Piden un protocolo para granxas con persoal afectado por Covid

Unións Agrarias advirte de que sería imposible de cumprir un illamento de 15 días dunha granxa, polo que demanda medidas que permitan cumprir coas esixencias sanitarias en caso de persoas afectadas nunha explotación

Piden un protocolo para granxas con persoal afectado por Covid

Recollida de leite nunha granxa. / Arquivo.

Se o persoal dunha granxa se vise afectado polo coronavirus, sen posibilidade de profesionais de sustitución, que pasaría?. Esa é a hipótese que plantexa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que demandou hoxe en rolda de prensa un protocolo que permita compatabilizar a actividade gandeira coas esixencias sanitarias. “Salvo milagres, teremos casos de granxas de leite, carne e horta afectadas por positivos, así que faise preciso que a Xunta defina protocolos para actuar en situacións así”, valorou en rolda de prensa.

“Nunha granxa de leite, as vacas precisan de alimentación, de muxido e de recollida do leite” -explica García-. “É un traballo que non se pode deter e as granxas non se poden illar, precisan de acceso do camión de recollida do leite ou do camión do penso, entre outros servizos. Por tanto,en caso de positivos, unha de dúas, ou miramos para outro lado e deixamos que se incumpran de calquera maneira as esixencias sanitarias de illamento ou nos sentamos e definimos un protocolo”, conclúe.

Situación de volta á escola no rural
Na mesma rolda de prensa de Unións, Rosa Arcos, responsable da Federación de Mulleres Rurais (Fademur), colectivo ligado á organización agraria, puxo o acento na situación de volta á escola no rural. Arcos lembrou que en tempos de coronavirus, continúa a supresión de unidades escolares no rural, caso de dúas en Brión e Laracha (A Coruña), que xa non iniciarán o novo curso.

“No rural habería espazos suficientes para baixar o número de alunos por aula, poderíanse empregar escolas unitarias pechadas e nos centros escolares agrupados, que na súa gran maioría teñen espazos suficientes, poderíanse crear máis aulas se a Administración contratase profesorado”, sinala Arcos.

A responsable de Fademur cuestiona que Galicia manteña un ratio de profesor por mil estudantes inferior á media estatal, polo que pide un maior investimento en educación enfocado ó rural. “Son comarcas cunha alta porcentaxe de poboación da Terceira Idade que convive nas unidades familiares con nenos en idade escolar. É preciso extremar as precaucións tanto nas escolas como nos transportes ás escolas do rural”, defende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información