As voceiras da Plataforma Stop Velutina -Galicia, Laura García e Diego Sánchez rexistraron este mércores no Parlamento Galego unha iniciativa, apoiada polos grupos da oposición, pola que lle demanda á Xunta que poña en marcha medidas efectivas para frear a expansión da avespa asiática.
“Levamos dende o 2012 coa velutina presente en Galicia, e en 5 anos conseguiu colonizar o 70% do territorio galego, levando consigo abellas e outros insectos, kilos de mel e froitas, varios sustos e o desgraciado acontecemento sucedido no Porriño o pasado mes de novembro. Hai que actuar xa”, asegurou Laura García Sáez.
Unha das reivindicacións principais das PNL presentadas é a realización, por parte da Xunta de Galicia, dun trampeo masivo de primavera que permita capturar futuras raíñas fundadoras e evitar así a aparición dos enormes niños secundarios no verán.
Xunto ao trampeo, a Plataforma esixe á Xunta o asino de convenios de colaboración coas universidades galegas a fin de continuar coa investigación e atopar así ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión nun longo prazo.
Igualmente, solicitan á Xunta que deseñe e convoque un sistema de axudas directas que permita facer fronte ós gastos que ocasiona esta especie nas colmeas e froiteiras.
“Os apicultores e apicultoras experimentan entre un 20-30% máis de custos asociados á velutina, e isto sen contar a perda de abellas e a perda correlativa nas colleitas de mel”, subliñan dende a Plataforma.
En último lugar, a Plataforma solicita a presenza dos sectores afectados nos organismos da Administración que se están a “encargar” do problema, “a chamada Comisión de seguimento da que forman parte tres Consellerías e que actualmente parece non ser operativa”.
A Comisión Europea apraza a 2018 a posible prohibición dos pesticidas neonicotinoides
A Comisión Europea postergou unha votación sobre a prohibición de tres neonicotinoides en pesticidas, que supostamente teñen efectos negativas para a apicultura.
Os estados membros reuníronse na Comisión Europea os días 12 e 13 de decembro para propor unha extensión da prohibición a todos os cultivos ao aire libre. Fai catro anos, a UE restrinxiu o uso de tres neonicotinoides na primavera e en cultivos en floración. O Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentos e Alimentos (Scopaff) discutiu propostas para establecer unha prohibición xeral, pero non se votou. Espérase que o tema volva estar na axenda a principios de 2018.