Piden un incremento “urxente” de 5 céntimos en quilo no prezo que cobran os produtores de polo para evitar o peche das granxas

As granxas avícolas cobran das integradoras uns 15 céntimos por quilo producido, insuficientes para facer fronte á amortización das instalacións e a suba da electricidade, o gas e o material para a cama

Concentración este venres de produtores e membros de UUAA ás portas do supermercado Family Cash en Lugo

Concentración este venres de produtores e membros de UUAA ás portas do supermercado Family Cash en Lugo

O sindicato Unións Agrarias denunciou este venres diante do novo supermercado Family Cash en Lugo, ubicado no centro comercial Abella, “prácticas ilegais” das cadeas de distribución e as empresas integradoras de carne de polo mentres os produtores reciben en orixe prezos que non lles permiten facer fronte á suba de custos e aos préstamos solicitados para construír as granxas.

“Os titulares son persoas moi novas, que se meteron en grandes investimentos para ter unha granxa que cumpra cos condicionantes que esixe a lexislación vixente. Polo tanto, esta crise de rendibilidade colle ás explotacións en pleno proceso de amortización das instalacións”, explicou Roberto García, secretario xeral de UUAA.

Esta crise de rendibilidade afecta a explotacións montadas hai pouco e, polo tanto, en pleno proceso de amortización das instalacións

Nos últimos anos proliferou en Galicia a instalación de granxas avícolas por parte de persoas mozas que montaron as explotacións ben como actividade principal, ben como complemento a ganderías de leite ou de carne. Pero o feito de non ter as granxas pagadas fai que as perdas que están a sufrir neste momento non só afecten aos seus ingresos como medio de vida, senón que pon en risco mesmo o pago das letras e a amortización dos préstamos.

Prácticas ilegais

Produtores e representantes de UUAA concentráronse este venres diante da cadea Family Cash en Lugo, “unha cadea que acaba de abrir pero que vén con todas as malas mañas que xa lle vimos na zona do Levante, de onde procede”, dixeron. O polo de entorno a 3 quilos de peso está vendéndose a un prezo de 3,29€ na maioría de supermercados, mentres o novo supermercado Family Cash abriu esta semana en Lugo cunha “oferta agresiva” de 2,59€.

UUAA presentou unha denuncia diante da AICA por venda a perdas contra a cadea de supermercados Family Cash, que abriu esta semana en Lugo

Ás portas do novo supermercado os membros de UUAA denunciaron “a utilización de produtos sensibles, como é o leite ou a carne de polo, como produto gancho para gañar clientes”.  “Non é só un problema ético, senón de clara ilegalidade”, afirmou Roberto García.

“É unha práctica enganosa, porque non pretenden beneficiar ao consumidor, pretenden atraelo coa desculpa de que o polo é máis barato para despois cobrarlle iso con creces no resto de produtos da cesta da compra”, denunciou.

O consumidor paga agora un 35% máis por un polo mentres o granxeiro segue cobrando o mesmo que cobraba antes de que lle subira a luz e o gas

“Cando un consumidor merca un polo de tres quilos no supermercado e paga por el 3,29€, o granxeiro está recibindo entre 40 e 45 céntimos, é dicir, uns 15 céntimos por quilo, o mesmo que recibía antes de que se produciran todas as subas da enerxía”, explicou Roberto García.

“Todos os incrementos de prezo que houbo no polo, que foron do 35%, quedáronse na cadea de distribución ou na empresa integradora, pero non chegaron aos produtores”, denunciou o secretario xeral de UUAA, que explicou que pasar de cobrar 15 céntimos por quilo a 20 en orixe serviría unicamente para repercutir o incremento dos custos de produción dos últimos dous anos, tal como esixe a Lei da Cadea Alimentaria.

“Os produtores cobramos 40 céntimos por polo mentres o consumidor está pagando 3,29€”

José Luis Camiñas, avicultor cunha granxa de polos desde hai 4 anos, contou en primeira persoa cal é a situación do sector. “A nós os custos de produción subíronnos moito, desde a factura da luz, que se duplicou, a do gas, que pasa o mesmo, ou a da cama. Todo subiu menos o prezo do polo en orixe, xa que as liquidacións das integradoras aos granxeiros mesmo baixaron”, denunciou.

Se isto segue así non vai haber polo porque imos ter que deixar de producir

A situación pon en risco a viabilidade do sector e a continuidade das explotacións. “Os investimentos deste tipo de granxas son enormes para poder cumprir coas normas de benestar que esixe a lexislación vixente”, explicou.

Temos as mans atadas, porque non temos capacidade de repercutir os incrementos de custos

A produción avícola ten características que a diferenzan doutros sectores gandeiros, xa que no sistema de integración o gandeiro pon as instalacións e a man de obra e a empresa que lle merca a produción pon os animais e o alimento, polo que os produtores traballan nun réxime de exclusividade que fai que teñan “as mans atadas”, denunciou José Luis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información