Plantón de cinco organizacións ó Consello Forestal

A falta de participación social na planificación das políticas forestais e na estratexia de loita contra os incendios é o motivo esgrimido para non asistir á reunión por parte do Sindicato Labrego, Frouma, Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigos da Terra e Federación Ecoloxista Galega

Plantón de cinco organizacións ó Consello Forestal

Extinción dun incendio forestal. / Arquivo.

A reunión do Consello Forestal de Galicia, que se celebrou hoxe de xeito telemático, produciuse sen a asistencia de cinco das organizacións que integran o Consello, que argumentan a falta de participación social nas políticas forestais e na estratexia de loita contra incendios como motivo para ausentarse do encontro.

O Consello Forestal, un órgano de consulta da Xunta no que participan os distintos axentes do sector, adoita celebrar cada ano unha reunión antes do verán para abordar o Plan de Defensa contra Incendios de Galicia (Pladiga).

É habitual que esa reunión se convirta nunha simple exposición da Xunta, sen posibilidade de que as organizacións sociais fagan aportacións ou alegacións ó documento, pero este ano, a maiores, o Plan xa fora aprobado no Consello da Xunta e difundido nos medios de comunicación, polo que desde o sector interpretábase esta reunión do Consello Forestal máis como “decorativa” que como “consultiva”.

Por ese motivo, cinco das organizacións que participan no Consello, Sindicato Labrego, Frouma, Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigos da Terra e Federación Ecoloxista Galega decidiron non personarse.

En canto ás organizacións que asistiron ó Consello Forestal, a parte de pedir unha maior participación nas políticas públicas, situaron o debate en cuestións de urxencia ligadas á crise de coronavirus.

Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), o seu responsable, Jacobo Feijoo, incidiu na necesidade de que a Xunta se poña ó día nas certificacións de obras e nos pagos de proxectos ligados a subvencións forestais, pois é unha cuestión da que depende a liquidez de comunidades de montes e de pequenas e medianas empresas do sector.

Outro foco de debate estivo nas actuacións de prevención de incendios que ten que acometer a Administración nos montes de xestión pública, pois desde o sector advírtese de que están retrasadas, o que tamén repercute na actividade e liquidez das empresas de servizos forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información