Unións Agrarias pide unha reorientación dos fondos do PDR en Galicia para dar cobertura financeira ás explotación gandeiras afectadas pola enfermidade da lingua azul e da EHE “que ven como a súa rendibilidade decae pola perda de animais como lucro cesante na súa conta de resultados”.
A Comisión Europea presentou a súa proposta de modificación do Regulamento UE (2020/2220) que se debatirá e votará para a súa aprobación polo Parlamento Europeo o próximo 17 de decembro. Esta modificación prevé incluír nos Programas de Desenvolvemento Rural unha axuda temporal excepcional para os agricultores, silvicultores e pemes especialmente afectados por catástrofes naturais.
Segundo Unións, isto permitirá que os Estados membros que recoñezan formalmente a afectación para conter unha enfermidade o praga poidan incluír nos seus PDR unha nova medida de axuda temporal excepcional para compensarlles as perdas sufridas. É dicir, “daría encaixe legal para compensar as perdas ocasionadas pola lingua azul e a EHE nas zonas máis afectadas, toda vez que a UE ven de incluir as enfermedades animais como elexibles dentro da medida 23 e que serán consideradas como vencelladas ao Cambio Climático”, explican dende a organización agraria.
Dado que son as Comunidades Autónomas as que teñen a potestade de solicitar ou non a posta en marcha desta medida, Unións Agrarias anuncia que apoiará en todo caso a súa inclusión no último ano de execución do PDR de Galicia 2014-2022, xa que está de facto prolongado ata o 31/12/2025 pola aplicación da norma n+3 dos fondos FEADER da Unión Europea.
Esta modificación do PDR de Galicia, deberá de aprobarse en Galicia o máis tardar o 30 de xuño do 2025 e igualmente abonar os pagos aos gandeiros afectados a máis tardar, o 31 de decembro do vindeiro ano.
Dende Unións Agrarias explican que “a axuda consistirá nun pago directo por explotación afectada, na que se producirá cando menos unha perda do 30% do seu potencial de produción, cun tope máximo de 42.000 euros. E irá financiada polo FEADER ao 100%, polo que nin o Estado nin a Xunta de Galicia terían que facer aportacións adicionais de cofinanciamento da medida”.
Ademáis, lembran que “dado que a modificación do PDR consiste na reprogramación de fondos, non haberá fondos adicionais de Bruxelas, senón que se terá que conformar unha partida orzamentaria a partires dos remanentes do PDR de Galicia 2014-2022 que quedan ainda sen executar”.
Por último, advirten de que, “a fin de encaixar os tempos, o PDR de Galicia tería que ser modificado polo procedemento de urxencia nos vindeiros meses”.