Hai exactamente un ano, en febreiro de 2025, o Sindicato Labrego lembra que se manifestaba en Lugo contra “a denegación masiva de incorporacións e plans de mellora, que ameazaba a viabilidade de centros de granxas galegas”. O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións a penas cubran unha pequena parte dos abandonos. Ante este contexto, o Sindicato Labrego cuestiona que sigan sen resolverse as axudas de incorporación e plans de mellora 2025.
Sen resolución
Este luns a gandeira e secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro, acudiu á xuntanza convocada pola Xunta sobre a PAC. Ferreiro aproveitou a reunión para preguntarlle á Consellería do Medio Rural polos expedientes de incorporación da convocatoria de 2025, “e confirmáronnos o que a semana pasada limos a través dalgún medio de comunicación: non vai haber unha aprobación desas axudas da convocatoria de 2025”.
O Sindicato Labrego sinala que a idea da administración é non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 e xuntalas coas convocatoria de 2026 e 2027. Dende o Sindicato Labrego Galego preguntámonos que vai pasar con todas as persoas labregas que pediron a incorporación en 2025.
“Están comprometendo a vida de moitas persoas, gandeiras, agricultoras, produtoras que organizaron a súa vida contando con esa axuda, que xa fixeron investimentos, que tivemos que coller a granxa por xubilación, etc. Amosamos a nosa preocupación polo que pode pasar no futuro, que as persoas que solicitaron en 2025 se atopen con impedimentos para poder solicitar en 2026, que non se cumpran os requisitos, etc. Non podemos concibir que as persoas que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela. Polo que pedimos de maneira urxente que se resolva a convocatoria de 2025, é unha cuestión de xustiza”, conclúen.
Galego









Control OJD