‘Piñeiros 25’ contará coa participación da cadea forestal – madeira de Uruguai e Chile

O evento, organizado pola Fundación Arume, celebrarase o 28 de outubro. O foro contará con tres bloques temáticos principais, nos que se abordará o papel da construción en madeira fronte ó déficit de vivendas, os retos de sanidade forestal en coníferas e a vinculación do piñeiro co imaxinario cultural galego

‘Piñeiros 25’ contará coa participación da cadea forestal – madeira de Uruguai e Chile

Edición 2024 de Piñeiros. / Arquivo.

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 28 de outubro ‘Piñeiros 25’, a quinta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

O foro contará con tres bloques temáticos principais e cunha conferencia de apertura, ligada á participación da madeira galega na recente Bienal de Arquitectura de Venecia. Seguiranlle unha serie de mesas redondas nas que se abordarán cuestións como o papel da construción en madeira ante o déficit de vivendas, a sanidade forestal en coníferas ou a vinculación do piñeiro co imaxinario cultural galego.

Este ano, Piñeiros 25 terá a Uruguai e Chile como países convidados, con ponentes de ambos países que explicarán claves do seu traballo tanto no ámbito forestal como no industrial e de construción en madeira.

Chile destaca como un expoñente internacional na mellora xenética de piñeiro radiata, unha especie tamén amplamente estendida en Galicia; en tanto o caso uruguaio, a nivel forestal, interesa pola súa experiencia co piñeiro taeda, unha conífera que se está introducindo en Galicia nos últimos anos debido a súa resistenza a enfermidades e pragas, caso do fungo das bandas e do nematodo do piñeiro.

Ambos países contan ademais cunha industria de transformación caracterizada pola súa innovación, con foco sobre a construción estrutural en madeira e outros usos de alto valor engadido.

Coa participación de Chile e Uruguai en Piñeiros 25, consolídase o posicionamento internacional do encontro, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

En edicións anteriores, xa se contara coa presenza de Francia como país convidado (2024), así como de Euskadi (2023) e Portugal (2022).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información