Plantación dunha devasa natural con érbedos en Mouriscados, na celebración do Día da Árbore

Medio cento de escolares do CEIP Antonio Blanco, de Covelo, participan nos traballos, que buscan fomentar a biodiversidade e previr incendios

Publicidade
Plantación dunha devasa natural con érbedos en Mouriscados, na celebración do Día da Árbore

Plantación de érbedos en Mouriscados. / Imaxes: AFG.

Un grupo de arredor de medio cento de escolares do CEIP Antonio Blanco (Covelo, Pontevedra) colaboraron coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados (Mondariz) e coa Asociación Forestal de Galicia na plantación de 60 érbedos no monte demostrativo de Mouriscados. A xornada, coa que se trata de promover a educación ambiental do estudantado, serviu para celebrar o Día da Árbore.

A plantación de 60 érbedos no monte veciñal planificouse nunha franxa que actuará como devasa natural para a prevención de incendios. En paralelo, os érbedos producen uns froitos moi apetecibles para paxaros e outra fauna, polo que ese espazo funcionará tamén como un pequeno bosque comestible.

A celebración do Día da Árbore no monte demostrativo de Mouriscados orientouse a divulgar entre o estudantado os beneficios ambientais que xeran o monte e a propia actividade forestal. Coa plantación de érbedos comprobaron como previr os incendios dun xeito activo e coñeceron como comunidades de montes e propietarios forestais se preocupan por aumentar a biodiversidade dos seus terreos, que lle prestan unha serie de servizos ecosistémicos ó conxunto da sociedade.

Sobre o monte demostrativo de Mouriscados
O monte demostrativo de Mouriscados, de 315 hectáreas, está situado no concello de Mondariz (Pontevedra) e une patrimonio natural, cultural e histórico nunha contorna excepcional para a práctica de sendeirismo.

É un proxecto impulsado pola Asociación Forestal de Galicia, conxuntamente coa comunidade de montes veciñais en mancomún de Mouriscados, para acometer a restauración do monte con obxectivos de divulgación ambiental.

O monte conta con múltiples áreas de importante valor ambiental: bosquetes de especies autóctonas (carballos, salgueiros e castiñeiros, entre outras) en aproximadamente 35,95 hectáreas. Polo monte transcorre o río Xabriña, curso de auga emblemático na comarca, con zonas dunha alta calidade na vexetación de ribeira.

A Asociación Forestal de Galicia está colaborando coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados, propietaria do espazo, na xestión do monte e na restauración con coníferas e frondosas caducifolias de áreas afectadas por un incendio forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información