que teñan unha recuperación plena.

Aparte de que, por producirse os lumes a poucos días das vendimas, houbo algunhas cepas que perderon toda a produción porque as uvas queceron de tal maneira que xa non serviron para facer viño nin para consumo de mesa.

Ademais da poda, hai que traballar nos solos e subsolos e na contorna do viñedo para que a recuperación sexa plena

Ademais da poda, hai que traballar nos solos e subsolos e na contorna do viñedo para que a recuperación sexa plena

A contorna dos viñedos tamén se ve afectada cando hai incendios. Máis alá da biodiversidade que caracteriza as zonas vitícolas galegas, co lume pérdense elementos minerais e vexetais que están presentes no subsolo e na superficie e que enchen o viño de matices.

Sendo a poda o máis importante, tamén é preciso poñer atención nos solos e subsolos. Toda a microfauna, os vermes ou ata determinados fungos son esenciais para o traballo de viticultura. E eso pérdese cando hai un lume.

Os abonos foliares, fertilizantes orgánicos e bioestimulantes poden ser de axuda sempre e cando se trate de produtos de calidade contrastada

Cómpre dicir que para a recuperación pode ser de interese o uso de fertilizantes orgánicos, de abonos foliares ou de bioestimulantes que reforzan a saúde da planta, máis alá dos recursos propios das videiras. O que si é importante é garantir que se utilicen produtos de calidade contrastada.

Ultimamente estanse a realizar ensaios -e con bos resultados- de aplicación de biofilms protectores biolóxicos das uvas. Se a afectación nos viñedos é media ou baixa, servirían para evitar que os froitos adquiran sabor a fume ou que os deterioren por completo as altas temperaturas.

No caso de Unx, o lume producírase en xuño polo que, aínda que se perdeu a colleita, as cepas xa estaban revitalizadas e recuperadas cando se efectuou a poda de inverno. En Valdeorras non foi así. As plantas non están recuperadas de todo e aínda tardarán.

Cales son as expectativas a curto, medio e longo prazo para os viñedos afectados polos lumes?

Nos niveis medio, alto e moi alto de afectación por lumes en viñedos non é doado fixar un tempo de recuperación total da capacidade produtiva. Inflúen moitos factores. Por exemplo, unha seca prolongada ou un episodio de saraiba intensa poden demorar todo o proceso. En condicións normais, e cun grao medio de afectación, non deberá ir máis alá de tres anos.

Incluso as cepas máis danadas poden recuperarse plenamente cun bo traballo agronómico

Incluso as cepas máis danadas poden recuperarse plenamente cun bo traballo agronómico

Onde menos afectou, vemos indicios positivos, como a aparición de brotes verdes de outono que indican que a recuperación vai por bon camiño, que a savia circula por elas e que estarán listas para a seguinte brotación de primavera.

Outra cousa son as viñas de afectación alta ou moi alta. Tardarán tres ou catro anos en volver producir pero, cun manexo agronómico axeitado e-insisto- con paciencia no traballo poderán volver estar a plena produción.

Como di vostede, o lume afecta o viñedo pero moito máis á súa contorna. De que xeito se cuantifica esa influencia?

Un primeiro efecto é o do propio fume. Hai que ter moito coidado na elaboración do viño. Porque, sobre todo os tintos, poden adquirir sabor a fume, o que se coñece como “smoke taint” que tamén se pode trasladar as cubas e perdurar no tempo.

En Unx sempre dixemos que os nosos viños tiñan matices de lavanda, romeu e outras herbas aromáticas da contorna. E non sempre nos crían. Cando no ano do incendio comprobaron que algúns viños sabían a fume, déronnos a razón. Todo o que rodea á videira acaba influíndo nela.

As cepas vellas sempre aguantan mellor que as novas os efectos dos lumes. Porque teñen un maior sistema radicular

En principio, as cepas vellas aguantan mellor os efectos dos lumes que as máis novas. Porque o seus sistema radicular é máis dimensionado e acada máis profundidade. Calquera planta ten máis opcións de seguir viva se as súas raíces están vivas. E tamén as viñas vellas terían máis capacidade de recuperación despois dos incendios.

Supoñemos que a intensidade dos lumes de Valdeorras e Monterrei foi algo sorprendente para vostede. Agardaba algo así?

Para os que levamos tantos anos na viticultora, estas son situacións novas. Fálase de incendios de sexta xeración. Cunhas cargas de fume e temperaturas que non se viran antes. En fin, o importante é que teñamos ferramentas e coñecementos para poder facerlles fronte. E procurar entre todos que non se repitan, claro.

Máis alá dos traballos agronómicos en viñas que xa foron vítimas do lume, tamén se pode desenvolver un labor de prevención. Unha boa xestión forestal, un coidado con esmero da contorna das viñas, a ubicación das mesmas…son medidas que poden ser efectivas.

E podemos consolarnos en certa medida pensando que os propietarios de piñeirais queimados na mesma zona de Valdeorras tiveron que ver como foi necesario cortar todas as árbores. No caso dos viticultores, incluso os máis afectados poden manter a actividade a medio prazo. Hai que ter esperanza…e tesón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información