A fábrica de pasta soluble e lyocell que a pasteira portuguesa Altri pretende construír en Palas de Rei consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que equivale a unha de cada 10 toneladas de madeira que se corta nos montes galegos (10 millóns de metros cúbicos o ano pasado, a metade, eucalipto).
Con esa materia prima, o complexo industrial, que ocupará unha parcela de máis de 200 hectáreas, fabricaría unhas 200.000 toneladas anuais de pasta soluble (DWP), que é a materia prima para diversas fibras textís, entre elas o lyocell, segundo detallou este martes en Lugo o director xeral da compañía, José Soares de Pina, nunha rolda de prensa acompañado polos conselleiros de Medio Rural, José González, e de Economía, Francisco Conde, que destacaron a “oportunidade” que supón para desenvolver o sector forestal galego, pechando o ciclo produtivo.
A planta precisa dun consumo de entre 3,5 e 4 metros cúbicos de madeira para fabricar unha tonelada de lyocell
“No mundo xa se consomen bastantes millóns de toneladas de madeira transformadas en fibras textís e é un sector cun importante potencial de crecemento nun mercado que evoluciona cunha dinámica extraordinaria”, asegurou Soares de Pina, que destacou que se trata dun proxecto “referente a nivel mundial”, dixo, porque non hai ningún complexo neste momento que cubra todo o proceso desde a madeira cortada até o produto final.
A produción irá destinada tanto a fábricas de roupa de Galicia e o norte de Portugal como ao mercado internacional (Marrocos, Turquía)
A ubicación da planta de fabricación en Galicia busca proximidade tanto de acceso á materia prima como de comercialización da produción. “Temos o único cluster téxtil que queda en Europa e temos que aproveitalo”, asegurou o responsable de Altri, que considerou o proxecto “estratéxico para Galicia e a península ibérica”.
Producindo en 2025
A planta comezaría a construírse o vindeiro ano e estaría xa producindo dous anos máis tarde, segundo o calendario previsto, aínda que o responsable da empresa advertiu que “son proxectos moi complexos que requiren da certidume dunha serie de variables, pero neste momento de acordo coas nosas expectativas a finais de 2024 ou principios de 2025 estariamos empezando a producir se todo vai ben. Neste tipo de proxectos sempre hai imprevisibles, pero estamos planeando todo neste sentido”, asegurou.
Altri confía en que entre o 25 e o 30% dos 800 millóns de euros que custa a planta procedan dos fondos Next Generation
A decisión definitiva de investir ou non os 800 millóns de euros que require a construción da planta será tomada a finais deste ano e nela, o acceso aos fondos europeos Next Generation podería ser determinante. “Confiamos en captar unha parte importante de recursos, entre un 25 e un 30% do investimento total necesario, en función do encaixe que teña o proxecto dentro dos criterios de baremación que se fixen, pero sorprenderíanos moito non ter acceso a eses fondos”, afirmou Soares de Pina.
Medio metro cúbico de auga doce por segundo
A empresa estudou 46 posibles ubicacións en Galicia, 31 delas na provincia de Lugo, antes de decantarse por Palas de Rei. Tendo en conta que o 85% das cortas de madeira de eucalipto de Galicia teñen lugar no norte das provincias de Lugo e A Coruña, tanto A Mariña como As Pontes foron algunhas das opcións baralladas, aínda que descartadas finalmente por non cumprir con algún dos condicionantes técnicos da escolla.
A proximidade á materia prima non é tan determinante coma o acceso garantido a auga doce en cantidade suficiente
“A Mariña foi unha das zonas estudadas desde o inicio. Hai bastantes criterios importantes, pero a proximidade á materia prima non é determinante, mentres que o acceso á auga doce é algo básico e crítico. Revisamos os datos históricos e na Mariña non conseguimos garantir o subministro de auga doce con caudal suficiente 7 días consecutivos sen colocar en perigo o abastecemento doméstico. Se miramos aos datos históricos dos últimos 10 anos teriamos cerca dun 20% do tempo que non se podería cumprir cos requisitos da planta, que precisa medio metro cúbico por segundo”, detallou Soares de Pina. Na zona do río Ulla, por contra, mapeando datos históricos habería dispoñibilidade, dixo. “Iso foi determinante”, insistiu.
Non condicionados por Ence
A proximidade a outras plantas, caso da de Ence en Navia, non foi un factor determinante, asegurou Soares de Pina, para descartar a ubicación da Mariña. Tampouco considera relevante a continuidade ou non de Ence en Pontevedra para o futuro do proxecto. “A decisión vai ser con base ao acceso que podemos ter ao recurso dispoñible, non o que poidan facer outros competidores”, asegurou.
Estudáronse ubicacións en tres provincias: A Coruña, Lugo e Pontevedra
A compañía lusa posúe actualmente tres fábricas de pasta de papel en Portugal cunha capacidade para producir anualmente un millón de toneladas e dá emprego directo a 750 persoas.
Impacto ambiental e paisaxístico reducido
En Galicia, Altri estudou posibles ubicacións en Pontevedra, Lugo e A Coruña, onde se barallou a posibilidade das Pontes. Sen embargo, neste caso descartouse polo nivel de protección do río Eume e as Fragas do Eume. “É unha zona sensible desde o punto de vista ambiental”, argumentou.
O argumento do impacto sobre o río Eume non serve sen embargo para a conca do Ulla, segundo o criterio de Altri. No caso de Palas de Rei, Soares descartou impactos relevantes sobre o territorio, tanto desde o punto de vista patrimonial e paisaxístico, polo paso do Camiño de Santiago, como sobre o río Ulla. “O impacto ambiental vai ser moi reducido”, dixo.
A posta en funcionamento da planta implica a construción de infraestruturas para captar e devolver auga ao río Ulla
A posta en funcionamento da planta implica a construción de infraestruturas para captar e devolver posteriormente auga ao río Ulla e prevense medidas para reducir o consumo e a afectación sobre o caudal do río. “A captación de auga vaise facer augas abaixo da planta para aproveitar a que resulta da recirculación da planta, e estableceranse medidas para minimizar o consumo de auga. Nalgunhas das nosas plantas xa temos recirculando cerca dun 20% da auga nalgúns dos complexos e neste proxecto estamos plantexando ter un nivel de recirculación sensiblemente maior”, avanzou.
O tratamento que se dá á auga é tecnoloxía limpa que nos permite reutilizala no proceso. O impacto vai ser moi pequeno
Tamén asegurou que as emisións á atmosfera serán “adecuadas”, con medidas para minimizar as emisións de carbono e aproveitar parte desas emisións para xerar enerxía para a propia planta. “A maior parte das emisións son de vapor de auga, ao igual que as das plantas de celulosa, e nós tentamos minimizalas porque é enerxía perdida. Por iso, usar a menor cantidade de auga posible supón menor pérdida en emisións”, razoou.
“A fibra textil sostible esixe que a madeira estea certificada; este proxecto tennos que axudar a avanzar na certificación dos nosos bosques”
O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou o impacto positivo que a planta de Altri vai ter no monte galego. “Partimos dun recurso propio de Galicia, onde se producen o 50% das cortas de toda España, que supoñen máis de 10 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano e temos aínda potencial de crecemento, así llo trasladamos a Altri”, explicou José González.
“Este proxecto vén pechar o ciclo da madeira en Galicia e ten que contribuir á sostibilidade do recurso porque toda a materia prima ten que proceder de montes ordenados. É fibra textil sostible e esixe que a madeira estea certificada, polo que tennos que axudar a avanzar na certificación dos nosos bosques, dentro do Plan Forestal 2021-2040”, argumentou o conselleiro, que confiou en que o investimento de 800 millóns de euros traia consigo tamén o desenvolvemento de industria auxiliar no eido forestal.
Este é un caso de éxito de colaboración público-privada, un exemplo da Administración amigable que tratamos de impulsar
José González explicou que a materia prima que a planta de Altri vai consumir é fundamentalmente madeira de eucalipto, “pero hai a posibilidade de utilizar outros mix de especies e tamén aproveitar residuos téxtiles, que se poderían reaproveitar neste proceso”, indicou.
“Esta planta non ten parangón a nivel mundial, porque se pecha o ciclo e está cerca de onde se produce a madeira, polo que é financiable con fondos Next Generation porque cumpre dúas condicións: sustentabilidade e economía circular”, defendeu.
Tramitación administrativa exprés
Os responsables da Xunta insistiron en que o proxecto presentado “cumpre todos os requisitos que nos pide a UE para o acceso aos fondos Next Generation”. Así o indicou o vicepresidente e conselleiro de Industria, Francisco Conde.
“Lograr fondos europeos vai servir para garantir a súa viabilidade financieira. Cumple cos criterios establecidos pola Comisión Europea e é un proxecto que xa coñece o Goberno de España porque foi un dos proxectos priorizados pola Xunta diante do Ministerio de Economía, tal como lle trasladei a semana pasada á vicepresidenta Nadia Calviño, coa que temos prevista unha xuntanza”, explicou.
Esta biofábrica de fibras textís vai xerar valor en toda a cadea monte-industria e pechar o ciclo do monte en Galicia
“Temos unha enorme oportunidade e a confianza que está trasladando Altri a Galicia ten que ser correspondida polas Administracións e que todas podamos colaborar para que este proxecto de enorme impacto na transformación forestal de Galicia poda culminar con éxito porque esta biofábrica de fibras textís vai xerar valor en toda a cadea monte-industria e pechar o ciclo do monte en Galicia”, afirmou o vicepresidente económico da Xunta.
Altri vai ter toda a colaboración por parte da Xunta para que este proxecto poida culminar con éxito
Unha vez identificada a ubicación e en paralelo á captación de fondos europeos, o proxecto entra na fase de tramitación dos permisos administrativos necesarios para a construción da planta. Utilizarase por primeira a figura de Proxecto Industrial Estratéxico, creada para axilizar a tramitación de proxectos de máis de 20 millóns de euros de investimento e máis de 100 postos de traballo. “Vai permitir a redución dos prazos á metade, incluída a avaliación de impacto ambiental e patrimonial e a tramitación urbanística para a súa construción”, avanzou Francisco Conde.
A sociedade Impulsa Galicia, creada despois da pandemia da covid-19 e participada maioritariamente pola Administración galega xunto con Abanca, Reganosa e Sogama está a “acompañar e axudar” a Altri en todo o proceso de tramitación.
Procederemos de maneira inmediata ao inicio da tramitación administrativa, reducindo os prazos á metade
O complexo que pretende construír Altri sitúase a 2 km do Camiño de Santiago pero o vicepresidente da Xunta descartou que isto poida botar para atrás o proxecto. “A tramitación incluirá os informes preceptivos e analizarase e avaliarase os diferentes impactos e no seu caso solicitarase á empresa as correccións precisas porque o complexo ten que adaptarse aos requerimentos ambientais e patrimoniais, pero hai vontade da empresa de cumplir e da Administración de ser garantista”, concluíu.