A poda é unha das claves para lograr unha produción de calidade nas plantacións de arando, por iso foi tamén unha das primeiras accións formativas que organizaron dende a asociación Berries Galicia, que agrupa a produtores de toda a rexión. O seminario, de carácter práctico, celebrouse en días pasados nunha finca de arandos no concello coruñés de Teo.
A iniciativa estaba dirixida ós socios do colectivo e contou cun técnico especialista neste tipo de plantacións procedente de Huelva, que ofreceu consellos prácticos á ducia de produtores que participaron na iniciativa. As limitacións pola sexta vaga do Covid-19 fixo modificar o programa inicial e que a sesión se celebrase integramente ó aire libre, segundo explicaron dende a organización.
Unha das principais recomendacións realizadas polo experto á hora de podar as plantas de arandos, é adaptar a poda ás características da variedade que se traballa. É fundamental coñecer a planta para saber a que altura incidir en maior medida coa poda. Se contan con plantas fortes e con ramas robustas a produción pode localizarse na parte máis alta. Pola contra, se as varas son máis delicadas, cómpre realizar a poda de xeito que a produción remate localizándose na parte media ou baixa.
A poda, xunto cun bo abonado, son imprescindibles para lograr unha produción de maior calidade. Deixar gran cantidade de gromos e polas nos arbustos provocará que gran cantidade de froito, pero de menor calibre.
Dende a asociación Berries Galicia están apostando por mellorar as producións e ser competitivos para ampliar a venda directa das súas producións, non só de arandos senón doutros froitos vermellos.
Tamén é importante realizar a poda na época axeitada. En Galicia, algúns dos produtores comezaron coa poda xa no mes de decembro, aínda que moitos optan por adiala e realizala entre os meses de xaneiro e marzo. Tamén hai plantacións nas que optan pola poda en verde, que levan a cabo xusto ó remate da colleita, nos meses de outubro e novembro.
Outro dos aspectos que trataron nesta formación básica sobre os coidados do arando foi o abonado, non só previo á plantación, senón a necesidade de realizar un aporte puntual para garantir os nutrientes básicos da planta.