A planta de biomasa de Curtis consumirá só restos forestais

O grupo García Forestal ultima a tramitación dos permisos administrativos que require a instalación. Prevé resolver a licitación das obras no mes de xullo

A planta de biomasa de Curtis consumirá só restos forestais

Restos de corta empacados para o seu transporte.

A central de produción eléctrica con biomasa que se instalará en Curtis consumirá só restos forestais de corta. Así o asegura o xerente do grupo García Forestal, Manuel García, que descarta por completo as especulacións sobre o posible uso na planta de puntal de piñeiro ou eucalipto.

“Só empregaremos restos forestais de corta. É un recurso que existe en cantidade máis que suficiente en Galicia e que non está posto en valor”, destaca Manuel García. “Por outro lado, a retribución que percibiremos pola enerxía producida fai inviable que merquemos madeira”, advirte.

“A retribución que percibiremos pola enerxía fai inviable o uso de madeira”

A planta de biomasa prevista para Curtis contará cunha potencia instalada de 50 megawatios (MW) -similar a un parque eólico de tamaño medio- e consumirá entre 400.000 e 500.000 toneladas de biomasa ao ano. García Forestal está a ultimar agora a tramitación da autorización ambiental e doutros permisos administrativos. O proceso de adxudicación das obras da planta, para a que cinco empresas presentaron ofertas, resolverase este verán, segundo estima Manuel García.

“Os restos de corta pasarán de ser un custo para o propietario a un beneficio”

En Galicia córtanse cada ano uns 8 millóns de toneladas de madeira. Ese volume xera arredor de 1,5 – 2 millóns de toneladas de restos de corta (pólas, casca), segundo calcula García Forestal. “Como moito, nós precisaremos un terzo dos restos forestais, así que as nosas necesidades están máis que cubertas”, valora Manuel García.

O grupo García Forestal, que é un dos grandes suministradores peninsulares de madeira (piñeiro, eucalipto) para a industria forestal e de pasta de papel, conta con abastecerse dos restos de corta a partir das súas propias compras de madeira no monte, así como dos acordos ós que poida chegar cos 150 proveedores cos que traballa.

“Resolvémoslle un problema ao propietario. A xestión dos residuos forestais implica agora un custo de 3 euros por tonelada”

O xerente de García Forestal, Manuel García, destaca o beneficio que representará o traslado dos residuos forestais á planta. “Resolvémoslle un problema ao propietario. Por lei, os restos forestais teñen ou ben que retirarse do monte ou ben triturarse. Iso representa un custo de arredor de 3 euros por tonelada de residuos, que é un gasto que lle evitaremos ao propietario. Co consumo que temos previsto na planta, no entorno de 500.000 toneladas, aforrarémoslle aos propietarios 1,5 millóns de euros ao ano”.

Os residuos forestais, ademais, terán un prezo por concretar na planta, polo que Manuel García considera posible que o beneficio extra que representarán os restos de corta lle permita ao madeireiro mellorar as súas ofertas en monte. “O lóxico é que ese beneficio repercuta en cadea ata chegar ao paisano”, valora.

Una idea sobre “A planta de biomasa de Curtis consumirá só restos forestais

  1. Gundemunde

    E todo o eucalipton Nitens que lle chegue, xa o veredes, e a prezos moi baixos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información