Piñeiros ‘premium’, como a mellora xenética se adapta ás necesidades da industria da madeira

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán avanza no estudo de novos parámetros para a selección xenética das plantacións de piñeiro. Céntrase nalgúns dos caracteres máis demandados pola industria madeireira, como densidade e elasticidade

Piñeiros ‘premium’, como a mellora xenética se adapta ás necesidades da industria da madeira

O persoal especializado estivo realizando medicións nos piñeirais de estudo do CIF Lourizán.

Piñeiros que medren rectos, cun bo crecemento e sen nós son as esixencias máis demandadas tanto por propietarios forestais como dende a industria á hora de seleccionar as variedades para facer unha plantación, pero a maiores dos criterios tradicionais, que máis se pide?, que outros parámetros son interesantes á hora de seleccionar piñeiros?. Esa foi a pregunta que se fixeron dende o Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán (Pontevedra) hai un par de anos e á que tentaron dar resposta a través dunha xornada organizada no centro con representantes do sector.

Esa sesión foi o xérmolo das investigacións nas que dende entón están traballando no centro en materia de mellora xenética en piñeiro. “Tentamos coñecer as demandas que tiñan no sector, os parámetros que máis lle interesaban para encamiñar os nosos traballos ás necesidades que teñen dende a industria da madeira e que poden beneficiar ós produtores”, explica a doutora Raquel Díaz, investigadora e responsable do programa de mellora xenética de piñeiro no CIF Lourizán.

Lourizán traballa sobre a densidade básica e o módulo de elasticidade, dous parámetros demandados pola industria da madeira

Nestes dous últimos anos, o equipo de investigadoras de Lourizán centrouse en dous novos parámetros nos seus traballos de mellora xenética en coníferas: a densidade básica e o módulo de elasticidade. O obxectivo é conseguir material xenético mellorado non só nos parámetros máis básicos (rectitude, crecemento e con madeira sen nós), senón tamén incluír aquelas variedades que teñan un mellor desenvolvemento destes dous parámetros que tamén son apreciados pola industria.

Noutros países coma Nova Zelanda, Estados Unidos ou Francia, a resistencia a enfermidades é un dos piares nos que levan anos traballando. Esto tamén é así no caso de Galicia. “Dende o 2013 estivemos traballando en conseguir exemplares resistentes ó nematodo, unha das principais afeccións dos piñeiros en Galicia, e agora xa temos no mercado proxenitores resistentes a esta enfermidade. Aínda que seguimos traballando para obter piñeiros cun maior grao de resistencia, decidimos iniciar outra liña de investigación complementaria e estudar outros parámetros que poidan ser tamén de utilidade”, concreta Díaz.

Conseguir material xenético de calidade

Para o estudo de calidade de madeira, actualmente están avaliando árbores de parcelas de estudo plantadas fai anos, que lles proporcionan exemplares nos que valorar estes parámetros e seleccionar aqueles que mellor resposta teñan. Nestas parcelas, repartidas por toda Galicia, dispoñen de 116 familias procedentes dos exemplares que nos anos 80 recompilaron pola costa galega para contar cunha mostra representativa da variedade de exemplares presentes en Galicia.

Para estudar a calidade da madeira comezaron avaliando en torno a 3.000 árbores de 13 anos de idade situados en 3 destas parcelas que teñen repartidas en distintos puntos de Galicia, o que lle permite comprobar tamén os cambios que producen as variacións ambientais nestes parámetros. “Temos que contar con datos de bastantes individuos de cada unha das familias para ver cales ofrecen mellores resultados”, indica.

Nos últimos anos avaliaron preto de 4.000 piñeiros do país e 250 de piñeiro insigne para comprobar a densidade e elasticidade que ofrecen

Nos últimos tempos participaron tamén no proxecto Genmac, un grupo operativo suprautonómico creado para procurar recursos xenéticos para o abastecemento sostible de madeira de calidade de coníferas. Participar nesta iniciativa fixo que incrementasen o número de parcelas nas que avaliar a calidade da madeira e que, á marxe de contar con piñeiro do país (Pinus pinaster), incluíran tamén piñeiro insigne (Pinus radiata).

Desta forma, estudaron estes parámetros noutras 2 parcelas de piñeiro do país, dous dos hortos sementeiros que se deron de alta nos últimos anos e cuxas árbores teñen uns 25 anos. Nestas medicións avaliaron unhas 1.000 árbores máis de piñeiro do país. Tamén avaliaron preto de 250 piñeiros insigne noutras dúas parcelas desta especie.

Ter datos de case 4.000 árbores das 116 familias do programa de mellora ubicadas en 5 sitios distintos e con dúas idades diferentes permítelles determinar que familias teñen maior densidade ou módulo de elasticidade, así como comprobar se a clasificación obtida coa información ós 13 anos é a mesma que ós 25. Esto último permitiríalles seleccionar xenotipos pola súa calidade de madeira a idades relativamente temperás.

Probas-para-estimar-a-densidade-do-pino-_CIF-Lourizan-

Probas para estimar a densidade do piñeiro.

De igual forma, tamén van poder estudar a existencia de interacción xenotipo – ambiente, é decir se os xenotipos máis densos, por exemplo, son os mesmos en tódolos ambientes estudados ou non. “De ser así, poderá garantizarse que un xenotipo que se seleccione pola su alta densidade, por exemplo, vai ser o que produza madeira con maior densidade independientemente do lugar no que se plante”, explica a doutora.

A maiores, algúns destes exemplares sometéronse a outras probas, coma a densitometría, para ter máis información sobre a evolución da densidade da súa madeira ó longo do tempo, pese a que é unha técnica máis custosa. “Este procedemento permítenos ver como é a madeira dentro da árbore anel a anel, e determinar a porcentaxe de madeira adulta, que é a madeira que máis adoita interesar ó sector”, detalla a investigadora.

Boas perspectivas

Os primeiros resultados destes estudos, que son aínda provisionais, acaban de facerse públicos. “Agora queremos traballar e comparar os datos extraídos nestas 5 parcelas, avalialos de forma conxunta”, concreta a experta. Os primeiros datos, que pertencen ás medicións máis antigas, as realizadas nos piñeiros do país con 13 anos de idade, amosan resultados interesantes para a obtención de piñeiros seleccionados pola súa densidade e o módulo de elasticidade.

Os estudos confirmaron que a densidade e elasticidade son caracteres herdables e sen relación entre eles, co que facilitará a súa selección

“Coas primeiras avaliacións, que fixemos nun estudo de máis de 1.900 árbores, constatamos que tanto a densidade como a elasticidade son caracteres herdables, cunha boa herdabilidade, co que, de confirmarse nas análises definitivas, será doado transmitilos de pais a fillos. Se seleccionamos exemplares con boa densidade, as sementes que se recollan desa árbore terán tamén boa densidade”, concreta a especialista.

Estimacion-perfil-densitometrico-CIF-Lourizan-Pino-

Estimación do perfil densitométrico de piñeiros realizada polo CIF Lourizán.

Os estudos, cuxos resultados están aínda pendentes de ratificarse cun maior número de avaliacións, amosan ademais que estes caracteres non están relacionados entre si, o que se presenta coma unha boa nova de cara a conseguir exemplares mellorados xeneticamente e nos que destaquen estes parámetros.

“En mellora xenética é moi pouco habitual que haxa unha correlación positiva entre caracteres cando estes están relacionados, adoita acontecer que canto mellor sexa unha destas características redúcense as posibilidades doutra. Así, por exemplo, é frecuente que as árbores que medran moito sexan as que teñen unha menor densidade de madeira. Por iso, que non exista relación é bastante mellor ca que se fose negativa”, valora Díaz. Desta maneira, ábrese a posibilidade a que se seleccionen sementes procedentes de piñeiros que conten cun bo crecemento, rectitude e que tamén destaquen pola súa densidade ou elasticidade.

Descubriron que non hai relación xenotipo-ambiente, o que simplifica a selección xenética para obter mellores piñeiros

As últimas avaliacións, realizadas en dúas parcelas, tamén amosan que os novos caracteres estudados non gardan relación co ambiente, o que para os investigadores tamén resulta favorable. “Nestas análises provisionais, descubrimos que non existe interacción xenotipo – ambiente, o cal é moi positivo, xa que simplifica o traballo de selección xenética e favorece os avances en mellora”, apunta a investigadora. En concreto, confirmaron que as familias con maiores densidades ou elasticidade eran as mesmas nas dúas parcelas de estudo, a pesar de que estaban en condicións ambientais diferentes.

Esta información, tal e como indica Díaz, será clave para continuar apostando por exemplares de mellores caracteres. “É moi difícil lograr que unha sóa árbore cumpra con tódolos parámetros que estamos a ter en conta, pero a mellora xenética ponnos nese camiño. Xa fomos conseguindo árbores cun bo crecemento e resistentes a pragas como o nematodo e seguimos traballando para incluír tamén novos parámetros como a densidade e o módulo de elasticidade”, conclúen dende Lourizán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información