Hai pouco máis dun ano, na Finca Mouriscade, dependente da Deputación e situada en Lalín (Pontevedra), poñíase en marcha un Plan de Reactivación da gandería, unha estratexia para volver situar a Mouriscade como referente en mellora xenética de vacún de leite, non só a nivel autonómico senón estatal. As primeiras medidas impulsadas nestes meses, así como os resultados que están a lograr foron algúns dos temas que abordou o xefe de sección de gandería da Finca e veterinario, Héctor Martínez Sanz, durante a súa presentación do proxecto nos XVI Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, celebrados na capital do Deza.
A mellora xenética por transferencia de embrións volve ser a aposta para a Granxa de Mouriscade, un camiño no que agora botan tamén man doutras ferramentas como a xenómica, coa que acurtar prazos e afianzar resultados. O traballo con embrións de alto valor xenético foi a vía coa que o centro conseguira no 2010 e 2011 situarse como número un no índice ICO en España e co Plan de Reactivación buscan recuperar esas posicións para proporcionar material xenético de calidade ás granxas galegas.
“Imos seguir coa compra de material xenético co que producir embrións nunha cantidade suficiente para atender a demanda das ganderías da provincia”
“A xenética segue a ser a vía para mellorar a eficiencia das ganderías de vacún de leite, non debemos escapar dela. Dende Mouriscade imos seguir cun plan de mellora xenética, coa compra de material xenético co que producir embrións nunha cantidade suficiente para atender a demanda das ganderías da provincia”, explica Héctor Martínez.
Selección do material xenético
Nesta nova etapa Mouriscade segue cos embrións, ó considerar que é o camiño para avanzar na mellora xenética nas ganderías, xa que a diferenza da adquisición de animais, con este método redúcese o risco de infeccións, custos de transporte e de compra. Ademais, evítanse as corentenas e lógrase unha maior selección e adaptación dos animais.
A xenómica, a análise do ADN para coñecer as aptitudes do animal, é a outra gran aposta do centro. Martínez destaca que este método permite detectar non só os animais máis valiosos da granxa senón tamén os peores para poder eliminalos, así como os xenes indesexables. Ademais, esta análise permite coñecer o potencial xenético nas xatas e os seus puntos febles para poder corrixilos nos cruzamentos. “A xenómica permítenos mellorar a taxa de ganancia xenética e reduce o intervalo xeracional”, destaca.
Na selección de material xenético prestaron atención ós índices xenómicos nacional, americano e canadense para lograr os mellores animais
Na procura de animais cunha destacada xenética, Mouriscade fixouse tanto no mercado nacional como internacional á hora de comprar material xenético. “A nosa premisa é conseguir os mellores embrións e para iso estamos mirando índices xenómicos nacionais (GICO), pero tamén outros destacados a nivel mundial, como o americano (GTPI) e o canadiense (GLPI)”, detalla.
Martínez apuntou que decidiron ter en conta non só os índices nacionais senón outros referentes mundiais polas diferenzas que comezan a observarse entre uns e outros. “Sendo índices moi semellantes (porque ambos buscan conformación, saúde e produción) hai criterios moi diferentes e non podemos obviar o que están a facer americanos e canadenses”, apunta.
O índice americano pasou a puntuar negativamente o carácter leiteiro dunha vaca, que antes era un valor apreciado. Agora considérase que son vacas menos lonxevas
Así, os americanos están a valorar cada vez menos a produción de leite e priorizan a obtención dos sólidos (graxa e proteína), ambos ó mesmo nivel. No índice americano (TPI) están a incluírse valores novos como a eficiencia alimenticia, significativa para a rendibilidade económica da granxa, ou a docilidade dos animais, o que facilita o manexo na granxa.
No índice americano mesmo hai características que puntúan negativamente, como o carácter leiteiro, que ata hai uns anos era un valor moi apreciado. “O carácter leiteiro está xa a valorarse como negativo, ó considerar que son vacas menos lonxevas. Este cambio dá conta de como evoluciona a percepción no sector”, comenta o veterinario, ó tempo que incide sobre a importancia de ter presente estes cambios. Ademais, no índice americano a fertilidade está a ser un dos aspectos máis destacados.
Na selección xenética están a incluír as caseínas pola importancia que están a ter no mercado
A selección do material xenético tamén está ligada ás caseínas, dada a importancia que están a ter estas proteínas de alto valor biolóxico no mercado lácteo. “Tanto as beta caseínas A2A2 como a Kappa caseínas BB están a marcar diferencia no prezo que pagan algunhas industrias, polo que poden ser tamén de interese para as ganderías”, concreta Martínez.
Primeiros resultados
Nestes primeiros meses dedicouse unha partida de 45.000 euros á adquisición de material xenético co que lograron 30 xestacións de alto valor xenético. A nivel internacional adquirírono a través da firma Boviteq, filial de Semex en Canadá, que conta cun destacado programa de cría de touros e tenreiras de alto valor engadido. En concreto adquiriron un total de 42 embrións e lograron unha alta taxa de preñez, case do 60%.
No ámbito nacional apostaron por incorporar material xenético de destacados animais como Channel, unha vaca nacida no 2019, cun gran valor xenético e que proporcionou xa 4 touros que están repartidos en centros especializados, como o de Xenética Fontao, que adquiriu 3 deles. Ademais, conta cunha alta puntuación en valores como a lonxevidade.
Nestes últimos meses do ano están xa a nacer as primeiras crías deste novo ‘rabaño de elite’ a disposición do sector.
Outras liñas de traballo
Parellas a estas medidas, no marco do Plan de Reactivación tamén se levaron a cabo outros cambios na xestión da granxa. Un dos máis significativos foi a redución considerable da produción e venda de leite dende esta gandería. “Estase producindo só o mínimo posible de leite en base ás necesidades para poder levar a cabo o plan de mellora xenética”, apunta Martínez. A produción de leite dende a granxa foi unha das cuestións máis criticadas nos últimos anos por gandeiros e entidades do sector, ó reprochar que a granxa, simbolicamente, exercía competencia directa cos produtores da provincia.
“En Mouriscade imos ter só aqueles animais que sexan de gran utilidade para o sector”
Para reducir a cantidade de leite estase realizando unha selección estrita de animais e véndense mediante poxas aqueles que non cumpren cos criterios fixados. “En Mouriscade imos ter só aqueles animais que sexan de gran utilidade para o sector”, apunta o veterinario.
Ademais da xenética, outra das vías sobre a que están a traballar na Granxa Mouriscade é a eficiencia alimentaria, para lograr producir o mesmo leite ou mesmo incrementar a produción cun menor consumo de materia seca. “Pénsase que a eficiencia alimentaria non tardará en incorporarse nas probas xenómicas en España, polo que nós xa estamos traballando tendo presente a importancia que ten para as ganderías”, comenta Martínez.
En colaboración con Conafe están a realizar un estudo sobre a eficiencia alimentaria no vacún de leite
Na Granxa Mouriscade están a realizar ensaios neste campo en colaboración con Conafe. Os traballos céntranse no seguimento da inxesta que fan os animais, co control da cantidade de comida que inxiren e o número de veces que van ó comedeiro e as variacións que se producen no fluxo de leite. “Buscamos ser útiles para o sector e redundar na mellora das ganderías”, conclúe o responsable da Granxa.
No Plan de Reactivación da Granxa tamén se inclúe a adquisición dun laboratorio móbil, que como recoñeceu Martínez, está a demorarse pola crise mundial de abastecemento de microchips derivada da pandemia. Outra das liñas de traballo nas que buscan incidir é na elaboración dunha base de datos da granxa e a construción dunha páxina web para ofrecer maior transparencia ó sector sobre os proxectos e resultados que se logran na granxa.
Contemplan realizar visitas didácticas ás instalacións e abren a posibilidade a colaborar co sector do vacún de carne
Tamén están a continuar coa colaboración con casas comerciais para a realización de campos de ensaio sobre forraxes coma o millo ou as pradeiras. Manteñen ademais aberta a colaboración en estudos coa Universidade galega sobre a xestión dos xurros, así como para acoller estudantes en formación. Neste sentido, o Plan aposta por unha apertura das instalacións a visitas tanto de profesionais vinculados ó sector como da cidadanía.
Aínda que polo momento están centrados só no vacún de leite, nesta nova etapa tamén se abre a posibilidade de que Mouriscade colaborar co sector da carne para o estudo de razas galegas como a Rubia Galega ou outras que poidan resultar de interese para os gandeiros.