Alomenos o 8% dos beneficiarios do pago verde da PAC serán sometidos a controis sobre o terreo para comprobar que cumpren cos requisitos esixidos para percibir esa parte das subvencións europeas. O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de emitir unha circular na que establece o plan de inspeccións que se desenvolverá sobre os agricultores acollidos ó pago verde.
A circular establece a porcentaxe de produtores a controlar –o 8%- e determina as fórmulas que se seguirán para reducir as axudas en casos de incumprimentos. O documento recolle tamén as sancións que se aplicarán sobre os infractores, se ben estas sancións non se emitirán nos primeiros dous anos da nova normativa (2015 e 2016) e iniciarán a súa aplicación no 2017.
Os controis centraranse en inspeccionar tanto os cultivos declarados coma os umbrais de superficie esixidos para cada cultivo, así coma os posibles motivos de exencións.
Maio – setembro
As visitas sobre o terreo desenvolveranse preferiblemente entre maio e setembro, segundo a circular do Fega, de xeito que se poida comprobar que están no terreo os cultivos ou evidencias inequívocas dos restos da súa colleita. Poderase recurrir tamén a imaxes tomadas por teledetección satelital para as comprobacións oportunas.
O Fega sinala explicitamente que os cultivos declarados en cada parcela non teñen porque estar cultivados no periodo de inspección (maio-setembro), se ben en Galicia decidiuse que as explotacións deben cumprir co pago verde nos cultivos que estean na parcela no periodo de maio-setembro.
Outro asunto tamén polémico en Galicia foi a consideración do trigo de inverno e do trigo de primavera como un mesmo cultivo. O Fega indica na súa circular que os cultivos de inverno e de primavera consideraranse cultivos distintos, aínda que pertenzan ó mesmo xénero, caso do trigo de inverno e do trigo de primavera, se ben na Limia teñen criticado unha aplicación diferente da medida no caso galego.
A circular lembra que cada parcela contabilizarase só unha vez por ano de solicitude, aínda que teña un dobre cultivo inverno – verán. Portugal ten demandado da Comisión Europea que de cara a próximos anos se teña en conta a rotación estacional de cultivos dentro da mesma parcela a efectos de cumprir cos criterios de diversificación de cultivos do pago verde, se ben polo de agora non houbo unha resolución ó respecto.