‘Piñeiros 25’ valora solucións ante os problemas de sanidade forestal do piñeiro radiata

Aumentar a diversidade de especies no monte, coa introdución de alternativas como o piñeiro taeda, é unha das vías para enfrontar o problema dos fungos das bandas. Con todo, hai tamén consenso en que o piñeiro radiata mantén futuro en Galicia, cunha axeitada xestión

‘Piñeiros 25’ valora solucións ante os problemas de sanidade forestal do piñeiro radiata

Mesa redonda de sanidade forestal en Piñeiros 25.

‘Piñeiros 25’, o encontro intersectorial do ecosistema forestal de Galicia, organizado pola Fundación Arume, tratou na Cidade da Cultura de Santiago unha serie de temas clave para o futuro da cadea forestal – madeira de Galicia, como son a sanidade forestal, a construción de vivendas en madeira ou a tradición cultural ligada ó piñeiro na comunidade.

Un dos puntos de atención da xornada estivo na mesa de sanidade forestal de coníferas, onde se contou con expertos chegados de Chile e Uruguai. Ese bloque da xornada orientouse a coñecer liñas de traballo internacionais que poden servir de aprendizaxe para Galicia, onde os fungos das bandas están afectando ó piñeiro radiata, unha especie con alta presenza sobre todo na provincia de Lugo e nalgunhas comarcas da Coruña e Pontevedra.

Experiencia chilena co piñeiro radiata
Desde Chile, país de referencia internacional no piñeiro radiata, o subxerente do Centro de Excelencia Arauco, Rodrigo Ahumada, mandou unha mensaxe de calma: “Co radiata sempre hai luz ao final do túnel. En Chile pasamos por moitas enfermidades e pragas co radiata e sempre houbo saída. A solución única non debe ser cambiar a outra especie porque tódalas especies nalgún momento terán problemas”, valorou.

“Sempre hai luz ao final do túnel co piñeiro radiata. En Chile pasamos numerosas pragas e enfermidades e sempre as superamos” (Rodrigo Ahumada, Centro de Excelencia Arauco Chile)

Ahumada apuntou a necesidade de avanzar en tres eixos: control da enfermidade, selección xenética para gañar en resistencia ós fungos e a definición de modelos de risco, en función de variables climáticas e ambientais, de cara a determinar as zonas máis axeitadas para as plantacións futuras de radiata.

Uruguai e o piñeiro taeda
Outra das opcións a considerar é o emprego dunha especie alternativa, o piñeiro taeda, que nos últimos anos está comezando a introducirse en Galicia por ter unhas calidades e unha quenda de corta similar ó piñeiro radiata. O director do centro Inia Tacuarembó (Uruguai), Juan Pedro Posse, explicou a experiencia do país sudamericano co piñeiro taeda, unha árbore que comezou a implantarse en Uruguai de xeito importante desde hai tres décadas.

En Uruguai, actualmente hai arredor de 140.000 hectáreas de piñeiro taeda, o que representa un 90% das masas de coníferas do país. Posse destacou que se trata dunha especie plástica, cun amplo rango de distribución, e que presenta propiedades satisfactorias para a industria, tanto físicas como mecánicas e químicas.

A experiencia de Uruguai co piñeiro taeda apunta a quendas de corta e calidades similares ó radiata

Como recomendacións, o director do centro Inia apuntou a necesidade de afinar na escolla de materiais xenéticos e dos emprazamentos axeitados para a plantación, así como definir o modelo silvícola máis acaído en Galicia (marco de plantación, rareos, podas).

O piñeiro taeda é unha especie que medra ben en solos ácidos e non encharcados, como os habituais en Galicia. Como factores limitantes a ter en conta, destacan a súa necesidade de solos profundos e a obriga dun control da vexetación de competencia nos primeiros anos.

O taeda precisa de solos profundos e é necesario un control da vexetación de competencia nos tres primeiros anos

Na súa zona de orixe, no sureste de Estados Unidos, aparece ata altitudes de 400 metros, se ben a procedencia que se está a utilizar en Galicia, de orixe francesa e adaptada ó frío, está a comportarse ben ata altitudes de 700 – 1.000 metros, segundo a experiencia dos últimos anos de Finsa, que xestiona plantacións iniciais de taeda en puntos como A Fonsagrada (Lugo), nas que ata agora está a constatar unha boa adaptación da especie.

A mesa de sanidade forestal completouse con Carlos Iglesias, de Finsa, que analizou a situación das masas galegas de piñeiro radiata afectadas polas bandas. Iglesias apuntou o risco de regresión dos piñeirais de radiata en Galicia e sinalou camiños para enfrontar a enfermidade. No curto prazo, Iglesias entende que as vías pasan por continuar cos tratamentos preventivos (abonos foliares, funxicidas) e polo manexo silvícola (podas, rareos), en tanto que a longo prazo o camiño apunta a que é o da selección xenética de árbores máis resistentes ás bandas.

Outra opción que plantexou Iglesias é o emprego de coníferas alternativas, como o piñeiro taeda, así como o estudo das zonas de baixo risco para a plantación do piñeiro radiata, unha especie que, insistiu, continúa a ser interesante para Galicia.

“Non nos concentremos nunha única especie como alternativa ó radiata, sería un erro. Lourizán ten avaliado numerosas coníferas e frondosas que poden ser útiles en monte” (Alfredo Fernández, XERA)

Por parte do director de XERA, Alfredo Fernández, quen clausurou o evento, fíxose un chamamento a promover a diversidade nas plantacións forestais e “non concentrarse nunha única especie como sustituta”. Fernández apelou ós ensaios que fixo nas últimas décadas o Centro de Investigación Forestal de Lourizán con numerosas especies, tanto coníferas (sequoia, piñeiro de Oregón, falso ciprés de Lawson…) como frondosas caducifolias, como o castiñeiro.

Construción de vivendas en madera
A construción de vivendas en madeira, ou con estruturas híbridas (formigón – madeira), foi outro dos focos principais de Piñeiros 25. Igual que no caso da sanidade forestal, o bloque de vivenda en madeira contou con reputados profesionais, tanto de Latinoamérica, como a arquitecta Cazú Zegers, como de España.

Mesa sobre construcción de vivendas en madeira.

Mesa sobre construcción de vivendas en madeira.

A mesa de madeira orientouse a coñecer as tendencias de traballo a nivel estatal e internacional das que Galicia pode tirar aprendizaxes. O caso de Nasuvinsa (Navarra de Suelo y Vivenda), unha sociedade pública autonómica, é un exemplo de como a madeira se está a introducir nas promocións públicas de vivenda. Maitane Zuazu, de Nasuvinsa, presentou unha serie de edificios de vivendas que xa se fixeron en Navarra con emprego de distintas técnicas (CLT, entramado lixeiro) ou solucións mixas formigón – madeira.

Un elemento común das intervencións foi o de sinalar as vantaxes ecolóxicas da construción en madeira. Juan Antonio Gómez Pintado, presidente do grupo Vía Ágora, destacou a menor pegada de carbono da madeira, así como o aforro enerxético, a súa reciclabilidade e a mellora das promocións a nivel de biofilia. Outro factor a ter en conta é a prefabricación e a montaxe en seco en obra, o que axiliza prazos de entrega e pode contribuír a solucionar a urxencia de demanda social de vivenda.

O piñeiro, elemento cultural de Galicia
Na tarde, Piñeiros 25 pechouse cun bloque sobre o papel cultural do piñeiro, nunha mesa con participación da Fundación Castelao, da Fundación Eduardo Pondal e de Astilleros Catoira, unha empresa que mantén a tradición da carpintería de ribeira galega.

Pinheiros 25

A Xunta anuncia unha fundación público – privada para impulsar a investigación en Lourizán

Na apertura da xornada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que se constituirá unha fundación público – privada para impulsar o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que a Administración galega quere que volva a ser a referencia que foi no pasado a nivel de innovación.

A maiores, Rueda confirmou para o 2026 unha partida de 8 millóns de euros para adicar a sanidade forestal, “o dobre que este ano”, e no relativo á construción en madeira, insistiu no compromiso da Xunta de que parte das vivendas de promoción pública leven elementos de madeira, en alusión a sistemas mixtos de construción formigón – madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información