Piden volver situar como referente ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán

A dirección da Fundación Arume trasladoulle ós tres grupos parlamentarios da Cámara galega as prioridades de traballo en materia de coníferas, en especial a abordaxe da enfermidade das bandas, a mellora xenética e a progresiva introdución do piñeiro taeda

Publicidade
Piden volver situar como referente ó Centro de Investigación  Forestal de Lourizán

A Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria do piñeiro en Galicia, vén de manter esta semana senllas reunións cos tres grupos políticos do Parlamento galego. Nos encontros, a Fundación presentoulle a PPdeG, BNG e PSdeG a renovación do seu Padroado, así como as súas liñas de traballo de cara ós próximos anos.

Unha das prioridades que identifica a Fundación Arume pasa polo impulso do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, polo que lle solicitou ós tres grupos parlamentarios unha maior aposta por dotar de recursos económicos e humanos a este centro público de investigación, que foi un referente no seu día.

A Fundación Arume considera a aposta por Lourizán como imprescindible para encarar os retos que afronta o monte galego, marcados polo cambio climático e por enfermidades e pragas emerxentes.

Un exemplo é a enfermidade das bandas do piñeiro, que afecta de cheo á zona oriental de Lugo e que crea un novo desafío na mellora xenética do piñeiro radiata. A Fundación incide tamén na necesidade de continuar avanzando no programa de mellora do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), así como nos ensaios con piñeiro taeda, unha conífera de especial interese para Galicia pola súa resistencia ós fungos das bandas e á praga do nematodo do piñeiro, que afecta ó sur da comunidade.

Nas reunións cos grupos parlamentarios, participaron pola Fundación Arume o seu presidente, Xosé Mera; o vicepresidente de Industria, Juan Busto; o vicepresidente de Recurso Forestal, Jacobo Feijoo; e o seu secretario, Ismael Olveira, que aproveitaron os encontros para presentarlle ós grupos parlamentarios a recente renovación do Padroado da Fundación Arume e os seus obxectivos de traballo.

Petición de ampliación da moratoria do eucalipto
A Fundación Arume trasladoulle tamén ós tres grupos parlamentarios a súa proposta para manter a moratoria do eucalipto por cinco anos máis, ata o 2030, co obxectivo de evitar que a expansión desta especie desborde as previsións de superficie fixadas no Plan Forestal de Galicia.

Cómpre lembrar que o Plan Forestal de Galicia, aprobado no 2021, estableceu o obxectivo de reducir un 5% a superficie de eucalipto na comunidade para o ano 2040. Na actualidade, a superficie de eucalipto sitúase en 419.000 hectáreas, segundo os últimos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, correspondentes ó 2023, ano no que se observou un aumento da superficie da especie dun 1,4%, en comparación co 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información