Plans de loita biolóxica no 2018 contra as pragas do eucalipto e do castiñeiro

Medio Rural está a colocar no monte unhas 10.000 bolsas de ovos parasitados polo ‘Anaphes nitens’, o insecto que combate o gorgullo. Para loitar contra a avespiña do castiñeiro, prevé soltar 790.000 exemplares de ‘Torymus sinensis’, a metade do anunciado

Plans de loita biolóxica no 2018 contra as pragas do eucalipto e do castiñeiro

Colocación en Boqueixón de bolsas con ootecas parasitadas para combatir o gorgullo do eucalipto.

A Consellería do Medio Rural ten previsto adicar este ano 4,2 millóns de euros á loita contra as pragas que afectan ó monte galego. Os principais esforzos céntranse no gorgullo do eucalipto, un insecto que come as follas das árbores, e na avespiña do castiñeiro, unha praga que nos últimos anos se expandiu practicamente a toda Galicia.

Para enfrontar a avespiña do castiñeiro, a Administración anuncia agora que ten previsto liberar no monte 790.000 exemplares de ‘Torymus sinensis’, o insecto que a combate. No outono pasado, as previsións da Xunta pasaban pola solta no 2018 de 1,6 millóns de insectos, se ben finalmente a cantidade será a metade. Con todo, son cifras moi superiores ás dos últimos anos, pois no periodo 2015-2017 soltáronse en total só 200.000 exemplares de ‘Torymus sinensis’ en Galicia polas limitacións decididas desde o Ministerio de Agricultura.

Contra o gorgullo do eucalipto, Medio Rural está a colocar no monte 10.000 bolsas de ootecas (depósitos de ovos) parasitadas polo ‘Anaphes nitens’, o insecto que combate ó gorgullo do eucalipto (Gonipterus platensis). A conselleira, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, asistiron onte á colocación de bolsas en Sergude (Boqueixón), na comarca de Santiago.

O esforzo de soltas de ‘Anaphes nitens’ no 2018 é similar ó de anos anteriores. A loita biolóxica compleméntase co inventario permanente de 174 parcelas de mostraxe para o estudo do defoliador e do seu parasito. Realízanse prospeccións semanais, co fin de coñecer con precisión a súa área de distribución, dinámica poboacional, evolución dos seus ciclos biolóxicos anuais e graos de defoliación, así como para avaliar os niveis de parasitación de Anaphes nitens.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou no acto de Boqueixón que, en conxunto, o seu departamento case duplicou a partida económica destinada a problemas de sanidade forestal, que este ano é de 4,2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información