“Cada 10 anos a costa de Oia arde, é unha constante. Nos últimos anos nós logramos escapar ao lume, incluso nos salvamos da vaga de incendios do 2017, porque tivemos moita sorte e quedamos un pouco no medio”, conta Natividad González, a presidenta da CMVMC da parroquia de Pinzás, en Tomiño, onde nos últimos anos puxeron en marcha un ambicioso programa de pastoreo con gando no monte veciñal.
Aínda que os terreos da Comunidade de Montes, situados entre Tomiño, Baiona e Gondomar, se libraron case milagrosamente da ola de incendios que en outono de 2017 cercou a cidade de Vigo, os veciños de Pinzás estaban afeitos a ver o lume preto das súas casas. Por iso quixeron poñerlle remedio.
Contamos con 532 ha nun só monte denominado Cereixo, dedicadas a usos forestais, gandeiros e recreativos
“A idea de recuperar o pastoreo xurdiu no ano 2015 a raíz dunha conversa entre os comuneiros”, explica Francisco Javier López, secretario da Comunidade de Montes. A nova directiva púxose a traballar no proxecto, aínda que os animais non comezaron a chegar a Pinzás até tres anos despois, no 2018.
Produción de madeira
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pinzás está formada por 52 veciños comuneiros. A extensión total é de 530 hectáreas de monte, que se reparten entre produción de madeira e pastizais recuperados.
“A actividade forestal constitúe unha das nosas actividades principais. Contamos no noso monte con zonas dedicadas a produción de madeira, principalmente piñeiro, e outras zonas con carácter protector nas que hai frondosas autóctonas como os carballos”, explican.
Na zona de onde nos vén habitualmente o lume tiñamos eucaliptos, pero cortámolos e agora imos plantar castiñeiros
“Na zona de onde nos vén habitualmente o lume tiñamos eucaliptos, pero cortámolos e agora imos plantar castiñeiros nunha superficie dunhas 11 hectáreas para manter un pouco o monte protexido do lume”, engaden.
A maiores, a nova directiva da CMVMC de Pinzás quixo diversificar os usos do monte, engadindo ao aproveitamento madeireiro o agrogandeiro, así como a vertente social, patrimonial e ecosistémica.
“A gandería incrementa a rendibilidade do monte, crea emprego e axuda a previr incendios”, destacan Nati e Fran, que contaron a súa experiencia nas últimas xornadas organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
Recuperar a actividade gandeira tradicional
“Tiñamos 120 ha de monte raso que eran antigos pastizais que fixeran nos anos 80 a Comunidade de Montes e os veciños. Fixéranse para o gando que había nas casas pero ao ir deixando de haber gando fóranse abandonando e só estaban aproveitados por cabalos salvaxes, que eran os que mantiñan un pouco a raia o mato”, explica Fran.
“Máis nas zonas onde non había animais a vexetación medraba moi rápido, así que cando entramos na directiva da Comunidade de Montes no 2015 empezamos a pensar que facer con esas 120 hectáreas”, lembra.
A idea de recuperar o pastoreo xurdiu no ano 2015 a raíz dunha conversa entre os comuneiros
Logo de visitar varias explotacións na provincia de Ourense decantáronse pola introdución de animais de raza vianesa, por tratarse dunha raza autóctona que podía adaptarse ben ás características do monte de Pinzás.
“O noso monte atópase entre a Serra da Groba e a Serra do Galiñeiro, a unha altitude media duns 380 metros sobre o nivel do mar e rodea case por completo o núcleo de casas da parroquia. En xeral, os nosos terreos non contan con grandes pendentes, e o punto máis alto é o Alto das Pozas, situado a 600 metros sobre o nivel do mar”, detallan.
Aposta pola raza vianesa
No 2018 chegaron as primeiras xovencas de raza vianesa a Pinzás. Pero foi un momento crítico, recoñecen, xa que “chegaron as vacas pero pasto non tiñamos, só tiñamos monte raso”, lembran.
Ata que trouxeron as vacas vianesas había cabalos salvaxes que eran os que mantiñan a raia o mato
Foi entón cando se decidiron a crear pastizais e recuperar aqueles que estaban abandonados, unha labor na que contaron coa axuda e o asesoramento técnico do CIAM de Mabegondo. “Se non fora pola axuda do CIAM non teriamos saído adiante”, asegura Nati.
51 hectáreas e 60 animais
No 2020 empezaron a facer as pradeiras. “O GDR fíxonos 4 hectáreas de peche e a plantación. Necesitabamos tamén unha nave para gardar o tractor e os apeiros da Comunidade de Montes, que fixemos tamén con axuda do Plan Leader”, conta Fran.
Demóstrase que o monte pode ser pradeira, porque tiñamos zonas pedregosas e mesmo unha que fora aeródromo, con pista de grava, onde a herba se está implantando ben
Ao ano seguinte, os veciños de Pinzás pediron outra subvención da Consellería do Medio Rural, dentro do Plan de Pastos do 2021, para facer 31 hectáreas más. “É o que nos permite sacar adiante os animais, porque é unha zona sen tradición gandeira onde non é doado mercar forraxe. Teriamos que ir a Lugo ou a Ourense e sairíanos carísimo”, argumenta Nati.
Cebo dos xatos para venda directa
Ademais da recuperación dos pastizais, a realización de peches e instalación de bebedeiros, colocaron un túnel de lona onde ceban os becerros. “Cebamos dous meses, sacrificámolos entre 1 ano e 14 meses cuns 200 quilos. Separamos aos machos para o matadoiro e ás femias, que as recriamos e as vendemos para vida”, detallan.
A carne que producimos repartímola entre os comuneiros e o resto vendémola a particulares
“Para a venda de carne estamos na zona ideal, porque é unha zona de moito consumo pero ao mesmo tempo tamén é unha zona onde se está producindo abandono do rural. A carne que producimos repartímola primeiro entre os comuneiros e o resto facemos venda directa a particulares, pero estanos custando bastante porque aínda non nos demos moito a coñecer”, admiten.
Crear emprego
A posta en valor do monte é un xeito tamén de xerar emprego, xa que a CMVMC de Pinzás ten persoas contratadas para o coidado do gando e do monte. “Temos dous traballadores que fan traballos forestais de podas e desbroces e que atenden tamén o gando”, explica Fran.
Teñen o Plan Forestal do Monte feito do ano pasado, onde pediron o cambio de uso e delimitaron as zonas de pasto
A recuperación da tradición gandeira da parroquia, o coidado medioambiental do territorio e a educación e sensibilización da poboación son os obxectivos que perseguen con este proxecto integral que aposta pola multifuncionalidade do monte.
Uso de novas tecnoloxías
Outro dos alicerces do proxecto é o emprego de novas tecnoloxías que contribúan a facilitar a xestión do monte e a divulgar a importancia do seu coidado. Neste eido, os comuneiros de Pinzás contan con solucións tecnolóxicas de apoio ao manexo do gando, como dispositivos de localización GPS que trasladan tamén alertas sobre a súa actividade que axudan a detectar celos ou partos e a interpretar o estado sanitario dos animais.
“Temos colares, que nos axudan bastante co gando. Cando temos as vacas perdidas polo monte se non fora polos colares non saberiamos onde están. Cos colares a verdade é que é unha marabilla”, asegura Fran.
Proxecto didáctico ‘As Vaquiñas de Pinzás’
No ano 2020 o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no programa de desenvolvemento Rural 2014-2020 concedeulle á CMVMC de Pinzás una subvención para o seu proxecto As Vaquiñas de Pinzás.
Ademais da construción da nave agrícola para a maquinaria, as pradeiras para as vacas, as instalacións para cebar os becerros e a colocación dos dispositivos de seguimento do gando por GPS, tamén se instalou unha estación meteorolóxica e se habilitou unha aula de interpretación para divulgación entre os nenos e nenas dos centros de ensino e entre a poboación en xeral.
O investimento total, incluído o proxecto produtivo e a parte divulgativa, foi de 180.000 euros
A aula de interpretación centraliza a dimensión educativa do proxecto da Comunidade de Montes. Trátase dun espazo interactivo anexo á nave de maquinaria e que dispón de unidades didácticas sobre o entorno, o propio proxecto e a importancia do coidado do monte; con temáticas que van desde o papel das CMVMC, os usos tradicionais do monte en Galicia, a gandería extensiva, as razas autóctonas en perigo de extinción, as causas e consecuencias dos incendios forestais ou a biodiversidade e os servizos ecosistémicos asociados á presenza do gando no monte.
“Son montes de características graníticas, distintos aos que habitualmente se destinan a produción gandeira en Galicia”
Juan Valladares, enxeñeiro agrónomo e investigador do CIAM, foi o que dirixiu a recuperación dos pastos de Pinzás. “O que había era piñeiros e eucaliptos nas zonas forestais e mato nas partes altas, nas que decidimos localizar tres parcelas”, explica. A estratexia seguida nelas foi distinta, en función das súas características.
Trátase dunha zona de valor ambiental, que está moi preto do Monte Aloia, o primeiro parque natural que se declarou en Galicia
“Nas parcelas que podían ser laboreadas fixemos laboreo convencional con sementeira, que non se puido facer en outono e fíxose en primavera, polo que fallou e houbo que facer unha resementeira no outono, mentres que nas zonas con penedos fíxose mínimo laboreo ou sementeira directa”, detalla.
Mestura de trevos e gramíneas
A dificultade para atopar maquinaria na zona (gradas pesadas, sementadoras e abonadoras), por non ser zona de tradición agrogandeira, provocou retrasos na sementeira inicial prevista en outono. “Cando logramos conseguir maquinaria xa comezara a chover e non puidemos entrar nas parcelas até a primavera seguinte e sabiamos que as sementeiras de primaveira dificilmente se instalan porque os trevos cando se comezan a implantar teñen moita competencia de adventicias e logo chega o verán e a seca cando o trevo aínda se está comezando a implantar”, razoa Juan.
O obxectivo era implantar unha pradeira con trevos anuais mesturados con trevos perennes. “O que había eran fentos. As vacas vianesas andaban por alí e pastoreaban o que atopaban”, indica.
Para conseguir que o trevo anual funcione como un trevo perenne hai que deixalo ir a semente, polo que non se pode pastorear até o mes de agosto
As sementes escollidas eran unha mestura metade e metade de trevos e gramíneas. “Metimos unha batería de gramíneas, con festuca e datilo, porque non sabiamos cales se ían implantar mellor, xa que era unha zona descoñecida para nós”, recoñece Juan. “O raigrás está funcionando moi ben pero á festuca estalle custando”, admite.
Os trevos eran tamén ao 50% trevos anuais pero coa intención de que se converteran en trevos plurianuais. “Para conseguir que o trevo anual funcione como un trevo perenne hai que deixalo ir a semente, porque esa semente xermina despois de maneira gradual durante varios anos. Por iso, cando se sementa trevo nunha pradeira hai que agardar a agosto para pastorear para que caia semente viable”, explica o investigador do CIAM.
Encalado e fertilización
A zona ten un clima de características atlánticas, que se adapta a ter pasto en canto a temperaturas e chuvias. Pero outra cousa é o solo. “Son montes de características graníticas, distintos aos que habitualmente se destinan a produción gandeira en Galicia, moi altos na saturación de aluminio e cun pH de 5. Había que encalar de maneira intensiva e aportar fertilización fósforo-potásica”, explica Juan.
O gando fai unha labor de esparexemento da semente que é importante
Polas dificultades para atopar maquinaria na zona, finalmente a sementeira fíxose a comezos de marzo de 2020, pero por culpa da seca de agosto e da competencia das adventicias (o feito de encalar e abonar fixo que as adventicias, mellor adaptadas á zona e ao terreo, se desenvolveran mellor), a pradeira sementada en primavera non prosperou e houbo que resementar en outono.
“Non aplicamos nitróxeno, porque a idea é que sexan os trevos os que aporten o nitróxeno necesario. A idea da Comunidade de Montes de Pinzás era ir a produción ecolóxica e nesa zona non é doado conseguir esterco e purín. Por iso a nosa idea era que as pradeiras foran autosuficientes en nitróxeno”, argumenta. Mellórase lentamente, polo que hai que seguir introducindo semente durante varios anos para ir instalando a pradeira que nos interesa”, conclúe.