Piden un plan de choque contra a avespiña do castiñeiro en Ancares e Courel

Unións Agrarias considera que o impacto da praga na montaña lucense demostra unha baixa eficacia das soltas do insecto parasitoide, o ‘Torymus sinensis’, polo que pide explicacións da Xunta

Piden un plan de choque contra a avespiña do castiñeiro en Ancares e Courel

A saúde dos soutos nas comarcas de O Courel e Ancares está en estado crítico pola acción da avespiña do castiñeiro, segundo asegura Unións Agrarias, que calcula que a colleita de castaña foi este ano dun 10% da produción media na montaña lucense. A organización pide que se estude a causa do “fracaso” das soltas do insecto parasitoide da praga, o ‘Torymus sinensis’, que se libera na zona desde o 2018, un ano despois da detección da avespiña no Courel.

“É fundamental que a Administración inicie de inmediato un traballo de campo para comprobar cal é o grao de parasitización das postas da avespiña, a partir do cal estableza un plan de choque para a primavera, de xeito que se faga un seguemento da evolución do ciclo biolóxico da avespiña, para determinar o momento máis eficaz para a solta do parasitoide”, demanda Unións.

Sen un plan de choque, a organización considera que moitos dos soutos hoxe afectados non van resistir moitos anos, ademais de que se abandonará a súa xestión. Unións lembra que a castaña é un recurso complementario fundamental en moitas economías das familias de Ancares e Courel, que este ano non contarán con ese ingreso extra que permitía equilibrar presupostos familiares e complementar as pensións do rural.

Na comarca de Ancares Courel, os ingresos por venda de castaña superan os 3 millóns de euros nun ano de colleita normal, segundo Unións, cantidade que ten pasado este ano prácticamente a cero polo impacto da praga da avespiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información