A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 10 de outubro ‘Piñeiros 23’, a terceira edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.
A maiores de analizar o escenario e perspectivas do sector en Galicia, a edición 2023 de Piñeiros daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata.
Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa.
Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.