Pídenlle á Xunta que destine 4,3 millóns de euros para paliar os danos do lobo e compensar así a perda de fondos do Ministerio

Pídenlle á Xunta que destine 4,3 millóns de euros para paliar os danos do lobo e compensar así a perda de fondos do Ministerio

Mastín protexendo o gando dos ataques dos lobos. Foto: Beealia

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) critica a “falta de apoios” por parte da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a prevención e indemnización dos danos provocados polo lobo nas ganderías en extensivo.

En concreto, critica a perda por parte da Xunta de Galicia de 4,3 millóns de euros que estaban contemplados nos orzamentos do Estado para o pago de danos e o apoio a medidas preventivas frente aos danos do lobo, debido á postura da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta cantidade duplica os 1,75 millóns de euros orzamentados para este este mesmo fin en 2023 pola Xunta.

Neste sentido, Joan Alibés, secretario da SGPF lembra que “no período 2016-2021 (6 anos) os fondos destinados pola Xunta para o mesmo fin foron de menos de 3,7 millóns de euros”.

Ademáis, destaca que “dende o 2016 a Xunta non actualiza os importes das medidas preventivas subvencionadas, e mesmo se reduciu a axuda para adquisición de cans mastíns, cuns importes que son inaceptables na actual situación de incremento dos custes de produción”.

En concreto, Joan Alibés advirte de que “os importes de axuda á construción de peches fixos non chega a cubrir o 25% do custe real da instalación; e no caso do mantemento de mastíns non chega ao 50% do mesmo”.

Igualmente, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes denuncia a falta de apoio explícito á gandería extensiva por parte da Xunta, “pois as axudas á prevención poden ser, e son concedidas tamén ganderías intensivas que compiten polos fondos coa gandería extensiva que si debe convivir coa presenza de lobo e sufre os seus ataques”.

Por outra parte, poñen o Plan da Xunta de Xestión do Lobo como mostra do que cualifican como “falta de diálogo da Consellería de Medio Ambiente”: “Este plan foi aprobado en 2008 e obriga á propia Consellería a realizar un censo do lobo cada dous anos e a creación da Mesa do Lobo. Porén, o primeiro punto foi realizado en 2013-15 e agora en 2021-22 (datos do censo aínda sen publicar) e a segunda nunca foi convocada”, lamentan.

Ante esta situación, están a difundir entre gandeiros e técnicos do sector unha instancia dirixida á Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda reclamándolle que “destine un orzamento de 4,3 millóns de euros para o ano 2023 para o pago de danos e o apoio ás medidas preventivas para a gandería extensiva en Galicia”.

Descarga aquí a instancia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información