Piden que se suba a idade de sacrificio dos becerros de Ternera Gallega Suprema ata os 12 meses e diferenciar aos aleitados

Veau et vache Rouges de Gallice au parc, le veau tetant sa mere, de profil, Espagne.

A organización Unións Agrarias ven de remitir un escrito ao presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega no que se solicita unha modificación no regulamento do Consello Regulador para modificar a idade de sacrificio na categoría en Ternera Gallega Suprema pasando de 10 a 12 meses. Ademais, pídese que se abra unha nova categoría para becerros aleitados para aqueles xatos que se alimentan de leite materno ata o seu sacrificio ( antes dos 8 meses de idade) e que pasa estabulado polo menos tres meses da súa vida.

Con esta mellora Unións Agrarias pretende que os produtores de TG Suprema “poidan competir en mellores condicións, cun produto de maior calidade e en mercados de fóra de Galicia”. “En paralelo trátase de incentivar que se certifiquen mais animais dentro da IXP para fortalecela fronte ás ameazas que poidan vir de carne de terceiros países (sobre todo Mercosur), dada a situación de mercado na que o desequilibrio oferta/demanda está provocando que se estea certificando menos animais dentro da Indicación Xeográfica Protexida”, argumentan dende Unións.

Engaden que “para os produtores a creación dunha nova marca dentro da Ternera Gallega Suprema coa indicación de aleitada permitira que moitos xatos que se están comercializando con idades en torno aos 8 meses (25% animais de Ternera Gallega Suprema) poidan acadar mellor prezo. Ademais existe a posibilidade de poder exportar este tipo de canais a outros territorios do Estado onde este tipo de carne é moi apreciada”.

Subir a idade de sacrificio en Ternera Gallega Suprema ata os 12 meses

UUAA destaca que para os gandeiros a posibilidade de deixar os animais ata os doce meses “suponlles que poidan incrementar o peso, o engraxamento e a mellora das calidades organolépticas dos mesmos, e polo tanto a súa rendibilidade”.

Pola súa banda, consideran dende a organización agraria que “as persoas consumidoras veranse beneficiadas ao poder dispor de maior variedade de carne, dende animais de menos de oito meses ata animais de menos de doce perfectamente diferenciados”. “Ao subir a idade de sacrificio da Ternera Gallega Suprema ata os doce meses rómpese o desequilibrio existente ente a TG Suprema e a TG convencional, xa que esta última podía sacrificarse a esta idade. Isto supoñía unha desvantaxe para os gandeiros de TG Suprema que tiñan que vender os seus animais antes dos dez meses, perdendo quilos e calidade polo menor engraxamento”, explican.

A modificación normativa proposta por Unións Agrarias estaría amparada pola normativa europea e española, onde se inclúe Tenreira sacrificada antes dos oito meses (V) e dende os oito os doce meses (Z).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información