Pídenlle axilidade á Xunta cos plans de mellora para comezar as obras no verán

Os principais sindicatos agrarios de Galicia coinciden en pedirlle á Consellería do Medio Rural axilidade na resolución das axudas para plans de mellora que se veñen de convocar para que as persoas beneficiarias podan comezar as obras nas ganderías antes do verán.

Ademais, tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego Galego amosan as súas dúbidas de que os 40 millóns de euros que a Xunta destina este ano a axudas para investimentos nas explotacións agrogandeiras sexan suficientes para cubrir o importante número de solicitudes que non foron aprobadas na convocatoria de 2016.

En concreto, o pasado ano o departamento que dirixe Ángeles Vázquez aprobou 582 plans de mellora das arredor de 2000 solicitudes que se presentaron.

Dende Unións Agrarias póñenlle número a estes plans de mellora que quedaron fóra o ano pasado, “máis de 1.500 expedientes”, polo que lle piden á Consellería que priorice estas solicitudes na orde de axudas, “tal como se comprometeu a conselleira”, recordan. “Como neste momento non se atopa aínda incorporado -advirten- , esperamos que isto responda a un erro de redacción e non a unha vontade explícita, porque suporía un dobre castigo para aqueles gandeiros que tendo presentado en tempo e forma a documentación agora se vexan fora novamente do concurso”.

Ademais, dende Unións demándanlle á Consellería do Medio Rural que presione ao Ministerio de Hacienda para que este deixe de “facer caixa coas axudas de incorporación á actividade agrogandeira”.

O Sindicato Labrego demándalle axilidade a Medio Rural e pide que se replanteen as axudas para plans de mellora

Pola súa parte, dende o Sindicato Labrego Galego tamén amosan a súa preocupación porque “moitos plans de mellora non van ser aprobados”, a pesar de dispor de fondos do PDR. “Resulta moi difícil de entender que queden fondos sen executar do PDR e que ao mesmo tempo a Consellería deixe fora a plans de mellora viables e moi interesantes, como sucedeu o pasado ano”, advirte Isabel Vilalba, secretaria xeral do Slg.

Ademais, dende a organización agraria tamén reclaman axilidade á Consellería do Medio Rural na resolución destas axudas “para evitar, como xa ten sucedido, que caduquen as licenzas de obra, co gasto en tempo e en diñeiro que iso supón, porque a resolución da Consellería chega tarde”.

 Slg: “Deberían reorientarse as axudas para lograr explotacións máis resistentes ás oscilacións de prezos”

Por último, Isabel Vilalba considera necesaria unha reformulación das axudas dos plans de mellora “para que axuden a que as explotacións sexan máis fortes e resilientes, con máis base territorial e con autosuficiencia en forraxes, e resistir mellor deste xeito a gran volatilidade dos prezos agrarios e gandeiros”.

“Moitas veces vemos que os plans de mellora responden máis aos intereses das empresas do sector que aos das necesidades dos gandeiros, e non é a primeira vez que un gran investimento asociado ao plan de mellora leva a situacións moi difíciles ou mesmo ao peche de ganderías porque se lles fai imposible devolver os préstamos cos prezos do leite tan baixos”, advirte Isabel Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información