Plantacións de nogueira para producir madeira, manexo e rendibilidade

Esta especie destaca polos altos rendementos económicos que ofrece a súa madeira, pero esixe de bos solos e de tratamentos silvícolas anuais durante os primeiros dez anos. Resumimos as recomendacións que ofrece unha guía sobre a nogueira elaborada pola Asociación Forestal de Galicia

Plantacións de nogueira para producir madeira, manexo e rendibilidade

Plantación de nogueira. / Imaxes: AFG.

A nogueira europea (‘Juglans regia’) adoita estar presente en Galicia a xeito de exemplares illados, adicados á produción de froito. Son especialmente frecuentes en comarcas con afloramentos calizos, como Vila de Cruces (Pontevedra) ou As Nogais (Lugo). Como especie produtora de madeira, un destino non habitual en Galicia, precisa de bos terreos para a súa implantación. Un exemplo de plantacións de nogueiras na comunidade é o caso de Bosques Naturales, con parcelas en Boimorto e Arzúa sobre antigas terras agrícolas.

O alto prezo da madeira de nogueira fai que esta especie teña boas perspectivas de mercado, se ben hai que ter en conta dúas consideracións. Unha, derivada dos turnos de corta da especie, pois con frecuencia as plantacións que se acometan serán cortadas pola seguinte xeneración. A segunda, derivada da ausencia dunha superficie suficiente de plantacións de nogueiras en Galicia, o que dificulta a comercialización de pequenas partidas de madeira.

Resumimos a continuación as pautas para o manexo da especie que ofrece unha guía sobre a nogueira elaborada pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) e que ten como autor principal a Fernando Molina, ex-director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e presidente de honra da AFG.

Hai no mundo unhas 20 especies de nogais, dos que para Galicia son de interese a nogueira europea (‘Juglans regia’), a americana (‘Juglans nigra’) e os exemplares híbridos obtidos a partir de cruces das dúas anteriores.

Nogueira para froito nunha horta, cun solo axeitado para a especie.

Nogueira para froito nunha horta, cun solo axeitado para a especie.

Necesidades
A nogueira é unha especie que busca a luz, polo que non é apta para medrar en masa forestal densa. Require de solos profundos e pouco compactos, abastecidos de auga e humus, pero non aguanta solos encharcados ou cunha capa freática próxima á superficie.

En canto á acidez do chan, o intervalo máis axeitado é entre 6,5 e 7,5 de pH. A especie foxe de solos ácidos. Se o pH é inferior a 5,5 hai que compensalo con enmendas calizas. Son indicadores de terreos pouco apropiados para a nogueira as uces, os toxos e os fieitos, que denotan a presenza dunha acidez alta. Ao contrario, plantas como o sabugueiro, as ortigas e árbores coma o freixo ou o pradairo son indicadores de bos emprazamentos.

A nogueira é esixente en nutrientes, sobre todo no caso de árbores orientadas a froito, que precisan de moito nitróxeno. Resulta conveniente ubicala en bos terreos e con dispoñibilidade de auga.

Repoboación
A elección entre planta grande e pequena nas repoboacións de nogueira sempre é difícil. Xeralmente a planta pequena, ben en raíz núa, ben en contedor, arraiga mellor. Pode empregarse planta grande para tratar de reducir os danos do gando ou da fauna salvaxe, ou para reducir a competencia da vexetación, pero se a planta é grande, a preparación do terreo debe ser coidadosa, normalmente con buracos de gran dimensión.

Se se conta cunha nogueira adulta con boa forma, tamén é unha opción plantala a partir de sementes (noces). Nese caso, o punto de sutura da noz, debe quedar vertical na terra.

Preparación do terreo

A preparación do solo recoméndase facer cando está seco, para evitar a compactación. É aconsellable un subsolado e unha labor profunda. De non ser posibles, a outra opción é o uso dunha pala retroexcavadora para facer buratos de plantación. A mellor época de plantación é a primeira metade do inverno, salvo en zonas húmidas, nas que se pode esperar á primavera.

É importante na plantación non enterrar o colo da raíz, que debe quedar a ras do chan, pois se non se fai así, haberá importantes retrasos no crecemento da árbore. Tamén se aconsella o uso de protectores contra o corzo de alomenos 1,20 metros naquelas zonas nas que estea presente o cérvido.

A nogueira europea recoméndase plantar coa separación definitiva, pois se se fan desmestas, poden orixinarse ataques de fungos desde as raíces mortas dos pés cortados. O marco recomendable, se non se van facer rareos, é de 10×10 metros ou 12×12 metros.

Tanto no intre da plantación como nos seus primeiros anos, aconséllase a execución de abonados.

Tratamentos silvícolas

A especie é esixente en coidados culturais do solo e da parte aérea. Durante os 2-3 primeiros anos, haberá que eliminar a herba que estea a menos dun metro da nogueira. Pódense empregar herbicidas ou cubrir o chan cun plástico negro ou cun mulching vexetal.

Nogueira de froito, con pólas a escasa altura que impiden un uso para madeira.

Nogueira de froito, con pólas a escasa altura que impiden un uso para madeira.

Hai a posibilidade de facer cultivos intercalados coa nogueira, como o millo, que benefician á árbore polos fertilizantes aplicados e que reducen os custos de control da vexetación competidora.

Os amplos marcos de plantación esixen prestar atención á poda, que debe ser anual se se quere obter madeira de calidade. O obxectivo sitúase en lograr dúas primeiras toradas (ata 6 metros) libres de nós. Para iso, durante os primeiros anos hai que ir cortando todas as polas no primeiro terzo da árbore e tamén aquelas que teñan máis de 3 centímetros de diámetro.

Simultaneamente, as podas deben procurar o mantemento dunha copa equilibrada e ben desenvolvida, fundamental para que o tronco non críe ladróns e peche as feridas da poda.

Ao medrar a árbore, as podas poderanse facer ata a metade da súa altura, pero cortando as pólas sempre antes de que o tronco supere nese punto os 10 centímetros de diámetro.

A época recomendada para a poda da nogueira é de mediados de xuño a mediados de xullo. Tamén se pode facer a comezos da primavera, antes de que a árbore agrome, pero aumenta o risco de aparición de ladróns.

Cando unha planta está mal formada, non podendo ser correxida con podas de formación, pode receparse, cortando o tronco un par de centrímetros por riba do colo da raíz.

Unha pregunta habitual entre os silvicultores é sobre a posibilidade de plantacións mixtas, cun uso para froito e para madeira, se ben non se aconsellan, tendo que optar por unha ou outra orientación.

Produción e rendemento económico

Un bo obxectivo para unha plantación pode ser a produción de un ou dous toros de gran calidade para chapa plana ou aserrado. Unha troza cun diámetro de 70 centímetros e 3,5 metros de lonxitude representa un metro cúbico de madeira. De ser madeira de calidade apta para chapa, o seu prezo no mercado pode acadar os 3.000 euros. Coa nogueira europea, pódense precisar uns 70 anos para acadar unhas primeiras trozas destas dimensións, se ben coa nogueira híbrida os prazos baixan.

Unha troza de 70 centímetros de diámetro apta para chapa pode superar os 3.000 euros por metro cúbico

No caso de diámetros aptos para serra, superiores a 30 centímetros -acadables ós 40 anos coa nogueira europea-, os prezos poden oscilar entre 300 e 750 euros / metro cúbico.

Ese rendemento pode compensar os elevados gastos que esixe o mantemento dunha plantación de nogueiras, pois hai que ter en conta factores como a preparación do terreo, plantas, tubos protectores, rozas e herbicidas, fertilización a primeira década, así coma podas anuais de formación e de calidade do fuste durante uns 10 anos. Os gastos precisos superan os 4.000 euros por hectárea, pero o retorno que se agarda fai que unha plantación de nogueira poida ser un bo investimento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información