A empresa InLeit Ingredients, filial galega de Lácteos Industriales Agrupados (LIASA), informa de que pechou o ano 2021 cunha facturación de 123,3 millóns de euros e máis de 262 millóns de litros de leite procesados, todos procedentes de ganderías galegas.
A facturación duplicou a alcanzada en 2020, un resultado por riba do previsto pola compañía a inicios de ano, tendo en conta as dificultades do mercado. Con todo, a fortaleza das exportacións a case 40 países, que significaron máis dun 65% dos ingresos, e os bos resultados na comercialización de produtos transformados (que xa constitúen o 80% da produción total da planta) permitiron pechar o ano cunha cifra á alza. A evolución positiva tamén vén determinada por unha maior cantidade de leite procesado, un 30% máis que o ano anterior.
Ademais, INLEIT destaca que “o prezo medio de pago aos gandeiros durante 2021 situou á empresa por riba da media nacional”.
Gran parte das vendas realízanse ao exterior, tanto á UE como a Asia, África, América e Oriente Medio. Neste apartado, a estimación é que o volume de negocio procedente do mercado internacional siga medrando, tras ampliar a súa certificación de calidade e seguridade alimentaria internacional.
Prevé crecer un 20% este ano
Para o exercicio 2022, InLeit estima aumentar nun 20% a cifra de negocio da compañía con respecto a 2021 e incrementar substancialmente a cantidade de leite procesado, chegando a peche de 2022 aos 320 millóns de litros.
Inleit recolle en Galicia leite a 226 explotacións gandeiras particulares ás que se suman, de modo indirecto, ao redor de 120 máis, a través da compra ao tres grandes cooperativas Leitenoso, Clun e Aira.
Ademais, a empresa láctea seguiu un ritmo ascendente na creación de emprego, chegando a pechar o exercicio cun persoal de 174 persoas, o que significa un 55,3% máis de persoal desde a súa posta en marcha, en 2020. Máis da metade do persoal conta con alta cualificación e o 42% son mulleres.
Resultados positivos
A pesar da situación derivada polo COVID, a capacidade da empresa para adaptarse ás circunstancias permitiu pechar o exercicio cunha redución substancial das perdas do ano anterior, alcanzando un Ebitda lixeiramente positivo por primeira vez desde o inicio das súas actividades.
Así, o resultado de InLeit mellora a súa posición dentro da matriz, que tivo un resultado positivo en 2021 mellorando sensiblemente o do ano anterior.
Innovación e economía circular
Cunha superficie construída de máis de 12.000m² e máis de 700m² dedicados exclusivamente ás actividades de I+D, a factoría de InLeit supuxo un investimento inicial próximo aos 120 millóns. A ela súmanse dous novos proxectos, cun investimento de preto de 21 millóns de euros, que permitirán novas actividades da empresa no concello de Curtis.
A primeira delas, planta piloto destinada á síntese e á obtención de novos ingredientes lácteos, xa está finalizada e en período de probas. Prevese que poida ser o xerme dun Hub de innovación para o sector.
A segunda está dirixida á elaboración de emulsións graxas e, para iso, o grupo lácteo está a executar xa o proxecto, cun investimento superior aos 16 millóns de euros. Coa posta en marcha desta nova fase, a compañía prevé pechar o círculo de todo o proceso no mesmo recinto, cunha aposta pola economía circular.