“A planificación de partos permítenos ter ingresos estables ao longo do ano”

Coñecemos a gandaría Cabanelas Inversiones, especializada en produción de vacún de carne e pertencente á Asociación de Criadores de Rubia Galega

“A planificación de partos permítenos ter ingresos estables ao longo do ano”

Vacas rubias pastando nos pastos da gandaría Cabanelas Inversiones

A historia da sección gandeira da empresa Cabanelas Inversiones está estreitamente vinculada á paixón pola Rubia galega dun coñecido empresario, que no 2011 decidíu cumplir un dos seus maiores soños. El prefire manterse no anonimato para evitar protagonismos, pero dous dos seus traballadores falaron con Campo Galego para explicar algunhas das peculiaridades do manexo do vacún de carne desta granxa situada no concello coruñés de Toques, que ademais forma parte da Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga).

A día de hoxe, Cabanelas conta con arredor de 115 cabezas de rubia galega asentadas nunha base territorial de 70 hectáreas, adicadas principalmente a pastos e cultivo de millo para ensilado. “As vacas están a maior parte do tempo libres. Agora fixemos unha nova nave bastante grande na que poden entrar e saír cando queiran”, explica Javier Sánchez, o granxeiro que máis convive cos animais.

Na gandaría Cabanelas Inversiones teñen a produción estruturada arredor dos nove meses de cría para comercializar baixo o selo de Ternera Gallega

Como método, cando van nacendo os tenreiros, déixaos permanentemente entre quince e trinta días coas nais e logo xa comezan a incorporar unha ración complementaria na corte: “Tódalas mañás van chegando as nais para dárenlle de mamar ás crías e logo xa volven para o pasto”, engade. De feito, ás vacas recén paridas danlle unha ración máis grande de penso para fomentar a produción de leite para os tenreiros que, doutro xeito, sería insuficiente.

Nese período de engorde, as crías están mamando, aproximadamente, ata os sete meses. Dende ese momento, comezan a complementar a alimentación con pensos ata que se volve a súa única fonte de nutrientes. “Temos estruturado xa toda a loxística para que estean con nós ata os nove meses para comercializar baixo o selo de Ternera Gallega”, explica Javier Sánchez, que leva arredor de oito anos coidando ao rabaño.

Vacas rubias da gandaría Cabanelas Inversiones

Vacas rubias da gandaría Cabanelas Inversiones

Planificación de partos e a estabilidade produtiva

Dun tempo a esta parte, nesta granxa coruñesa teñen implementadas tecnoloxías para a xestión eficiente de partos. Incorporaron avisadores de parto para gando bovino, unha tecnoloxía en auxe entre as explotacións extensivas como a de Cabanelas. Trátase dun sensor non invasivo que se coloca na cola do animal unha semana antes do parto. Pode prever con gran precisión cando a vaca terá a cría, medindo os patróns de movemento da cola provocados polas contraccións do parto. Cando as contraccións alcanzan certa intensidade e repítense con máis frecuencia, o sensor envía un aviso a un teléfono móbil, aproximadamente unha hora antes do parto. “Nunha granxa como a nosa na que as vacas están tan libres e, moitas veces, lonxe de nós, esta tecnoloxía permítenos actuar do xeito máis rápido posible”, explica o gandeiro Javier Sánchez.

Unha das implementacións tecnolóxicas que máis agradeceron na granxa foi a dos avisadores de parto. Grazas a eles, teñen a capacidade de responder con tempo e planificar adecuadamente as acción ás necesidades dos animais

Ademais, para buscar unha estabilidade financeira que non dependa da estacionalidade do mercado, en Cabanelas planifican os partos e a cría de tal xeito que se distribúan no tempo do xeito máis homoxéneo posible: “A planificación de partos permítenos ter ingresos estables ao longo do ano, pero aínda temos moito que avanzar nese camiño. En temporadas de menor produción, no mercado pode chegar a venderse arredor de 50 céntimos máis o kilo”, explica Javier.

En canto á selección xenética, Javier explica que sempre traballan con touros propios, que tamén é un dos xeitos que teñen de reducir costos: “Contamos cun animal de gran porte para as vacas xa maduras e un cunha envergadura máis miúda para facer o seu coas novillas. Buscamos esa estabilidade na relación de tamaños. Se non o fas así, o máis probable é que haxa dificultades serias nas últimas semanas de preñez e á hora do parto”, explica.

Vacas rubias da gandaría Cabanelas Inversiones

Vacas rubias da gandaría Cabanelas Inversiones

Unha rendibilidade moi axustada

A propósito da relación entre custos e prezos de venda da carne, nesta gandaría de Toques recoñecen ir moi xustos. “Nós temos toda a ferramenta integrada na granxa. É dicir, tratamos de depender o mínimo posible de subcontratacións e é xusto por iso, porque os custos van ao límite. Sementamos e colleitamos nós, por exemplo. Todo para intentar reducir os custos fundamentais á mínima expresión”, asegura o granxeiro de Cabanelas. 

Cun rabaño de 115 cabezas, tres empregados e arredor de 70 hectáreas, os traballadores recoñecen que a rendibilidade é mínima. Porén, as instalacións están equipadas cunha grande inversión tecnolóxica e o benestar dos animais é óptimo

“As marxes de rendibilidade da granxa son mínimas”, explica José Ramón Camino, responsable da contabilidade da explotación. “Temos unhas instalacións envidiables e moi novas. A xente que nos visita sempre queda alucinada”, engade. “Pero hoxe en día é moi complexo sacarlle rendemento a este tipo de negocios. Sen os cobros da Política Agraria Común xa sería directamente imposible”, explica José Ramón, que fai fincapé en que para o propietario a granxa non é, nin moito menos, a súa principal fonte de ingresos. “Con 115 vacas, 70 hectáreas e tres empregados é moi difícil que os números cadren, máxime cos prezos que se están a pagar no mercado e o encarecemento das materias primas. Hoxe vas por un quilo de bistecs á carnicería e váleche case o mesmo que hai vinte anos”, lamenta o responsable das contas de Cabanelas.

Os traballadores de Cabanelas quéixanse do axustados que están os prezos fronte os custos de produción

Dende esta granxa da provincia da Coruña recoñecen que é complexo conseguir vender un becerro por 1.000 euros: “Esos son casos contados, hai moitos máis que baixan de esa cantidade dos que a superan. Son números doados de facer. Aínda que saques 70 tenreiros ao ano, non das cuberto nada. Que vas facer con 70.000€ brutos? É imposible. Quizáis nas explotacións familiares nas que traballan sen horarios nin festivos, poden defenderse. Se a profesionalizas con empregados e tecnoloxía punteira é pouco viable”, afonda José Ramón Camino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información