Piden un acordo definitivo UE-USA para que o sector do viño non siga sufrindo os aranceis estadounidenses

Publicidade

Satisfacción xeneralizada no sector do viño pola decisión deste venres do novo goberno de Estados Unidos de suspender durante 4 meses os aranceis do 25% para os viños procedentes da Unión Europea, uns gravames que puxo en marcha a administración Trump e que prexudicaron notablemente ao sector vitivinícola.

Estados Unidos é o segundo mercado exterior para os viños galegos e españois, por detrás do Reino Unido. De feito, é o país de maior consumo mundial, con ao redor do 14% do total mundial, un mercado clave para España, líder produtor a nivel internacional pero tamén o primeiro exportador mundial de viños, cunha cota de preto do 20% do total. Para Galicia o mercado estadounidense tamén é, xunto con Gran Bretaña, o principal destino das súas exportacións de viños. Sirva como exemplo que na campaña 2018-2019, a Denominación de Orixe Rías Baixas exportou 2,3 millóns de litros a Estados Unidos, unha cifra que supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior.

Valoración positiva de todo o sector

EFOW, a European Federation of Origin Wines (www.efow.eu), a organización europea da que a Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV, www.vinosdo.wine) forma parte xunto ás organizacións representativas das DDOO en Francia, Italia e Portugal, e a propia CECRV mostran a súa satisfacción polo anuncio realizado o venres pola Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a oficina do Representante de Comercio de Estados Unidos de suspender por un período inicial de catro meses as medidas de represalia comercial que afectan o sector vitivinícola da UE mentres se busca unha solución final ao conflito Airbus-Boeing.

O presidente de EFOW, Bernard Fargues, afirma que “debemos aplaudir o traballo da Comisión Europea na procura dunha moratoria sobre estas medidas de represalia comercial. Esperamos que se atope unha solución definitiva de forma rápida que elimine estes aranceis de forma permanente”.

Pola súa banda, o presidente do CECRV, David Palacios, engade que “deuse un paso moi importante, pero toca seguir redobrando esforzos, tanto a nivel europeo, como por parte das nosas autoridades nacionais, para que as negociacións entre a UE e Estados Unidos supoñan o fin definitivo destes aranceis, que nunca deberon aplicarse e que en nada axudaron ás relacións comerciais entre dúas zonas do mundo que compartimos multitude de valores e intereses”.

En 2020, os aranceis provocaron unha caída do 9% en valor e do 4,5% en volume de viño español exportado a EE.UU

A Federación Española del Vino (FEV) tamén celebra este acordo e desexa unha solución definitiva. Ademais, lembra que só en 2020, os aranceis provocaron unha caída do 9% en valor e do 4,5% en volume de viño español exportado a EE.UU., ademais dunha diminución de preto do 5% no prezo medio do viño que se exporta.

Igualmente, advirten de que esta medida afectou gravemente a case o 90% das adegas que, ademais de ver diminuída a súa facturación por unha caída no volume exportado, tiveron que absorber na súa marxe comercial todo ou gran parte dese 25% para non elevar o seu prezo de venda, segundo se desprende da enquisa de impacto realizada pola FEV entre os seus asociados o ano pasado, o que significou unha perda adicional de varias ducias de millóns de euros.

Neste sentido, o director xeral da FEV, José Luís Benítez, considera unha “excelente noticia” o anuncio porque pon fin a uns aranceis “profundamente inxustos” ao viño español por un conflito comercial no que nada tiña que ver.

Igualmente, pediu ás autoridades españolas que presionen á UE para negociar desde xa unha solución definitiva ao conflito con EE.UU. que consolide a suspensión por agora temporal dos aranceis nun mercado fundamental para o viño español envasado como segundo destino en valor para as nosas exportacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información